A non nata lei de acuicultura foi o cemento que lle faltaba a quen traballan o mar galego, a ligazón para tecer unha dificilísima unidade. Cando o Goberno da Xunta comezou a explicar os seus plans o sector, no que o PP ten unha importante implantación en puntos clave como diversas confrarías, acusouno de tentar beneficiar as grandes multinacionais ao promover un "modelo insostible ambiental e socialmente". O rexeitamento foi medrando dende fóra pero tamén dende dentro das filas populares e á reivindicación contra a lei engadíronse outras: o reparto do cerco, as taxas ou os atrancos para a pesca artesanal. Todas estas e moitas outras desembocaron este sábado nunha multitudinaria manifestación en Compostela na que milleiros de persoas lle fixeron fronte á chuvia, á sarabia e mesmo á neve "na defensa do sector do mar".
"Tontos somos, pero dos coches sabémonos apartar", resumiu o voceiro de pesca do PP, José Manuel Balseiro, para ilustrar a actitude do seu partido neste contencioso. Neses coches viña cada vez máis xente e o Goberno galego tentou frealos en dous tempos: o 27 de xaneiro o propio presidente da Xunta ofreceu "diálogo" e un freo na tramitación da norma que para o sector non era dabondo. Esta mesma semana, a catro días da manifestación, a conselleira Rosa Quintana anunciaba na TVG a paralización definitiva do proxecto e, ao tempo, informaba dela por carta a unhas 300 entidades. "Non quere a foto da Praza do Obradoiro chea e retirar a lei despois, quere desconvocar a manifestación", sinalou en declaracións a Praza.gal o voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido.
E a foto, efectivamente, produciuse. A Santiago chegou un centenar de autobuses e innumerables vehículos privados. Confrarías, bateeiros, mexilloeiros, colectivos ecoloxistas e as forzas da oposición política anegaron o centro da capital e desembocaron no Obradoiro. O temporal de frío, chuvia e neve provocou que ante a Catedral compostelá e o Pazo de Raxoi se reproducise unha imaxe que aínda provoca desacougo nos actuais responsables do PP galego: unha marea multicor de paraugas facendo rebordar a praza, como aquel 1 de decembro de 2002 de indignación contra a xestión da crise do Prestige.
A retirada lei de acuicultura actuou como a ligazón que lle faltaba ao sector, que ateigou Santiago baixo a chuvia e a sarabia
Durante o percorrido, a rapazada termou na cabeceira dunha pancarta co lema "O mar é o noso futuro". A continuación, as entidades convocantes despregaban outra faixa: "En defensa do noso mar". Ao redor, diversos cartaces clamaban polo "futuro" e por todas partes e con soportes diversos, reivindicacións chegadas de todo o litoral: por un reparto xusto, polas pensións dos mariñeiros galegos que traballaron en Noruega, contra a peixicultura industrial ou contra as piscifactorías en espazos protexidos, entre outras moitas.
"Quintana, Maneiro, faredes historia arruinando a frota galega", rezaba a camisola dun dos manifestantes entre os que marcharon tamén representantes políticos como o líder o do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, o aínda portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, o voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, os seis representantes de En Marea no Congreso ou o alcalde de Santiago, Martiño Noriega. Para a Federación Galega de Confrarías, o sucedido este sábado en Compostela é a mellor mostra do que o sector pode lograr a través da "unidade". "Conselleira, dimisión", repetiuse sen cesar ata o remate da protesta, co acto final que conduciu o actor Carlos Blanco.
O PP ataca a manifestación por "política" e sentencia que "non ten sentido"
Como naqueloutras masivas manifestacións baixo os paraugas, o PP tamén retrucou á deste sábado apuntando a intereses partidarios por tras das mesmas. Dende a evidencia de que se tratou dunha protesta "política", toda vez que reclama unhas medidas políticas e rexeita outras, o voceiro dos conservadores, Miguel Tellado, sentencia que a manifestación, simplemente, "non ten sentido", porque foi para "protestar contra un anteproxecto de lei que xa foi retirado". "Estase usando aos homes do mar de forma interesada para facerlle oposición ao Goberno galego", di Tellado, que ve os manifestantes "manipulados" e, ao tempo, acusa o PSOE de "sufragar" con cartos públicos "unha campaña electoral que comeza demasiado pronto".