Vigo e a súa área volven á rúa pola sanidade pública oito meses despois

Masiva manifestación pola sanidade pública celebrada en Vigo hai unhas semanas CC-BY-SA CIG

Como fixera a principios do pasado mes de setembro, a cidadanía de Vigo e de toda a súa área metropolitana está convocada para saír á rúa este xoves en defensa da sanidade pública. A falta de organización, eivas, múltiples problemas e o modelo de xestión público-privado do novo hospital Álvaro Cunqueiro centraron as críticas daquela histórica mobilización que xuntou unhas 200.000 persoas

A cidadanía volve á rúa tras a histórica manifestación pola sanidade pública do pasado setembro

Desta vez, é a situación dos complexos hospitalarios a que leva tamén os reproches. Rescatémolos para a Sanidade Pública. Ese é o lema da marcha, en referencia tanto ao Álvaro Cunqueiro como ao Hospital Xeral. "Sete meses despois, a poboación e os profesionais continúan a padecer as consecuencias dunha pésima xestión e falta de previsión", din os convocantes, SOS Sanidade Pública e a xunta de persoal da área sanitaria, que aseguran que os cambios na Consellería de Sanidade e nalgunhas direccións da xerencia "apenas supuxeron un lavado de imaxe superficial, sen profundizar no que realmente provoca este cúmulo de despropósitos". 

Refírense aos cambios na dirección do novo hospital de Vigo e á marcha da ex conselleira Rocío Mosquera tras os graves problemas que se derivaron da apertura do Álvaro Cunqueiro. Será a partir das 8 da tarde desde a praza da España e á manifestación acudirán autocares desde varios puntos da comarca ou do Morrazo. Ademais, estará apoiada por toda a oposición ao PP e numerosos colectivos sociais, sindicais e veciñais. Para os convocantes, será outra reivindicación do "dereito irrenunciable" a unha "sanidade pública e de calidade" que, consideran, non é o que se asegura co modelo implantado pola Xunta nesta área sanitaria, a maior de Galicia. 

"A situación, no tema fundamental, é semellante á da última manifestación", explica a Praza Ángel Cameselle, presidente da xunta de persoal, que lembra que "os problemas que hai na sanidade pública de Vigo teñen que ver e derívanse da construción do novo hospital". "Cúmprense agora catro anos desde que o Sergas prometera aquelas 1.700 camas e todas as prestacións acordadas durante o bipartito, un compromiso que se mantivo ata as últimas eleccións municipais e que acabou por comprobarse irreal, non só no Álvaro Cunqueiro, senón tamén no Meixoeiro ou no Nicolás Peña", engade. 

Os convocantes reclaman a "recuperación" para a sanidade pública do Álvaro Cunqueiro e do Meixoeiro

En definitiva, reclaman o "rescate da sanidade pública" tras os recortes que, segundo denuncian, o modelo público-privado e de "privatización encuberta" provocou na área sanitaria viguesa. E, tal e como solicitaran xa centos de profesionais, piden o rescate da concesión do novo hospital, cuxa posible ilegalidade na adxudicación investígase na UE. "O importante é recuperar o Álvaro Cunqueiro porque recuperando este tamén recuperaremos os anexos do Xeral e o Meixoeiro, que está a medio gas, cunha planta que leva varios meses pechada e con camas pechándose continuamente mentres se derivan doentes á privada", di Cameselle. 

Desde os convocantes, insístese na "renuncia" da Xunta a ter un complexo hospitalario de referencia estratéxica para o sur de Galicia ou a "redución de camas e listas de espera inaceptables", cun recorte final de 517 prazas en todos os centros da zona. Ademais, censuran tamén a "redución das dimensións do Álvaro Cunqueiro e a dispersión de servizos asistenciais", os problemas de xestión ou as as deficiencias funcionais asociadas á falta de laboratorio e os problemas de transporte, sen alternativa, agravadas pola privatización e elevado custo dos aparcadoiros. 

"Non se fixo un novo hospital pensando na cidadanía, senón pensando e primando o negocio"

"Non se fixo un novo hospital pensando na cidadanía, senón pensando e primando o negocio", insiste Cameselle, que recorda que "entre o canon que se paga polo Cunqueiro e o de Povisa, o Sergas gasta uns 150 millóns de euros anuais, cos que se podían facer varios hospitais desta dimensión de xeito público". "O paciente debe ser o centro da sanidade, por iso temos que rescatar os hospitais". 

 

O "insulto" das listas de espera

Malia que recoñece que a loita da cidadanía e do persoal "foi resolvendo algo", como o pagamento que se lle esixía aos traballadores no párking ou o conflito pola intención de privatización dos celadores, "a xente segue a padecer moitos males". Cameselle cita o elevado custo dos aparcadoiros, o pago polo uso de internet ou a radio, a falta de medios ou as múltiples deficiencias. Pero céntrase nas listas de espera. "Son un insulto, non coñezo ningún outro lugar onde estean a este nivel. De feito, a lista de espera cirúrxica na área sanitaria é de 99,2 fronte a unha media de 79,8 en Galicia, só superada polos 139,2 do hospital privado Povisa. "Non pode ocorrer isto mentres se manteñen camas pechadas", di. 

Ademais, SOS Sanidade Pública lembra outros problemas derivados como as limitacións en Urxencias, o deterioro na atención primaria, os insuficientes medios do Centro de Orientación Familiar de Vigo ou o "colapso" no servizo de rehabilitación. Por isto e por todo o anterior, este colectivo e máis a xunta de persoal chaman á mobilización. "Será un toque de atención máis da cidadanía á Xunta, advertíndolle que a solución aos problemas sanitarias na área pasan por rescatar o Cunqueiro para a sanidade pública", di Cameselle, que non cre que a manifestación sexa tan masiva como a de hai oito meses pero que si confía nunha ampla convocatoria. "Daquela toda a xente bateu de súpeto coa realidade ao comprobar a precaria e deficiente situación do novo hospital, aquela marcha convocouna o propio Sergas", remata. 

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.