Veciñanza da comarca de Ordes mobilízase contra a construción do novo vertedoiro de Sogama

Imaxe da parroquia de Lesta, en Ordes © Google Maps

A planta de Sogama conta na actualidade co vertedoiro de Areosa, unha instalación de 47 hectáreas que recibiu en 2014 ao redor de 189 mil toneladas de residuos e que leva anos preto dun "colapso". O pasado mes de xuño alertouse dun proxecto para instalar nunha antiga canteira situada no termo municipal de Trazo -próxima á planta de Sogama- unha planta para o tratamento das cinzas derivadas do queimado de residuos. A mobilización cidadá fixo que a empresa promotora, González Couceiro SLU, desistise da iniciativa.

Agora a alerta chega da parroquia de San Andrés de Lesta, en Ordes, moi próxima. A asociación de veciños da parroquia vén de denunciar o proxecto de construción dun novo vertedoiro na zona a cargo da empresa Reciclaje Ambiental Lesta SL, un intento que relacionan co fracasado intento de Trazo. "Na relación de vertidos inclúense cinzas e escouras de fondo de forno, o que nos fai sospeitar que se trata das mesmas que se pretendían tratar no complexo que se intentou construír, o cal foi rexeitado polos veciños por resultar moi perigoso para a saúde, o medioambiente e cun gran impacto negativo nunha parroquia gandeira como é a nosa", destacan. Engaden que "se ben a denominación do proxecto di que se trata de residuos non perigosos a verdade é que no mesmo non se establece de xeito claro a orixe dos residuos nin os mecanismos de control do que se vai verter".

A asociación subliña que "os nosos veciños levan anos sufrindo as consecuencias do macrocomplexo de tratamento de residuos de Cerceda e dos vertedoiros de SOGAMA, que lindan coa nosa parroquia". Aseguran que "de aprobarse este proxecto consolidaríase de xeito definitivo o Modelo SOGAMA, xa que, se ben para este vertedoiro se prevé no proxecto unha vida útil de 20 anos, a proximidade aos vertedoiros de SOGAMA fai presumir que nun futuro se unirán, dada a escasa distancia entre eles, resultando nun dos maiores vertedoiros de Europa".

O Sindicato Labrego Galego expresou o seu "apoio e solidariedade" á veciñanza, destacando que "esta parroquia ordense ten unha forte actividade gandeira, principalmente en produción de leite, e a intención da empresa promotora é construír o vertedoiro nunha zona de concentración parcelaria". "Ademais" -engade- "este proxecto non só afectará as explotacións agrarias, senón que o resto da poboación tamén se verá damnificada polo impacto medioambiental que vai supoñer, especialmente sobre a calidade do aire e sobre as augas fluviais que discorren por zonas de consumo tan importantes e poboadas como o concello de Santiago de Compostela".

O SLG convocará a súa afiliación ao pleno extraordinario no concello de Ordes no que se someterán a debate propostas para o rexeitamento da instalación deste vertedoiro e para proporcionar protección no PXOM, clasificando como Solo de Especial Protección de Augas a totalidade do sistema fluvial que alimenta o caudal do Rego da Lesta.

Cartaz da asociación de veciños da parroquia de San Andrés de Lesta (Ordes) Dominio Público Praza Pública
Complexo de Sogama, en Cerceda © Sogama
Depósito de cinzas en Sogama © Sogama

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.