A polémica polas precarias condicións na que as mulleres no segundo trimestre de xestación interrompen o seu embarazo destapou o numerosas eivas no funcionamento dos protocolos sanitarios. A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (PGDA) advertiu que en varios hospitais públicos galegos -cando menos na Coruña e Ferrol- non se garantía a asistencia necesaria, nin a dunha matrona nin a do persoal médico axeitado, ou que mesmo as pacientes deben expulsar o feto en solitario nun baño. Varias afectadas relataron as súas duras experiencias e ducias delas contactaron co colectivo para contar tamén o seu caso. A Xunta anunciou unha investigación ante o recoñecemento, incluso desde o CHUAC, de que a asistencia médica completa non estaba garantida e de que puido haber deficiencias, pero negouse a cambiar o protocolo e rexeitou que os problemas se deberan aos recortes. A alternativa do Sergas para garantir unha asistencia médica completa e o acompañamento continuo da muller é acudir a unha clínica privada en Madrid. Pero os gastos teñen que ser adiantados polas afectadas e as limitacións son importantes. Agora, ademais, a contía que sufraga a Xunta para o desprazamento rebaixouse case á metade mentres se aumentaron os requisitos para poder acceder á subvención.
A Xunta rebaixa a case a metade a contía que sufraga ás pacientes que teñen que ir abortar a Madrid e obriga a adiantar os cartos, segundo denuncia o COF
Iso é o que denunciaron varias afectadas a un Centro de Orientación Familiar (COF) galego, ao que teñen que acudir como paso previo para levar a cabo a interrupción da xestación. E foi este propio COF da Coruña, logo de consultar co Sergas, quen comprobou os recortes que se estaban levando a cabo. Non só no caso dos abortos que teñen que ser realizados en Madrid por non poder realizarse nunha área sanitaria galega ou para garantir unha asistencia continuada e axeitada, senón no caso de calquera prestación sanitaria que teña que realizarse fóra de Galicia.
Tal e como aclara Chus Díaz, psicóloga clínica do COF, o primeiro cambio chega na propia xestión destas axudas. Mentres antes era Sanidade a que se ocupaba do proceso, agora este depende directamente de cada hospital, que pasa, segundo din, a aplicar estritamente unha disposición xeral de 2001 "aínda redactada en pesetas" e que nunca se seguiu nestes casos.
Así, e poñendo como exemplo a viaxe á clínica Isadora en Madrid encargada de levar a cabo estes abortos terapéuticos, as pacientes pasan de recibir algo máis de 213 euros en concepto de gastos de quilometraxe a recibir uns 144, polo que o importe que se abona por quilómetro pasa dos aproximadamente 18 céntimos aos 12 actuais.
As pacientes pasan de recibir 213 euros a 144 en concepto de gastos de quilometraxe a Madrid; en tren, a Xunta non sufraga o coche cama
No caso da viaxe en tren, anteriormente facilitábase ás pacientes un bono para poder realizar o traxecto en coche cama se así o desexaba. Agora, e segundo denuncia o COF, a persoa que se traslade a Madrid ten que adiantar os cartos e terá que viaxar en clase turista, a non ser que un informe médico xustifique a necesidade de que o faga máis descansada. "As mulleres que acoden a realizar un aborto terapéutico teñen que estar, como mínimo, ás 9 da mañá na clínica e non se pode permitir que teñan que desprazarse en turista e sen o descanso axeitado", explican.
O caso é que, tal e como denunciaran tamén algunhas afectadas, o Sergas non sufraga os gastos da hospedaxe nos moitos casos nos que as mulleres prefiren desprazarse o día anterior para ter un mellor descanso. Nin as peaxes da autoestrada, nin os medicamentos que a clínica lles prescribe, nin a comida. Vaian o día que vaian.
O Sergas non sufraga as peaxes nin paga, como si facía antes, os gastos da acompañante
Tampouco sufraga a Xunta os gastos do acompañante, algo que si facía antes. "Pagábase o billete de dúas persoas e agora non se fai", explican desde o COF. Tan só se un informe médico o recomenda, o Sergas accede a abonarlle o gasto tamén ao compañeiro ou compañeira da paciente. O único que non mudou, segundo as denuncias, foi a opción de viaxar en avión, que tan só era unha alternativa no caso de que os doutores así o especificasen como necesario.
Sexa como for, en todos os casos agora os pacientes teñen que adiantar os cartos. "Hai problemas porque hai persoas que non teñen recursos nin para adiantalos", denuncia unha profesional do COF, que se pregunta como é posible "que a Seguridade Social non garanta unha prestación axeitada na túa comunidade autónoma e aínda por riba teñas que poñer ti o diñeiro de antemán". "Mesmo hai clínicas privadas que, cun informe social, fan rebaixas de ata 600 euros ou adiantan os importes a pagar", explican.
"Non se pode presumir de cumprir co déficit e logo non ter cargos para sufragar estes gastos"
"Non pode ser que se presuma de cumprir co déficit e da política de austeridade e non se teñan cartos para pagar isto", engaden desde o COF, que ven nestas rebaixas unha nova consecuencia dos recortes que en tantos ámbitos están a afectar á sanidade en Galicia. Desde a propia clínica Isadora, que ten o convenio co Goberno galego, asegurábase que "ninguén debería facer tantos quilómetros" e que o aborto "debería regularse e asegurarse na sanidade pública". Este diario púxose en contacto coa Consellería para coñecer o protocolo que se segue e as razóns destas denuncias pero segue a esperar resposta.
O Sergas defende un proceso "debidamenten protocolizado"
Por outra banda, a Consellería de Sanidade vén de responder por escrito a unha pregunta do BNG sobre "a situación que están a vivir" as mulleres que teñen que interromper o embarazo na área sanitaria da Coruña logo da polémica polas múltiples queixas de afectadas. O Sergas defende que o proceso está "debidamente protocolizado" e que as pacientes están sempre atendidas por profesionais, malia que iso non foi o que denunciaron.
O Sergas defende un proceso "debidamente protocolizado" e aclara que ten aberta unha investigación sobre as denuncias
Segundo explica Sanidade, as mulleres acoden primeiro ao COF e, unha vez no hospital, "reciben todas as instrucións e recomendacións necesarias por parte de enfermería" e aclara que o proceso realízase "afastado da área de Obstetricia de dilatación-paritorio, por razóns psicolóxicas e en beneficio da paciente". Ademais, aclárase que son ingresadas nun cuarto individual "sempre que é posible" e "acompañadas dun familiar en todo momento".
"O obxectivo principal de todos os sanitarios que acompañan as pacientes [...] é o seu confort e benestar, tanto físico como emocional", di a Consellería, que aclara que, "en calquera caso, o Sergas, e co fin de garantir os dereitos recollidos pola lei, está a levar a cabo unha investigación sobre as informacións relativas á falta de atención en abortos euxenéticos, pendente de conclusións, para contrastar a súa veracidade e desenvolver as accións oportunas en función dos feitos contrastados".