0 Gardados para despois

Un pobo en loita contra a "bomba" da mina de Corcoesto

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


En loita contra a mina. A Plataforma pola defensa de Corcoesto vén de presentar na Xunta de Galicia as alegacións ao proxecto da mina a ceo aberto prevista nesta zona de Cabana, pero que afecta tamén os municipios de Ponteceso e Coristanco. Co apoio de preto de 1.300 sinaturas, este colectivo contrario á explotación da empresa canadiana Edgewater Exploration intenta así deter o que consideran que equivalería “a meter unha bomba” neste val da comarca de Bergantiños.

Coa presentación das alegacións, e logo de que o proxecto saíse a exposición pública para acadar a consideración de “estratéxico”, a plataforma pretende botar abaixo os argumentos que a compañía americana expón para xustificar as teóricas bondades dunha mina que ocuparía unha extensión de máis de 700 campos de fútbol. “Corcoesto é un val entre dous montes, cheo de manantiais, fontes e ríos... O impacto sería abismal”, explica Fernando M. Souto, un dos voceiros do colectivo sobre aurífero explotado xa polos romanos en busca de ouro e no que traballaron moitos veciños desde finais do século XIX e até a súa paralización hai xa décadas. 

As alegacións pretenden desmontar as presuntas bondades dunha mina que destruiría unha extenxión equivalente a 700 campos de fútbol

Agora, e logo de que hai tres anos a empresa Kinbauri xa adiantara a intención de retomar os traballos no aurífero, a proposta oficial de Edgewater Exploration fixo erguerse a moitos veciños, conscientes da “perigosidade” do proxecto e de que “moitas das promesas que fan non son tal”.

Nestes tempos de crise, a compañía aprovéitase para prometer, tal e como aclara o proxecto, 271 postos de traballo, unha cifra que a plataforma, logo de consultar con varios expertos, pon en serias dúbidas. “Non máis de vinte empregos serían para xente da comarca, porque o resto son para técnicos especializados da propia empresa e a través de subcontratas”. “Xogan co medo da xente pola situación económica e intentan dividir os veciños”, engade Souto, que advirte que “aínda que creasen o emprego que prometen”, o impacto socioeconómico e ambiental da mina non compensaría. Nin moito menos. “Corcoesto dou traballo toda a vida a través de explotacións madereiras ou gandeiras, da agricultura... Se se abre esta mina todo isto desaparecerá e temos que ter en conta que afecta a dez quilómetros á redonda”, explica.

"Aproveitan a crise económica para xogar co medo da xente e intentar dividir os veciños"

E desaparecerá porque, segundo os expertos que colaboran coa plataforma, o informe presentado pola propia empresa reflicte “un contido de arsénico nos residuos que se prevén xerar que sobrepasan en moitas veces o límite permitido na lexislación vixente”, uns datos que pretenden ocultar “poñendo por diante unha media dos resultados obtidos só nalgúns pozos”. De feito, o colectivo denuncia que os papeis presentados pola empresa son “idénticos” á proposta levada a cabo en Asturias e que acabou, non só con protestas veciñais e un rexeitamento xeral, senón con graves consecuencias políticas e un contencioso xudicial que suma xa sete anos. 

A plataforma esixe tamén un informe de Aguas de Galicia que avalíe que o proxecto, baseado no uso de cianuro, se adapte á Directiva marco sobre política de augas. Os efectos sobre a rede hidrográfica e os río Anllóns sería “catastrófico”, segundo o colectivo.

Porque o método empregado para a obtención de ouro, separado a través do cianuro, xa foi prohibido por varios países e rexeitado polo Parlamento europeo. No entanto, e tal e como denuncian todos os colectivos contrarios á mina, a catalogación deste proxecto como “estratéxico” por parte da Xunta permitirá a Edgewater Exploration evitar moitas das esixente medidas medioambientais.

