"Non hai que agocharlles o cancro aos nenos; afrontalo faralles ter máis empatía de adultos"

Beatriz Figueroa, tras participar nun acto en Barcelona CC-BY-SA Praza Pública

Hai xa case tres anos, Beatriz Figueroa comezou a súa batalla. En solitario, sen apenas apoio, esta enferma de cancro pelexou -e pelexa- por unha maior protección social e laboral para os doentes desta enfermidade que estean en tratamento. Fixo folga de fame, recolleu sinaturas e presentou medio millón no Congreso, onde tan só o PP votou en contra da toma en consideración da proposta na que solicitaba a incapacidade permanente, non definitiva, para os enfermos sometidos a un tratamento e mentres non se produza a súa curación.

Ademais, reclama a exención do copagamento farmacéutico para os enfermos, obrigados a abonar o 40% do importe dos seus medicamentos mesmo cando perciben unicamente 426 euros como subsidio por desemprego tras esgotar o paro. Chegou ata a Defensora do Pobo, que acusou a Xunta de poñer en "risco" a saúde das persoas sen recursos nun duro escrito. 

Figueroa colabora coa comunidade educativa para que os nenos afronte da mellor maneira posible a enfermidade dos pais

Na súa continua loita, e co gallo do Día Mundial contra o Cancro, esta activista polos dereitos dos enfermos engade outra perspectiva á realidade desta doenza desde a súa experiencia: a dos familiares e, nomeadamente, a dos fillos dos afectados. Convidada pola Federación Olívica de Asociacións de Pais de Alumnos (Foanpas), participou o pasado mércores nunha charla enfocada na comunidade educativa e nas familias dos máis pequenos. Nela incluíronse varios testemuños, moitos deles algúns dos centos que Beatriz Figueroa leva recibindo desde que en maio de 2013 denunciara publicamente a desprotección económica, social e laboral dos doentes. 

"O cancro segue a ser unha enfermidade que xera moitos medos e incertidumes entre as persoas que arrodean o enfermo. Falar do cancro non é nada doado e moito menos cando tes que dalo a coñecer a uns cativos", explica Figueroa. Unha desas experiencias relatada -e que emocionou o auditorio- foi a de Beatriz Rouco e o seu fillo de apenas 13 anos. Logo de detectárenlle unha leucemia, a empresa na que traballara 26 anos convidouna a marchar sen pagarlle indemnización ningunha. "E non denunciou porque tiña outra batalla que librar: seguir con vida". 

"Hai que afrontalo e non agochalo; é a maneira na que os nenos viran en persoas máis sensibles e empáticas"

"O rapaz emociónase pero é moi enteiro; é duro pero hai que afrontalo e non agochalo; a mala experiencia converte os nenos en persoas sensibles e que aprecian máis todo o que teñen, tamén no futuro", asegura Beatriz Figueroa, que cre que "na sociedade do consumismo e do materialismo, vivir estas cousas, dentro do malo, fai que moita xente recupere valores que se perderon". 

"Os máis pequenos edúcaselles coa tendencia ao éxito, coa crenza de que todo vai saír ben... E afastámolos da realidade e dos adultos, pero eles serán os adultos do futuro e non lle podemos dar as costas ao que pasa; son momentos duros e difíciles, pero terán que abordalos coa axuda dos pais e dos profesionais", engade quen insiste en que aos nenos "hai que falarlles con naturalidade do cancro". "Se así se fai, no día de mañá terán máis empatía co sufrimento e as dificultades dos demais, serán máis solidarios e terán máis conciencia para unha actitude positiva de cara á sociedade", continúa. 

"Hai que falar con naturalidade do cancro e non afastar os nenos da realidade senón afrontala coa axuda dos pais e dos profesionais"

Todo malia experiencias duras como as que se escoitaron en Vigo. Como a de Javier, un home que quixo deixar o tratamento, non polas graves consecuencias físicas, senón porque a incapacidade para traballar e os 426 euros que recibía impedían que a súa filla tivese todo o que el lle quería dar. "Non é unha parte amable, non é fácil afrontalo, pero facelo enriquece e afastalo non serve de nada", conta. 

Ademais, Beatriz Figueroa insiste, como os expertos, en que "hai que chamarlles ás cousas polo seu nome". "Evitar a palabra cancro non é bo e se non llo dis a un pequeno abertamente, acabará escoitándoo na súa contorna e asustarse", explica tras un coloquio no que se insistiu na necesidade de, con apoio profesional, se sitúe os rapaces ante a realidade, tamén como unha maneira de que a súa concienciación social e empatía cara aos demais aumente. 

Alba e Manuel, dous rapaces de menos de once anos, enviaron tamén á charla un relato sobre como enfrontaron o cancro da súa nai, que loita tamén na xustiza contra a decisión da Seguridade Social de denegarlle a incapacidade malia os seus problemas físicos. En abril ten o xuízo "aínda que apenas ten forzas para saír da casa". Falou tamén Susana, asturiana que perdeu o seu traballo -era pescadeira- e agora está en paro "sen incapacidade recoñecida para a súa profesión, pero si completamente imposibilidatada para poder exercela". Xa que logo, tratando de "reinventarse" facendo cursos "para poder volver ao mercado laboral". 

"A familia e os nenos, malia toda esa desprotección social e laboral, teñen que abordar o cancro da mellor maneira, como calquera outro enfermo", explica Figueroa, que xunto outros afectados e implicados nesta loita intentaron abordar a difícil situación de explicarlles aos máis pequenos a doenza e as súas posibles consecuencias. A activista lembra que "nos proxectos educativos non se contempla preparar os alumnos para a dor, o sufrmiento, o fracaso ou a morte". "Cando se atopan con estas realidades, a súa frustración é enorme e os seus recursos, escasos", di. 

"Queda moito por facer; moitas veces son os adultos os que evitan a realidade e afastan os seus fillos dela"

Polo momento, Beatriz recibiu xa varios convites para levar a cabo charlas en centros escolares e o vindeiro 16 de marzo acudirá a un instituto vigués a abordar a enfermidade cos alumnos. Aínda así, advirte que "para poder achegar esta realidade ás aulas, os pais teñen que estar de acordo... Moitas veces son os adultos os que evitan enfrontarse a ela e afastan os seus fillos de quen a sofre ou llela explica". "Moitas veces só o entendemos os que o pasamos ou os que teñen persoas achegadas que o sofren; queda moito por facer pero é fundamental que os nenos de agora sexa adultos empáticos", remata.

Material empregado na charla Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.