A Xunta defende como pode os recortes que agora afectan a escola rural. Tanto o presidente, Alberto Núñez Feijóo, como o conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, non ven no anunciado agrupamento de alumnos nos colexios do rural “medida excepcional ningunha” e incluso presumen de que os axustes serán “máis intensos” noutras autonomías. O Goberno ten previsto para o vindeiro curso xuntar até 20 alumnos de Primaria de enre 6 e 12 anos nunha mesma aula, incluso rachando o acordo asinado cos sindicatos en 2009. Non ven outra alternativa desde as administracións, mentres que as organizacións sindicais, as anpas ou os colectivos defensores da educación no rural xa advirten do despido de varios centos de profesores e dos futuros peches de escolas. Pero hai moito máis aló do reagrupamento e dos recortes: outro duro golpe a un rural que ten na escola “un elemento básico para a supervivencia dunha comunidade nel, máis aínda con todos os problemas que sofren as aldeas”.
Quen así fala é Alicia López Pardo, mestra rural e membro da Mesa Galega de Educación no Rural e do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, que vai máis aló dos últimos anuncios da Xunta e repara na precaria situación da educación nas aldeas desde hai ben tempo. “A situación é peor agora que hai trinta anos porque a política educativa para o rural é cada día máis desintegradora”, explica, tras aclarar que as administracións “sempre partiron da primacía do criterio económico en detrimento da calidade e pasando por riba dos dereitos dos nenos a recibir unha ensinanza axeitada”.
"A situación da escola rural é peor que hai trinta anos; sempre primaron o criterio económico á calidade e aos dereitos dos nenos"
Para ela e para moitos máis expertos, os riscos e malos agoiros respecto do futuro das escolas nas pequenas aldeas non son máis que o froito dunha política que “nunca apostou por un marco educativo adapatado ao medio rural nin por medidas que evitasen a sangría de nenos”. “Houbo sempre unha mala planificación que fixo ir morrendo as escolas”, insiste. Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, -músico, poeta, mestre e impulsor dunha escola rural creadora e non illada- tampouco se corta. “Ninguén lle bota unha man á educación no rural porque interesa que desapareza o rural. Necesitamos unha escola adaptada ao medio, para progresar e para ser felices”, reclama, tras considerar “unha tolemia” e “unha falsidade” os recortes que se anuncian “poñendo a crise como excusa”.
"No rural témolo todo; aquí non precisamos láminas nin ordenadores para explicar Ciencias da Natureza"
“No rural témolo todo; aquí non precisamos ordenadores nin láminas para explicar Ciencias da Natureza porque estamos na natureza”, exemplifica Mini, que cre que a clave está en que “os que gobernan non teñen nin idea nin de educación nin de cultura”. Alicia López Pardo tamén se queixa “do maltrato sufrido pola administración e a ignorancia que a escola rural sufriu por parte dela”, o que provocou que moitos visen nestes colexios “os dos pobres e burros”, xusto cando os resultados académicos, tamén ao abandonar a aldea e ir ao instituto, indicaban todo o contrario.
"O problema está na planificación e na falta de de recursos complementarios e compensatorios"
Daquela, onde está o problema? “Na planificación e na falta de recursos e apoios complementarios”. Así, un e outro destacan as “enormes posibilidades naturais” da escola rural, pero tamén na necesidade “dunha formación específica” para o medio e que, de darse, só é “por vocación ou voluntarismo dos docentes”. “Non é culpa do profesorado, senón da formación e capacitación que recibe”, explica López Pardo, que insiste no “fundamental que é” que se dea “prioridade aos dereitos da infancia, aqueles que din que os nenos deben recibir clases no seu medio”, así como que se “recoñeza a autoridade da escola no seu papel de identificación coa sociedade e do seu desenvolvemento”.
"O problema non é xuntar nenos de entre 6 e 12 anos, senón a falta de medios e recursos para facelo ben"
Porque non é que Mini ou Alicia López estean en desacordo coas escolas unitarias e co agrupamento dos rapaces. “Mesturar rapaces de entre 6 e 12 anos é inmensamente rico a nivel pedagóxico; pódese traballar de maneira moi froitífera e non é un atraso, nin moito menos”, lembra esta última, que fai fincapé na falta de medios e de planificación para o rural. “Fannos falta recursos compensatorios, unha discriminación positiva e formación específica aos docentes”, insiste, e pon exemplos: “onde hai poucos alumnos, precisaríanse plans de saídas a outras escolas para ampliar a relación social dos cativos con outros rapaces”. Pero moitas cousas máis que, advirte, si reciben en forma de cartos escolas privadas e concertadas nas vilas e cidades.
"A verdadeira educación está nas unitarias, pero non naquelas afastasdas, sen medios e con frío, senón nunha escola con todos os recursos necesarios e inserida no seu espazo"
Mini é da mesma opinión. “Para min a verdadeira educación está nas escolas unitarias, pero non co vello concepto de escola afastada, sen medios, con frío e sen accesos, senón unha escola que englobe varios cursos, pero que estea perfectamente mergullada no seu espazo e con todos os recursos necesarios”, advirte, malia aclarar que “se quedan sen xente, é obvio que hai que pechalas”. A cuestión é, advirten ambos os dous expertos, que o que leva a pechar as escolas, o que ten que ver tamén co despoboamento e o abandono do rural galego, “sentenciado a ser unha grande plantación de eucaliptos porque así interesa”.
A eliminación de Preescolar na Casa
De feito, o que peor lles cheira é o feito de que a Xunta aposte agora por “unificar idades cando sempre machacou esa idea”. “Sempre predicaron o contrario do que agora poñen como modelo, por iso me dá moito que desconfiar; estou segura de que obedece a outros intereses porque se están a contradicir”, asegura López Pardo, que alimenta o seu argumento coa eliminación do programa Preescolar na Casa por falta de apoio da Administración.
“Foi un modelo pioneiro, admirable e recoñecido en todo o mundo”, insiste López Pardo, que cre que só “quen actúa desde unha ignorancia terrible” pode eliminar as subvencións a un programa “básico” na formación e desenvolvemento do país e do rural, pero tamén “o máis ambicioso e con máis logros na formación do profesorado”. “É unha barabaridade”.
"Só desde unha ignorancia terrible se pode deixar morrer Preescolar na Casa"
Mini, un dos seus impulsores, é aínda máis duro. “A perda de Preescolar na Casa é unha grande mágoa porque un goberno moderno debería tomalo como remedio para a saúde social do futuro, Pero neste país sempre fomos gobernados por verdadeiros mamarrachos”, quéixase.
E tamén se queixa Alicia López Pardo. Ambos os dous lembran que é agora cando Europa “está a reclamar a recuperación das escolas no rural e modelos como o de Preescolar na Casa”. “Pero nós facemos o contrario”, lembran, tras pedir que a Xunta “recoñeza a valía pedagóxica da escola rural, recoñecida en todas partes”. “Como en Catalunya, onde os fillos de familias acomodadas van ás escolas unitarias das aldeas... Pero alí souberon aproveitar e desenvolver o mundo rural”, aseguran. “En Galicia chegamos tarde a todos os sitios; hai tempo que perdemos a guerra da dignidade deste país”, remata Mini.