A mineira de Corcoesto racha o seu idilio coa Xunta acusando a Feijóo de corrupción

Corcoesto, na actualidade CC-BY-SA Salvemos Cabana

A multinacional que pretendía un polémico macroproxecto mineiro en Corcoesto volve á carga contra a Xunta. Logo de que o Goberno galego cancelase a súa iniciativa, a firma canadense Edgewater comezou unha batalla legal que incluíu un recurso de reposición, outra ante a UE e un litixio por unha presunta ruptura de tratados internacionais. Solicita, entre outras cousas, 20 millóns de euros polo investido para impulsar esta mina a ceo aberto e presentou tamén un recurso contencioso-administrativo do que agora se coñecen detalles. 

A demanda de Edgewater inclúe documentos nos que se acusa de intento de suborno a "amigos de Feijóo"

Neste escrito de demanda, segundo puido saber Praza, Mineira de Corcoesto -filial de Edgewater- verte graves acusacións contra o Goberno galego e o propio Feijóo, ao que vinculan a prácticas corruptas. Tal e como confirman documentos filtrados a varios medios estatais, o propio presidente da multinacional canadense, George Salamis, enviou un correo electrónico ao xerente da filial, Lluís Boixet, no que aseguraría que non "alcanza a ver" que pode "facer de maneira distinta" para salvar o proxecto a parte de "pagarlles $$$ aos políticos". "Isto tería sido fácil e calquera pode facelo, pero non encaixa cos principios fundamentais de acordo aos cales facemos negocios", diría o máximo responsable da firma mineira. 

É un mail enviado o 12 de novembro de 2014, algúns meses despois de que o Goberno galego rexeitara o proxecto mineiro, argumentando que non cumpría cos requisitos económicos e financeiros requiridos e despois dunha forte contestación social en Galicia. Salamis chega a comparar en varias ocasións o país con Venezuela, territorio onde tamén intentou -frustradamente- levar a cabo negocios. "Agora vexo moi pouca diferenza entre o Goberno de Venezuela e a maneira que a Xunta nos está tratando. De feito, os camiños foron case idénticos. A lenta erosión de dereitos, a denegación de permisos, inventando leis novas e decretos polo camiño para pararnos, 'amigos' do presidente que veñen a nós con ofertas de axuda (que xeralmente quere dicir $$ nunha maleta Samsonite)", chega a lerse. 

"Amigos' do presidente veñen a nós con ofertas de axuda (que xeralmente quere dicir $$ nunha maleta Samsonite)", di un correo reproducido na demanda

O presidente de Edgewater mesmo admite que lle gustaría facer a comparación entre Galicia e Venezuela nos medios de comunicación, pero asume que, por un tempo, ten que "gardar silencio". A demanda fai continuas insinuacións e alude tamén a unha xuntanza con posibles investidores en Corcoesto en febreiro de 2013 na que estarían presentes representantes de Edgewater, Javier Aguilera, director do Igape, e o director de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces. 

"A empresa recibe certas insinuacións, e nalgún caso presión, sobre quen ten que ser a empresa que realice o movemento de terras ou sobre quen podía/debía ser o seu director xeral"

"Ao longo dese mes de febreiro e despois daquel encontro con investidores, a empresa recibe certas insinuacións, e nalgún caso presión, sobre quen ten que ser a empresa que realice o movemento de terras ou sobre quen podía/debía ser o seu director xeral. Non se accedeu nin a unha nin a outra", di. Non é a primeira vez que se fai referencia a reunións co Igape por medio. AGE desvelara en 2014 outra conversa reproducida nunha demanda de Edgewater na que se acusaba o responsable do Instituto Galego de Promoción Económica de garantir o seu "aval" á mina malia "non coñecer" o proxecto

 

Unha "empresa do Ibex" e "outro directivo dun medio"

Na demanda agora revelada, e sempre segundo a versión da empresa, tamén se fala de presións cando o proxecto xa fora cancelado pola Xunta. Edgewater buscaba un socio español e nunha xuntanza en Madrid o propio Salamis teríase reunido cun directivo dunha "empresa do Ibex" -moi posiblemente Sacyr- e "outro directivo dun medio de comunicación de tirada nacional". "Indicáronlle [ao presidente de Edgewater] que compría reconducir a situación a cambio de determinadas prestacións ás que non se accedeu", remata. 

A relación de Edgewater coa Xunta variou radicalmente. Feijóo, que durante un tempo foi a única persoa que aparecía na web da mineira, pasou de ser un aliado a un inimigo polo rexeitamento final do seu Goberno á mina, malia o apoio do principio. Mesmo a compañía celebraba os bos resultados electorais do PP e empresas consultoras da empresa declarábanse "positivamente sorprendidos" polo apoio do Executivo e do Concello de Cabana. 

Feijóo cualifica as acusacións de Edgewater de "calumnias" e atribúeas á reacción por non terlle aceptado o proxecto

Feijóo, preguntado polas novas revelacións, cualificounas este mércores de "calumnias" e xustificou estas revelacións na demanda na reacción dunha compañía que "non asumiu que nons e pode vir a Galicia a facer negocio e levar o diñeiro a outros lugares, neste caso a Canadá". "Si que que se pode vir a crear riqueza". Desde a Consellería de Economía e Industria non se descarta emprender accións legais contra estas acusacións.

"A Xunta fixo o que tiña que facer e agora a asesoría xurídica vai facer o mesmo e mirar o que di esta empresa", engadiu Feijóo, que cre que a reacción da empresa é "desproporcionada". "Alá eles se consdieran que Galicia é un lugar onde poden vir a explotar os seus recursos, facer negocio e levar os cartos... Confúdense de país e de goberno", remata. 

Alberto Núñez Feijóo, na web de Edgewater CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.