A plataforma advirte da contaminación hidrográfica e da afectación que sufrirían os terreos e, polo tanto, as explotacións gandeiras ou madereiras da zona

A empresa canadiana aproveita tamén que a vella lei de mineiría española non estea preparada para enfrontarse á mineiría a ceo aberto e utiliza os baleiros legais para apostar por proxectos que lle sería moi difícil noutros estados. Ademais, e para evitar “responsabilidades ante as promesas incumpridas e os atentados ambientais”, Edgewater traballa “dunha forma piramidal” a través de filiais e subcontratas que van realizando os diferentes traballos. De feito, Kinbauri, a  comañía que xa fixera probas hai anos, Río Narcea Gold Mines e todas as súas derivadas acaban compartindo donos e membros nos consellos de administración, moitos deles ex ministros do Goberno de Canadá.

 

"Teñen moito poder de convencemento"

Mentres, a empresa xoga as súas cartas e presiona todo o que pode os veciños da zona. “Teñen moito poder de convencemento porque, no fondo, non son máis que buscadores de ouro”, explica Fernando M. Souto, que explica como a compañía aproveita as catas previas “e subvencionadas” que xa se están a realizar na zona para “instalarse e ir ofrecendo algún posto de traballo. E todo a través de subcontratas”, aclara, tras contar como esta mesma táctica foi empregada en Asturias, de onde hai pouco chegou xente para apoiar as protestas en Cabana de Bergantiños e explicar os problemas sufridos con  Edgewater.

"A empresa ofrece traballos moi determinados, infíltrase na asociación de veciños ou colabora coa comisión de festas"

Aquí tamén os sofren, segundo a plataforma. “Infíltranse na asociación de veciños, no equipo de fútbol, axudan na comisión de festas ou fan camisetas; esa é a súa táctica para irse gañando o favor da poboación”, relata Souto, que comproba como, agora si, “un 80% dos veciños están contra o proxecto da mina”, malia que nun principio non fora así.

“Sempre hai algo de división e os catro ou cinco que van estar a favor, pero todos aqueles que adquiren información acábanse posicoinando en contra; outra cousa é que se pronuncien en público”, di Souto, que conta casos como os de veciños que amosan en privado o seu rexeitamento ao proxecto pero que “teñen terras arrendadas a persoas que o apoian ou incluso traballan para eles”. Aínda así, na plataforma son conscientes de que o seu traballo de divulgación e concienciación deu os seus froitos, especialmente cando moitos donos de explotacións gandeiras “se decataron do perigo sanitario e económico que tiña para o seu modo de vida”.

A plataforma cre que sobre o 80% dos veciños está en contra da explotación mineira

“É unha tecnoloxía contaminante e contraria á lei para instalarse nunha zona sen tradición industrial, mal comunicada e cunha viabilidade que non está asegurada, xa que o valor do ouro é moi cambiante”, explican na plataforma para preguntarse como a Xunta é capaz de definir o proxecto como “estratéxico”.

Na plataforma están convencidos de que todo este proceso acabará “nun contencioso” e que “durará anos”. Por iso, prometen seguir apoiando o pobo e informando os veciños dunha mina a ceo aberto que, segundo cren eles e unha morea de colectivos ecoloxistas que os apoian, sería “unha bomba para Corcoesto”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

A compañía prevé a súa apertura en 2013

O terreo onde se prevé a mina a ceo aberto ocupa unhas 780 hectáreas nun monte de Corcoesto, unha pequena parroquia de Cabana de Bergantiños, que levaba xa varios anos agardando noticias de empresas que hai anos se interesaran polo ouro que repousa baixo as súas terras. Xa hai uns 2.000 anos, os romanos procuraron mineral neste aurífero que pasou por numerosas mans, aínda que sen demasiado éxito. A Compañía Aurífera Gallega chegou no principio do século XX ata que The Sagasta Gold Mines reabriu a explotación na que xa traballara a finais do século XIX. Máis tarde, xa en 1998, Río Narcea conseguiu a autorización do Concello de Cabana para realizar prospeccións que duraron ata 2004 de forma interrumpida.

