A acusación de "terrorismo" por unha bufanda do Celta reabre o debate da censura no fútbol

Momento de tensión pola expusión dun seareiro en Balaídos Dominio Público @miqe_8

"Imos asistir a numerosos e divertidos episodios de polémica sobre que é reivindicativo e que non o é, porque os encargados de executar estas medidas van ser principalmente os seguratas das portas dos estadios e cada un aplicará o criterio que lle pareza". Con este comentario, un lector de Praza pareceu advertir hai case un ano as consecuencias do exceso de celo da Liga de Fútbol Profesional (LFP) á hora de endurecer as restricións de acceso aos campos. Pasaran poucos meses do asasinato de Jimmy en Madrid a man de ultras do Frente Atlético e a LFP, da man do CSD, enviou unha circular aos clubs de Primeira e Segunda baseada na Lei contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte e coa que se intentaba evitar a presenza de simboloxía ofensiva e de grupos ultras nos recintos deportivos. Pero a cousa foise das mans e son xa varios os seareiros galegos afectados por decisións tan arbitrarias como difíciles de comprender. 

Un veterano seareiro do Celta foi expulsado por enarborar unha vella bufanda de Celtarras

O último caso ocorreu este mércores en Balaídos durante o partido entre o Celta e o Villarreal. Sufriuno un veterano socio do Celta, de 35 anos de antigüidade, que foi expulsado do estadio logo de enarborar unha vella bufanda da peña Celtarras que un garda de seguridade considerou como un "acto de exaltación do terrorismo". Relátano varias testemuñas e o propio implicado, que supera os 50 anos, no Faro de Vigo

Un membro de seguridade do club, mentres o afeccionado lucía a súa bufanda na interpretación do himno do Celta, acudiu xunto a el para advertirlle de que a bufanda estaba "prohibida" e que lla ía requisar. Argumentou que supoñía "exaltación do terrorismo" pero José, así se chama o afectado, non entregou a prenda e pediu a presenza da policía nacional no caso de que se lle intentase quitar. Acoden máis vixilantes, un deles ameaza con sacar a porra e varios seareiros defenden o seu compañeiro de bancada, segundo varias testemuñas. Un deles chega a caer. Finalmente, a policía e leva o afeccionado para despois reterlle o seu carné de abonado e expulsalo do estadio. No balbordo, os implicados chéganse a decatar da mala interpreación dos feitos e mesmo do esaxerado da reacción. 

O garda de seguridade privada argumentou que lucir a prenda supoñía "exaltación do terrorismo"

A bufanda motivo da polémica leva o nome da peña Celtarras, o escudo do club vigués e unha xarra de cervexa en tons brancos, celeste e azul mariño. Ademais, en letras pequenas pódese ler sempre Celta e borrachos e orgullosos. É unha das prendas antigas deste colectivo fundado en 1987. Unha testemuña, en conversa con Praza, asegura que non foi a única bufanda requisada. "Outra que levaba unha estrela vermella, tamén", di, ademais de advertir de que o control sobre as prendas de animación que levan os seareiros é algo xa habitual en varios partidos en Balaídos. As queixas polas medidas de seguridade implantadas no estadio son continuas.  

"Non quero nin ir recoller o carné. Que me devolvan os cartos dos partidos que quedan esta tempada e xa está. Tratáronme como un delincuente. O Celta non merece esta situación", di no Faro este afeccionado, que chega a denunciar o clima que se respira na sociedade, especialmente no fútbol, que provoca "que unha bufanda coma esta poida vincularse ao terrorismo". 

Porque non é a primeira vez que pasa algo semellante. Nesta mesma tempada, a afeccionados do Deportivo requisáronselles bufandas e bandeiras en Valencia co argumento de que lucían unha caveira -símbolo presente no escudo da cidade e que acompañaba ao lema Vivir na Coruña que bonito é-, por alusións ao grupo Riazor Blues ou por lucir unha estrela vermella ou a imaxe de Jimmy. A Federación de Peñas denunciou os feitos e trasladou as súas queixas ao club. 

A afeccionados do Deportivo requisáronlles bufandas en Valencia por levar unha caveira e antes por lucir unha estrela vermella

Meses antes, e pouco despois do asasinato do afeccionado deportivista en Madrid, o exceso de celo dos gardas de seguridade de Riazor provocou tamén que fosen requisadas estreleiras, bufandas que lucían algunha estrela vermella ou aquelas coa inscrición Galiza

E moito antes, afeccionados de Celta, Deportivo e Obradoiro queixáronse en numerosas ocasións do veto ás bandeiras nacionalistas galegas en diferentes estadios, algo que lle valeu incluso o reproche do Valedor do Pobo ao Goberno central, que xustificara a súa prohibición. Ademais, foron moitos os seareiros que denunciaron os devanditos vetos a certos símbolos, mentres se podían ver en numerosos recintos simboloxía fascista. 

Ao tempo, o presidente da Liga de Fútbol Profesional, Javier Tebas, amosou a súa conformidade con que a final da Copa do Rei sexa suspendida no caso de que se asubíe o himno de España. Nunha polémica entrevista a pasada fin de semana en El Mundo, o propio Tebas, que fora membro das mocidades do partido fascista Fuerza Nueva, aseguraba que "ás veces", botaba de menos "un Le Pen á española" e reivindicaba as súas ideas de extrema dereita. 

O Valedor do Pobo xa reprochara ao Goberno central por xustificar o veto a bandeiras nacionalistas nos estadios

No seu intento por deter a presenza de ultras, Javier Tebas está a recibir moitas críticas por parte da maioría das afeccións. Na polémica documentación enviada aos clubs hai un ano, a LFP asegura tamén que "o interior do recinto deportivo debe quedar para as expresións de apoio ao club no campo deportivo, e en ningún caso se permitirán pancartas ou elementos análogos ou similares de carácter comercial, político, social, relixioso ou reivindicativo, que son alleas ao deporte". E mesmo recomenda que esta medida "se recolla nos regulamentos internos de cada club ou SAD".

A dúbida xurdiu en saber cal sería o límite, xa que no caso de que a norma se aplique estritamente, mesmo unha bandeira de Nunca Máis -cuxo lucimento mesmo futbolistas galegos impulsaron por exemplo hai dúas tempadas-, o chamamento a unha manifestación e calquera reclamación social ou política podería ser vetada nun estadio de fútbol. O caso é que, segundo as denuncias de moitos afeccionados, son aínda moitas máis as cousas que se están prohibindo. 

Bufanda de Celtarras requisada en Balaídos Dominio Público Praza Pública
O garda de seguridade intenta requisar a bufanda do seareiro Dominio Público @miqe_8

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.