A Plataforma polo Dereito ao Aborto clama contra a Xunta por "non garantir o que establece a lei"

Protesta da PGDA ante o CHUAC na Coruña © PGDA-A Coruña

Un novo caso sobre as difíciles condicións nas que unha muller ten que levar a cabo un aborto euxenésico se vive en Galicia volve traer a polémica e a poñer en cuestión as garantías sanitarias para a interrupción segura do embarazo no país. Foi unha parella a que denunciou desta vez a través dunha carta á Consellería de Sanidade e á Valedora do Pobo a súa situación, lamentando que, ante as malformacións do feto e problemas derivados nun embarazo na 19ª semana de xestación, tivesen que desprazarse a Madrid para abortar. Pregúntanse como é posible que "nin polo público nin polo privado" se poida levar a cabo esa intervención en Galicia, acusan a Xunta de "desleixo" e "deixamento de funcións", piden explicacións e reclaman alternativas para o futuro. A Administración respondeu demandando a clínica coa que mantén convenio na capital do Estado e obviou responder ás inquedanzas dos afectados. O centro sanitario ameazou con rachar o acordo.

A PGDA sinala a Xunta por "continuar a non garantir en Galicia algo que establece a lexislación"

Agora, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (PGDA), quen sacara á luz todas as eivas e problemas denunciados por varias mulleres que acudiron a hospitais públicos galegos, amosa a súa "insignación" ao comprobar como a Xunta "continúa a non garantir algo que establece a lexislación, a Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo".

"Non só non se nos dá resposta a nós, como organización, senón a unha parella afectada á que non se lle achega xustificación obxectiva ningunha", explica a PGDA en relación á denuncia dos afectados adiantada por Praza. "O Sergas ten competencias propias e unha rede hospitalaria que conta con persoal e medios suficientes, pero pasadas as 14 semanas de xestación, aquí non se realizan abortos e mándanche a Madrid", lembran. E por que non se fan? Desde a Plataforma aclaran que é pola "obxección" dos profesionais, pero non tanto por principios ou ideoloxía, senón "porque non están formados, non se lles ensina e carecen da experiencia para facelos". 

"En Galicia vulnérase o dereito a interromper o embarazo aludindo ás causas recollidas na propia lexislación"

"En Galicia vulnérase o dereito a interromper o embarazo aludindo ás causas recollidas na propia lexislación; a única opción que tes é marchar, pero sen acompañamento nin médico nin psicolóxico e coas dificultades laborais, emocionais e de xestión derivadas", insisten desde a PGDA, que sinala o exemplo da parella que denunciou a súa situación por carte ante a Consellería e a Valedora, pero que advirte que "non é un caso illado". "Ninguén che mandaría pola túa conta a presentarte nun hospital se tiveras que someterte a unha operación algo delicada", advirten. 

A Plataforma advirte de que hai moitos casos de abortos terapéuticos que teñen que facerse en Madrid e que "a maioría deles non se denuncian"

"Son casos moi recorrentes, moitos, e que na maioría dos casos non se denuncian", engade a Plataforma, que advirte que as clínicas privadas coas que Sanidade ten convenio para tratar abortos terapéuticos "non os practica a partir das 14 semanas, pero tamén cando o feto pasa dun peso determinado". "Poderíase facer no Sergas, pero non se fai", contan. 

Ademais, desde os Centros de Orientación Familiar (COF) insisten en que continúan a incumprirse os protocolos que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para os abortos terapéuticos e que cada vez reciben máis queixas das afectadas. 

Ante todas estas demandas, e logo da denuncia e da posterior resposta da Administración á última parella afectada, este diario contactou coa Consellería de Sanidade para coñecer a súa versión, pero continúa a agardar pola súa versión. 

Concentración ante o CHUAC da Coruña © PGDA-A Coruña

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.