0 Gardados para despois

Dous anos do asasinato de Jimmy: ninguén condenado, ninguén acusado, ninguén investigado

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Ningún condenado, ningún imputado. Dous anos despois, a morte do seareiro do Deportivo Francisco Javier Romero Taboada vai camiño de quedar impune. Vinte e catro meses máis tarde daquela brutal malleira colectiva que acabou con Jimmy no río Manzanares, ningún ultra está a ser investigado por homicidio malia a petición do fiscal e a versión da policía. Aquela masiva pelexa entre Riazor Blues e Frente Atlético daquel 30 de novembro cambiou a seguridade nos estadios, puxo en marcha varias iniciativas contra a violencia e pareceu concienciar o mundo do fútbol. Pero a vía xudicial segue a amosar as súas eivas e a poñer en risco a resolución dun caso no que non hai culpable ningún.

Dous anos despois, ningún ultra é investigado por homicidio nin por tentativa de homicidio malia a petición fiscal e a versión da policía

A última novidade é do pasado outubro, cando o xuíz titular do Xulgado de Instrución número 20 de Madrid -que xa é o cuarto que se encarga do caso- rexeitaba a petición do fiscal de citar como investigados por homicidio e tentativa de homicidio os catro ultras do Frente Atlético detidos pola policía, encarcerados por un xuíz anterior e excarcerados logo por este último por "falta de probas". "Pinta mal, moi mal", recoñece Erlantz Ibarrondo, avogado da acusación particular que representa a familia de Jimmy e o outro ultra deportivista arroxado ao río pero que salvou a vida.

Non lle foron dabono as detalladas investigacións da Brigada de Información da Policía, nas que se achegaron vídeos, intervencións telefónicas, mensaxes e xeolocalizacións para sinalar un grupo reducido de ultras de extrema dereita que acabou detido e logo liberado. Nel había destacadas figuras do Frente Atlético. Foran eles, segundo as declaracións nos xulgados dos propios axentes, os mesmos que cunha diferenza de apenas segundos mallaran noutro deportivista, que logrou saír a nada do río con vida.

As detalladas pescudas da policía acabaron con catro ultras na cadea, logo liberadas ante a "estupefacción" dos axentes

A defensa usou esa confusión - un ataque que non se correspondía co realizado sobre Jimmy senón co que sufriu o outro afeccionado- para excarcerar os ultras ante a indignación da policía, que se mostrara "estupefacta" e amosara o seu desacordo, o mesmo que mantén a día de hoxe segundo fontes coñecedoras do proceso. Dando por certa a confusión pero ratificadas as agresións, Ibarrondo pregúntase "como é posible que non os citen a declarar para, polo menos, investigar unha posible tentativa de homicidio". Mallar nel e tiralo ao río non supón nada? Esa é a cuestión. 

Fontes xurídicas coñecedoras do caso van máis aló e cualifican de "moi estraño" o proceso: que non se tome declaración a estes sospeitosos, que os liberen, que sexan catro os xuíces ou que se contradiga unha versión policial, algo pouco habitual e menos en tan detallada investigación. A presunción de veracidade das forzas de seguridade, unha lei no escrita que case sempre se cumpre, é ben común nestes casos. Así o recoñecen varias fontes de letrados que deitan moitas dúbidas sobre todo o que arrodea o caso Jimmy. 

Captura de imaxe da gravación dos altercados ao pé do río Manzanares, en Madrid / TVE

Tampouco se atende a testemuña protexida

Pero hai algo que sorprende máis aínda. Tampouco se está a ter en conta a versión dunha testemuña protexida. Ante o xuíz de menores, identificou dous dos mesmos presuntos autores que sinalara a policía, corroborou aquela versión e apuntou outro menor, Álvaro C.G., do que se filtraron mensaxes que intercambiara coa súa noiva: "Lo reventamos, sin porra me quedé". Outras conversas a través do whatsapp deitaban bastante luz sobre a brutalidade exercida polos ultras atléticos e implicaban outros menores. 

