0 Gardados para despois

Defensa busca facer caixa cos restos do 'Casón' e do 'Mar Exeo'

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Estes días estamos lembrando a catástrofe do Prestige, da que fan 13 anos. Non foi a primeira traxedia dese tipo que sufriron as costas galegas: nunhas semanas será o 24º aniversario do afundimento do Aegean Sea (3 de decembro de 1992) e o 29º do encallamento do Casón (5 de decembro de 1987). Nestes dous casos foron pasando os anos e os restos de ambos os dous buques permaneceron mergullados a escasos metros da costa, na Coruña e en Fisterra. A pasada semana publicouse no BOE a convocatoria das poxas públicas para a extracción dos restos do Mar Exeo e do Casón. En ambos os dous casos o Estado espera obter un beneficio económico, pois as empresas interesadas na adxudicación dos contratos deberán aboar o 20% dos ingresos que obteñan pola venda da ferralla recollida. Esta porcentaxe reduciríase en posteriores poxas se a primeira ficase deserta.

En ambos os dous casos o Estado espera obter un beneficio económico, pois as empresas interesadas na adxudicación dos contratos deberán aboar o 20% dos ingresos que obteñan pola venda da ferralla recollida

Entre 2010 e 2014 Desguaces Petrallo retirou unha pequena parte dos restos do Mar Exeo (en 2008 gañara unha poxa semellante á que se vén de convocar), pero a maior parte (calcúlase que ao redor de 40 mil toneladas de ferro) permanece a escasa distancia da costa, entre 10 e 25 metros de profundidade e dispersa entre as puntas Robaleira e Eiras, nas proximidades da Torre de Hércules. Neste caso, a empresa que se decida a ocuparse da extracción pode atopar dificultades no proceso, debido á proximidade das rochas e á forza que o mar ten nesa zona.

No prego de condicións técnicas do contrato especifícanse estes detalles, e no de cláusulas administrativas fíxanse os requisitos económicos que a adxudicataria debe cumprir. Debe comprometerse a retirar os restos no prazo dun ano, a constituír unha garantía en favor da administración valorada en 10.000 euros e, finalmente, debe cederlle ao Estado o 20% do que ingrese pola venda dos restos. Especifícase, iso si, que no caso de non haber ofertas, esta cantidade se reduciría un 15% en cada poxa sucesiva (diminuíndo polo tanto ata o 17%, o 14,45%, o 12,28%...)

As condicións económicas son idénticas para o Casón. Neste caso, os restos (maioritariamente ferro, pero tamén bronce e latón) están máis diseminados, nunha superficie duns 600 metros cadrados entre as puntas Suroeste e Castelo, nas proximidades da praia do Rostro, en Fisterra (como se detalla nos pregos técnicos). E, de novo, pode haber dificultades para a súa extracción pola forza do mar e pola proximidade á costa.

Ao igual que no caso do Mar Exeo, unha parte da estrutura do Casón foi xa despezada no seu momento e tamén foi retirada unha parte importante dos bidóns nos que transportaba materiais tóxicos. Porén a maior parte do barco permanece afundida, e tamén unha certa cantidade deses bidóns. De feito, os traballos de extracción dos restos poden axudar a rematar de responder ás dúbidas e preguntas que se abriron no seu momento sobre a carga do Casón: produtos químicos, algúns tóxicos e corrosivos, que nas semanas seguintes foron paseados por Galicia, primeiro ata Guitiriz e finalmente ata Xove, onde deron lugar a unha importante contestación social e mesmo a un conflito laboral en Alúmina Aluminio.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.