Mariñeiros xubilados de Noruega negan que aceptasen os 70.000 euros que anuncia a Xunta

Protesta dos mariñeiros galegos contra o Goberno noruegués © Long Hope

Feijóo adiantou este xoves que a Xunta vén de autorizar a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e a asociación Long Hope para financiar os gastos deste colectivo, que leva anos loitando polo recoñecemento da pensión de xubilación por ter traballado na frota de Noruega. Serían, segundo o presidente da Xunta, 70.000 euros para as anualidades 2016 e 2017 coas que se subvencionarían os gastos derivados da redacción, presentación e difusión de informes argumentais ou dos que xordan na defensa dos intereses dos ex mariños. O Goberno galego, a menos dun mes das eleccións autonómicas, anuncia esta axuda económica a unha entidade que xa saíu a desmentir "acordo ningún", que advirte que xa rexeitara os cartos antes e que asegura que foi o Executivo quen hai tan só unhas semanas lle ofreceu o diñeiro.

A menos dun mes das eleccións, a Xunta anuncia un convenio que a asociación beneficiaria nega: "Somos vellos, non imbéciles"

"É unha manobra electoral; somos vellos, non imbéciles", manifesta a Praza, visiblemente enfadado, Alberto Paz, voceiro de Long Hope, que non entende "como a Xunta é capaz de levar isto para a aprobación por parte do Goberno" cando, segundo explica, a asociación "non ten convenio asinado ningún nin acordou nada, nin por escrito nin de palabra". 

Segundo a Xunta, o acordo inclúe tamén o financiamento das viaxes e estadías dos membros de Long Hope en Noruega para defender o seu caso e tamén os gastos derivados de todos os actos nos que defenda os seus intereses. Ademais, poderase prorrogar dous anos máis sempre e cando ambas partes o acorden. 

Long Hope asegura ter rexeitado a oferta da Xunta e advirte que foi o Executivo quen lle ofreceu os cartos hai menos dun mes

Desde Long Hope explican que esa oferta da Xunta, formulada hai tan só uns días, foi rexeitada pola asociación "por non cubrir os gastos" -aseguran ter gastados xa 80.000 euros entre todas as actuacións de defensa, incluídas as xudiciais- e por non estar de acordo "nin na forma de liberar o diñeiro nin na duración do acordo". Ademais, e segundo relata Alberto Paz, a última non foi a primeira oferta do Goberno de Feijóo, que ofrecera nun principio 50.000 euros. 

Segundo Paz, o primeiro ofrecemento da Xunta chegou o pasado 12 de agosto a través dunha chamada telefónica. "Chamáronnos para ofrecernos cartos pero nós non solicitamos diñeiro nin subvención ningunha", explica, tras aclarar que os contactos mantidos co Goberno durante este verán foron para volver reclamarlle "que solicitase ao Goberno central que intermpoña unha demanda interestatal contra Noruega en Estrasburgo", demanda que levan meses facendo para acelerar o proceso. 

A vía xudicial -longa e cara- iniciada por Long Hope en Noruega ten como punto final o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo, a non ser que España o evite e a acelere. E podería facelo se presenta esa demanda contra Oslo, unha posición que lle esixen os mariñeiros xubilados desde que comezara coas protestas pero ao que Madrid se nega unha e outra vez.

"É unha oferta electoral, unha argucia; desprezáronnos durante anos e agora ofrécennos pagarnos os gastos"

 

Feijóo nega electoralismo na medida

"Non pretendemos ser unha carga económica para a Xunta e o que queremos é que nos defenda e interceda por nós, pero non o fai", explica Albero Paz, que insiste en que as negociacións sobre esa posterior oferta monetaria do Executivo de Feijóo nunca chegaron a bo porto. "É unha oferta electoral, unha argucia; desprezáronnos durante anos e agora recoñecen que isto é un problema que España e Noruega non souberon solucionar e ofréceno pagar os gastos", engade.

Feijóo, que mesmo anunciou que se crearía unha comisión de seguimento con dous membros da Consellería e dous de Long Hope, foi preguntado tras o Consello da Xunta polo posible carácter electoral desta medida ou doutras como a de que os brigadistas pasen agora a ter consideración de bomberos forestais. "Ninguén pode dar o que non ten, sabiamos que había e aínda quedan problemas que non foron atendidos por falta de orzamento", asegurou. 

Feijóo nega electoralismo e di que ofrece agora esta axuda porque "houbo problemas que non foron atendidos por falta de orzamento"

Alberto Paz, no entanto, insiste na "manobra electoral" que cre que está a empregar a Xunta e insiste en cualificar de "títere de Madrid" ao Goberno galego. "Se foramos vascos, isto xa estaba arranxado", advirte o portavoz dunha entidade composta maioritariamente por anciáns que levan anos manifestándose cada pouco ante as institucións galegas, estatais e mesmo o consulado de Noruega en Galicia. 

Long Hope pelexa pola que consideran inxusta situación que sofren arredor de 10.000 mariñeiros galegos e as súas familias. Son ex traballadores da mariña mercante que pasaron longas tempadas traballando en barcos de Noruega e que pagaron elevados impostos a Oslo, pero que agora, despois de retirados, ven como non perciben nada en forma de pensión de xubilación malia estar empregados con contratos legais e logo de pagar elevadas cotizacións sociais de ata o 45% do soldo, uns 520 millóns de euros en impostos.

Alberto Paz, nunha xuntanza con AGE © Long Hope

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.