"Preescolar na Casa non lle interesa á Xunta; canto menos saibamos, mellor para eles"

Marisol Fernánez, á esquerda, nun acto na Xunta © Xoán Crespo

Non hai marcha atrás. Agás milagre, a Fundación Preescolar na Casa (PnC) pechará a finais deste mes e, con ela, un programa educativo pioneiro, recoñecido en numerosas ocasións e visto como exemplo nunha morea de iniciativas. A eliminación da axuda anual de medio millón de euros que concedía a Xunta a través da área de Benestar -hai dous anos que non a recibe- acaba cun proxecto innovador no seu tempo e máis necesario que nunca nos que corren agora.

“Non ten volta atrás... Certo que tiven un soño no que isto seguía, pero isto acabouse, xa está; estamos xa en concurso e temos que liquidar os traballadores; non hai máis", di con rabia e pena Marisol Fernández, presidente da Fundación.

Acábase de vez con 35 anos de Preescolar na Casa e coa atención que recibían máis de 3.000 familias na actualidade, aínda que chegaron a ser moitas máis. E remátase tamén con 32 postos de traballo que mantiñan máis que vivo un proxecto nado en 1977 para prestar unha atención educativa no rural que acabou ampliándose tamén ás cidades. Un espazo de comunicación e intercambio para as familias. "Un proxecto que convidaba os pais a gozar da crianza dos seus fillos, aprendendo a ser mellores pais e ensinando a uns cativos que serán os pais de mañá; este traballo vai moito máis aló dunha subvención ou deste triste final, ía ao cerne das persoas", engade a presidenta, que ten que aguantar da emoción. "Estouno pasando moi mal", aclara.

"Non é unha acusación, é a realidade: a propia Beatriz Mato dixo que era un programa obsoleto e que non valía"

A falta de apoio institucional e a retirada da subvención da Xunta levou a Preescolar na Casa a presentar un concurso de acreedores que acabou co administrador concursal bloqueando as contas e aclarando á fundación que a única saída posible era un ERE de extinción. "Non é acusar a ninguén, senón constatar unha realidade; no outono pasado a conselleira Mato xa dixera que o programa era obsoleto e que xa non era válido... É a súa opinión, pero que xa se decatou de que metera a zoca", asegura.

Si hai axuda da Deputación de Lugo e do Concello e incluso do Estado, o que podería permitirlle sobrevivir ao programa cunha cantidade moi mínima de traballadores. No entanto, a fundación non pode facer fronte á liquidación dos empregados nin optar a subvencións ao estar en concurso de acredores. Faltaríanlles 150.000 euros que terá que asumir o Fondo de Garantía Social.

A UE recomenda apostar por programas como o de Preescolar e incluso a Xunta presumiu del ante as institucións comunitarias

O caso produce pena, rabia e indignación entre os traballadores. Máis cando o propio Goberno de España recoñece o labor do programa e cando a Unión Europea está a promover programas semellantes ao de Preescolar na Casa para que sexan apoiados economicamente polos estados membros. Pero Galicia é como é. Non sabe valorar o seu, nin tan sequera aqueles proxectos positivos que rematan esvaéndose. "Os galegos somos especialistas en acabar con nós, non fai falta que cheguen de fóra para acabar co noso", quéixase Marisol Fernández, que ve na Xunta unha intención que vai máis aló. "Se cren que é obsoleto, estou disposta a debater con quen sexa para que me explique as alternativas, pero a realidade é que non lles interesa; canto menos saibamos, mellor para eles", relata con dureza Fernández, que lembra con rabia como o propio Goberno galego presumiu de proxecto ante a UE.

"A realidade é que á Xunta non lle interesamos, canto menos saibamos, mellor para eles"

"Preescolar na Casa descubriu unha necesidade, clara e manifesta, que xa se está a promover na UE, que recomenda aos estados prestar atención a este tipo de proxectos. Non é o que diga eu, senón que a propia Xunta presumiu de modelo na Unión", conta, tras facerse unha pregunta: "Quen vai atender agora todo isto, a estas familias?". Mentres, A Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) pola supervivencia do programa suma máis 25.000 sinaturas en dous meses. "Por desgracia, xa non creo que sirva para nada".

 

Preescolar na casa © Xunta
Marisol Fernánez, á esquerda, nun acto na Xunta © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.