Abegondo, Valga, Triacastela... O negocio taurino busca físgoas para evitar a súa desaparición

Capea en Valga, en 2014 © Festa da Xuventude

Os espectáculos taurinos levan anos enfiando o camiño cara á súa desaparición en Galicia. En 2015, primeiro ano no que non se celebrou a feira taurina da Coruña -unha vez perdida a subvención municipal-, celebráronse unicamente cinco festexos en tres localidades (Pontevedra, Padrón e Triacastela), fronte aos oito en seis localidades que se organizaran en 2013.

As derradeiras rabexadas desta práctica inclúen en ocasións manobras para forzar a súa continuidade, como por exemplo a que o pasado ano levou á organización dunha inédita corrida en Triacastela, despois da anulación -unha vez que o PP perdeu a alcaldía- da celebración que se levara a cabo nos anos anteriores en Sarria-. Outro dos derradeiros estertores da tauromaquia en Galicia é a organización de capeas coma a celebrada en Valga hai uns días, rodeada dunha gran polémica e fortes protestas. Este evento taurino, realizado no marco da Festa da Xuventude da localidade, non remata coa morte do animal, o que non evita o seu sufrimento.

Outro signo dos últimos tempos deste espectáculo na nosa comunidade é o intento de que neste verán se celebre unha novillada sen picadores no concello de Abegondo, coa participación de matadores profesionais. Esta localidade nunca acolleu eventos taurinos e o propio Goberno municipal se posicionou en contra desta actividade, sinalando o alcalde Antonio Santiso (PP) que non ten pensado autorizar esta actividade. O evento sería organizado por un restaurante da localidade que conta cun terreo de grande extensión e realizaríase a finais de agosto no marco das festas de San Marcos. Libera iniciou hai uns días unha campaña na rede en contra da celebración deste espectáculo, no que -denuncian- os animais "serían atravesados por máis de 80 centímetros de aceiro que perforarán os seus músculos e órganos vitais, provocando unha morte lenta e agónica". Polo de agora a iniciativa recolleu máis de 13 mil sinaturas.

Cando o pasado mes de xullo se confirmou que a feira taurina da Coruña non se ía celebrar, o seu organizador nos anos anteriores -propietario da empresa Tauro Siglo XXI- sinalou a posibilidade de realizar corridas en "prazas portátiles" nalgún dos concellos da comarca coruñesa. Tomás Entero afirmaba que tiña "catro ofertas firmes na provincia da Coruña para facer a feira cunha praza portátil", algo que finalmente non se levou a cabo en ningunha localidade. Rubén Pérez (voceiro de Libera) sinalaba en conversa con Praza en relación con este plan b que o empresario “sabe perfectamente que a maior parte dos toureiros que el propuña non lle van ir a unha praza portátil” e lembraba que tralas eleccións municipais o PP xa só conservaba o poder en localidades de pequeno tamaño. O propio concello de Padrón, que si organizara unha tourada en abril de 2015, aprobou en setembro a prohibición de celebrar eventos taurinos.

Polo de agora, as únicas touradas con morte confirmadas para este 2016 en Galicia serán as que se organicen no marco da feira taurina de Pontevedra, que se celebrará este mes de agosto, e que tamén está a espertar un amplo movemento de rexeitamento. O 13 de agosto (Praza da Peregrina, 20 horas) unha manifestación percorrerá as rúas da cidade pedindo a abolición deste espectáculo de tortura animal.

 

Capea en Valga, en 2014 © Festa da Xuventude
Capea en Valga, en 2014 © Festa da Xuventude
Casa do Concello de Abegondo CC-BY-SA Elisardojm
Touro sacrificado en Triacastela © Touradas fóra de Pontevedra
Concentración contra as touradas en Triacastela © Touradas fóra de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.