Kinbauri fixo prospeccións e análises desde 2006 para estudar a viabilidade do proxecto e á espera do visto e prace da Xunta

Desde entón e ata o ano 2006, a devandita empresa asinou unha colaboración con Kinbauri, mediante a que a compañía canadiana iría aumentando a súa participación no proxecto á vez que incrementaba o seu investimento nel. En 2008, Río Narcea decidiu vender a totalidade de Corcoesto, logo de estudos, prospeccións, informes e análises conxuntas que permiten determinar “a viabilidade do proxecto galego”, tal e como explicaba un dos técnicos. Kinbauri agardaba polo visto e prace da Xunta até que apareceu Edgewater Exploration, unha compañía de recente creación é vinculada á propia Kinbauri e aos potentes grupos mineiros de Canadá.  

O responsable de Edgewater fala dun proxecto "xa avanzado" e que "terá todos os permisos legais en 2013"

O seu responsable, George Salamis, explica con claridade neste vídeo que a empresa mantén só "dous proxectos en todo o mundo", un deles en Corcoesto e outro maior en África. Respecto ás súas intencións en Galicia, prevé unha produción anual de 1,2 millóns de onzas de ouro e unha media de ingresos anuais netos de 60 millóns de euros e aclara que é un proxecto "xa avanzado" e "con potencialidade" para aumentar os recursos de ouro. Así, anima aos investidores a apostar por "unha nova compañía" que conta ter con "todos os permisos legais listos xa no ano 2013". 

O proxecto da mina de ouro de Corcoesto

O responsable de Edgewater explica o seu proxecto mineiro en Galicia

© Edgewater

Dos romanos aos ingleses

A páxina web do Concello de Cabana de Bergantiños informa de que Corcoesto “é unha mina aurífera que se adscribe culturalmente á época romana” e na tradición oral de Corcoesto si se fala da presenza do Imperio na vila. “Primeiro foron os romanos, ¿pero quen os acorda? Eu non acordo, pero oín aos máis vellos, que armaban unha fogata e, despois, viñan con auga fría do río e estouraban a pedra, todo con lume, para sacar o ouro do cuarzo”, contaba un veciño da zona, Emilio Lema, contaba as vellas historias da mina. 

Emilio, xa falecido, comezara a traballar na mina de ouro en 1929. Desde cativo observaba actividade no Monte Furado –un nome moi indicativo para os historiadores–, onde a compañía inglesa The Sagasta Gold Mines Limited comezou a traballar en 1894, segundo as pesquisas do historiador Luís Giadás. Daquela empregaban “o método de cianurización ou amalgamento por mercurio, perigoso pola súa alta toxicidade”. De feito, “no lugar lembran a morte de moitos mineiros mozos naqueles anos”, explicaba hai uns anos en Xornal de Galicia.

Unha curiosidade: “O nome de Sagasta pode deberse a unha tentativa de simpatizar co presidente do Goberno liberal daqueles anos, o enxeñeiro rioxano Práxedes Mateo Sagasta –conta Luis Giadás– O certo é que aínda quedan en Corcoesto a Casa dos Ingleses e o Pozo do Inglés”. Da primeira quedan en pé os valados e o proxecto, parece que abandonado, de facer unha casa rural. Do Pozo do Inglés, a galería máis importante da mina, quedan as entradas seladas e posteriormente forzadas por curiosos.

En tempos, segundo conta Emilio, este pozo, “da galería para arriba, ten 30 metros e, para abaixo, ten 90 metros. Ten máis que ver ca un hotel, porque a cada anaco que baixabas, tiña galerías para todos lados, e con escaleiras coma as dunha casa”. Nos tempos en que traballou Emilio xa a Sagasta lle cedera os dereitos de explotación, en 1910, á Compañía Aurífera de Galicia, segundo as pesquisas de Giadás. Consta nos rexistros, polo menos, ata 1947.

Desde aquela, prospeccións, análises e máis probas. Agora, parece que a cousa vai en serio, pero a compañía de Canadá atópase co rexeitamento dos veciños ao proxecto mineiro.