En loita contra a mina. A Plataforma pola defensa de Corcoesto vén de presentar na Xunta de Galicia as alegacións ao proxecto da mina a ceo aberto prevista nesta zona de Cabana, pero que afecta tamén os municipios de Ponteceso e Coristanco. Co apoio de preto de 1.300 sinaturas, este colectivo contrario á explotación da empresa canadiana Edgewater Exploration intenta así deter o que consideran que equivalería “a meter unha bomba” neste val da comarca de Bergantiños.
Coa presentación das alegacións, e logo de que o proxecto saíse a exposición pública para acadar a consideración de “estratéxico”, a plataforma pretende botar abaixo os argumentos que a compañía americana expón para xustificar as teóricas bondades dunha mina que ocuparía unha extensión de máis de 700 campos de fútbol. “Corcoesto é un val entre dous montes, cheo de manantiais, fontes e ríos... O impacto sería abismal”, explica Fernando M. Souto, un dos voceiros do colectivo sobre aurífero explotado xa polos romanos en busca de ouro e no que traballaron moitos veciños desde finais do século XIX e até a súa paralización hai xa décadas.
As alegacións pretenden desmontar as presuntas bondades dunha mina que destruiría unha extenxión equivalente a 700 campos de fútbol
Agora, e logo de que hai tres anos a empresa Kinbauri xa adiantara a intención de retomar os traballos no aurífero, a proposta oficial de Edgewater Exploration fixo erguerse a moitos veciños, conscientes da “perigosidade” do proxecto e de que “moitas das promesas que fan non son tal”.
Nestes tempos de crise, a compañía aprovéitase para prometer, tal e como aclara o proxecto, 271 postos de traballo, unha cifra que a plataforma, logo de consultar con varios expertos, pon en serias dúbidas. “Non máis de vinte empregos serían para xente da comarca, porque o resto son para técnicos especializados da propia empresa e a través de subcontratas”. “Xogan co medo da xente pola situación económica e intentan dividir os veciños”, engade Souto, que advirte que “aínda que creasen o emprego que prometen”, o impacto socioeconómico e ambiental da mina non compensaría. Nin moito menos. “Corcoesto dou traballo toda a vida a través de explotacións madereiras ou gandeiras, da agricultura... Se se abre esta mina todo isto desaparecerá e temos que ter en conta que afecta a dez quilómetros á redonda”, explica.
"Aproveitan a crise económica para xogar co medo da xente e intentar dividir os veciños"
E desaparecerá porque, segundo os expertos que colaboran coa plataforma, o informe presentado pola propia empresa reflicte “un contido de arsénico nos residuos que se prevén xerar que sobrepasan en moitas veces o límite permitido na lexislación vixente”, uns datos que pretenden ocultar “poñendo por diante unha media dos resultados obtidos só nalgúns pozos”. De feito, o colectivo denuncia que os papeis presentados pola empresa son “idénticos” á proposta levada a cabo en Asturias e que acabou, non só con protestas veciñais e un rexeitamento xeral, senón con graves consecuencias políticas e un contencioso xudicial que suma xa sete anos.
A plataforma esixe tamén un informe de Aguas de Galicia que avalíe que o proxecto, baseado no uso de cianuro, se adapte á Directiva marco sobre política de augas. Os efectos sobre a rede hidrográfica e os río Anllóns sería “catastrófico”, segundo o colectivo.
Porque o método empregado para a obtención de ouro, separado a través do cianuro, xa foi prohibido por varios países e rexeitado polo Parlamento europeo. No entanto, e tal e como denuncian todos os colectivos contrarios á mina, a catalogación deste proxecto como “estratéxico” por parte da Xunta permitirá a Edgewater Exploration evitar moitas das esixente medidas medioambientais.
A plataforma advirte da contaminación hidrográfica e da afectación que sufrirían os terreos e, polo tanto, as explotacións gandeiras ou madereiras da zona
A empresa canadiana aproveita tamén que a vella lei de mineiría española non estea preparada para enfrontarse á mineiría a ceo aberto e utiliza os baleiros legais para apostar por proxectos que lle sería moi difícil noutros estados. Ademais, e para evitar “responsabilidades ante as promesas incumpridas e os atentados ambientais”, Edgewater traballa “dunha forma piramidal” a través de filiais e subcontratas que van realizando os diferentes traballos. De feito, Kinbauri, a comañía que xa fixera probas hai anos, Río Narcea Gold Mines e todas as súas derivadas acaban compartindo donos e membros nos consellos de administración, moitos deles ex ministros do Goberno de Canadá.
"Teñen moito poder de convencemento"
Mentres, a empresa xoga as súas cartas e presiona todo o que pode os veciños da zona. “Teñen moito poder de convencemento porque, no fondo, non son máis que buscadores de ouro”, explica Fernando M. Souto, que explica como a compañía aproveita as catas previas “e subvencionadas” que xa se están a realizar na zona para “instalarse e ir ofrecendo algún posto de traballo. E todo a través de subcontratas”, aclara, tras contar como esta mesma táctica foi empregada en Asturias, de onde hai pouco chegou xente para apoiar as protestas en Cabana de Bergantiños e explicar os problemas sufridos con Edgewater.
"A empresa ofrece traballos moi determinados, infíltrase na asociación de veciños ou colabora coa comisión de festas"
Aquí tamén os sofren, segundo a plataforma. “Infíltranse na asociación de veciños, no equipo de fútbol, axudan na comisión de festas ou fan camisetas; esa é a súa táctica para irse gañando o favor da poboación”, relata Souto, que comproba como, agora si, “un 80% dos veciños están contra o proxecto da mina”, malia que nun principio non fora así.
“Sempre hai algo de división e os catro ou cinco que van estar a favor, pero todos aqueles que adquiren información acábanse posicoinando en contra; outra cousa é que se pronuncien en público”, di Souto, que conta casos como os de veciños que amosan en privado o seu rexeitamento ao proxecto pero que “teñen terras arrendadas a persoas que o apoian ou incluso traballan para eles”. Aínda así, na plataforma son conscientes de que o seu traballo de divulgación e concienciación deu os seus froitos, especialmente cando moitos donos de explotacións gandeiras “se decataron do perigo sanitario e económico que tiña para o seu modo de vida”.
A plataforma cre que sobre o 80% dos veciños está en contra da explotación mineira
“É unha tecnoloxía contaminante e contraria á lei para instalarse nunha zona sen tradición industrial, mal comunicada e cunha viabilidade que non está asegurada, xa que o valor do ouro é moi cambiante”, explican na plataforma para preguntarse como a Xunta é capaz de definir o proxecto como “estratéxico”.
Na plataforma están convencidos de que todo este proceso acabará “nun contencioso” e que “durará anos”. Por iso, prometen seguir apoiando o pobo e informando os veciños dunha mina a ceo aberto que, segundo cren eles e unha morea de colectivos ecoloxistas que os apoian, sería “unha bomba para Corcoesto”.