A polémica polas eivas no tratamento dos abortos euxenésicos en Galicia sacou á luz varios testemuños de mulleres relatando as súas difíciles experiencias. A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (PGDA) advertiu que en varios hospitais públicos galegos -cando menos na Coruña e Ferrol- non se garante a asistencia necesaria, nin a duha matrona nin a do persoal médico axeitado, ou que mesmo as pacientes deben expulsar o feto en solitario nun baño. E algunhas afectadas contárono. A alternativa que dá o Sergas para garantir unha asistencia médica completa e o acompañamento continuo da muller é acudir a unha clínica privada en Madrid, onde o trato é o axeitado, e con todos os gastos pagos. Aurora González, de Ribadeo, decidiu tamén relatar a súa experiencia, neste caso censurando que tivese que trasladarse á capital do Estado xestante de 19 semanas sen que a Xunta lle dese outra alternativa. Alí, segundo dixo, a atención non foi a que ela agardaba, malia que a clínica Isadora goza co prestixio de ser o primeiro centro español cunha vocación social para atender mulleres para a interrupción do embarazo e que foi recoñecida pola súa atención exquisita ás pacientes.
Sorprendidos polas críticas, responsables da clínica Isadora dan a súa versión. "Quedamos sorprendidísimos; se en algo puidemos errar, sentímolo moitísimo e pedímoslle perdón á afectada se foi así", explica Empar Pineda. Recoñecida activista feminista e a favor do dereito ao aborto, foi responsable do centro desde a súa fundación hai máis de vinte anos e sufriu, ao igual que a propia clínica, o acoso, as presións e as denuncias dos movementos antiabortistas máis retrógrados. Por todo isto, rexeita que se poida nin tan sequera pensar que o trato á muller no centro non sexa o idóneo. E dio ela, que agora xubilada explica cal é o protocolo a seguir logo de pelexar toda a vida polas mulleres.
"Se algo nos caracteriza é a formación en empatía; somos moi conscientes do sufrimento das mulleres, máis se teñen que desprazarse", din desde Isadora
Aurora asegurou que en Isadora non tivera "a máis mínima empatía" con ela. Pineda aclara que "se por algo se caracteriza" a clínica é "pola formación en empatía que se lle dá a todos os traballadores". "Somos moi conscientes do que significa deter un embarazo, e máis cando é debido a unha malformación ou por problemas de saúde e véndose obrigadas a desprazarse", explica tras lembrar que "o equipo médico é o primeiro que empezou facendo abortos en España".
Pineda insiste en que "o trato é o máis exquisito" e que a cada muller se lle proporciona "un cuarto con dúas camas" para que poida estar sempre co seu acompañante. "Tanto o persoal médico como de enfermería están pendentes delas permanentemente, día e noite... De non ser así, o propio Sergas non tería chamado a atención", continúa quen advirte da cantidade de testemuños e cartas de agradecemento que reciben na clínica pola atención recibida. "Cada muller é un mundo e as expectativas coas que veñen adoitan ser diferentes, pero se por algo destaca o centro é polo tratamento ás pacientes", engade. A Xunta leva máis de vinte anos cun acordo con este centro, a onde envía as mulleres aos que non pode asegurar unha asistencia completa en Galicia superadas as 14 semanas de embarazo.
A muller de Ribadeo que deu o seu testemuño denuncia que lle fixeron un legrado en lugar de inducirlle o parto. Pineda asegura que cando unha muller chega cos problemas como os desta afectada, "explícanselle as opcións e elixen entre a inducción ou un aborto máis rápido que lles permite marchar o mesmo día". "O 95% delas elixen esta segunda opción", advirte, aínda que non pode dar detalles do caso da galega, que empezou a súa denuncia denunciando que ningún hospital galego lle ofrecese a atención necesaria nin lle permitise interrumpir o seu embarazo.
"Oxalá ningunha muller tivese que facer eses quilómetros; por suposto que o aborto debería estar regulado e asegurado na sanidade pública", di Empar Pineda
E aí, Empar Pineda coincide. "Desde o noso punto de vista, oxalá ningunha muller tivese que facer esa cantidade de quilómetros... Aínda por riba do sufrimento, ter que saír da súa contorna e viaxar non é o máis axeitado", asegura. Preguntada por se os casos destes abortos deberían estar garantidos nos sistemas sanitarios públicos, tamén é clara: "Por suposto que debería estar regulado e asegurado na sanidade pública".
No fondo, como denuncian a PGDA e as mulleres afectadas pola nula ou precaria asistencia nos seus abortos, o problema é que o sistema sanitario público en Galicia non garanta a atención médica completa e continua para estes casos. Ou viaxan a Madrid para garantir unhas condicións axeitadas -como ás que se lle recoñeceron tantas veces á clínica Isadora- ou son atendidas nalgún hospital público galego, dos que se denunciaron múltiples eivas. A Xunta, mentres, mantén que non cambiará o protocolo pero que investigará os posibles problemas. E ao tempo, os testemuños sobre precarias condicións no Sergas continúan chegando.