A Audiencia Provincial absolveu un menor que fora condenado polo xulgado de menores por homicidio

O pasado mes de xullo, no entanto, a Audiencia Provincial absolveu este menor, que fora condenado por homicidio e afrontaba seis anos de internamento e dous de liberdade vixiada. Aludiu á falta de credibilidade do que denominou "coimputado" por estar investigado tamén por rifa tumultuaria.

Unha testemuña protexida sinalara varios dos xa detidos e corroborara a versión policial, pero a súa declaración non é admitida

Na acusación pregúntanse por que non se atende á versión nin é citado a declarar esta testemuña protexida se o seu testemuño foi realizado nunha causa no xulgado de menores -que si lle deu veracidade- e non no de instrución. O menor G303, así se lle chama no proceso para preservar a súa intimidade, acabou por ser descuberto e ameazado por dous líderes do Frente Atlético que foron condenados por iso.

Mentres, na Coruña, a bancada deportivista, o club e o Concello continúan a reclamar "xustiza para Jimmy". Mesmo o Deportivo reclama con cotundencia unha solución, como nunha mensaxe de Twitter que dous anos despois lembra que "o tempo pasa, pero hai cousas que de ningún xeito se poden deixar pasar"

Pero ninguén dubida da influencia do poderoso grupo de extrema dereita do Frente Atlético nin da fortaleza da defensa dos seus ultras, que lidera todo un exfiscal da Audiencia Nacional como Ignacio Gordillo, con importantes minutas. Tampouco se nega a escasa esperanza dun escuro caso. Hoxe mesmo, a federación de peñas do equipo apoia unha marcha que percorrerá as rúas achegadas ao estadio de Riazor para volver reclamar que se clarexe o asasinato e se investigue e condene os culpables. 

 

"Era unha cuestión política"

O fiscal e os avogados da acusación esperan resposta á súa petición de que declaren os sospeitosos e a testemuña protexida, pero non parece moi disposto un xuíz que si separou en dúas pezas o proceso: unha por rifa tumultuaria e outro por homicidio e lesións a Jimmy e ao outro seareiro que foi lanzado ao río.

"Se non se mirase como unha cousa de ultras, o proceso sería considerado un escándalo"

"Se non se mirase como unha cousa de ultras, o proceso sería considerado un escándalo", resume unha fonte xurídica. Desde a contorna deportivista lémbrase que o único claro polo momento é que arredor dun cento de afeccionados galegos foron sancionados -ou propostos para unha sanción- con 60.000 euros e que o que parecía unha quedada máis de radicais -como outras tantas anteriores- foi recoñecida polas investigacións policiais como un ataque ou emboscada.

Polo medio, máis preguntas sen resolver como a tardanza na chegada dos efectivos policiais, o feito de que as autoridades fosen avisadas da viaxe dos ultras do Deportivo e nada se fixese, os graves erros de seguridade, as masivas sancións chegadas á Coruña. De feito, o BNG volveu queixarse. "É inconcibible que a día de hoxe o goberno continúe sen contestar á pregunta que se lle fixo no Congreso", di o Bloque. 

Ao tempo, o presidente da Liga de Fútbol Profesional, Javier Tebas, celebrou a actuación do Atlético de Madrid cos seus ultras, que na última xornada luciron símbolos preconstitucionais no campo do Osasuna sen que fosen retirados, mentres no mesmo lugar era retirada unha pancarta que rezaba "Jimmy Vive". Ademais, o Deportivo respondeu con dureza á enésima multa da Comisión Antiviolencia, que lle impón sancións ao club por permitir que se luza a faixa dos Riazor Blues. Na bancada branquiazul vese un nesgo ideolóxico nas decisións tomadas polos mandatarios do fútbol

O asasinato e as súas consecuencias provocaron unha fonda división no deportivismo que virou en unión para pedir xustiza

Da pelexa, non teñen dúbida. "Era unha cuestión política", din asiduos da bancada dos Riazor Blues sobre unha liorta na que había ultras chegados de Valencia ou Xixón e na que se empregaron diferentes armas. Un capítulo cuxas reaccións posteriores por parte de club e afeccionados provocou unha fonda división no deportivismo que acabou por virar en unión para pedir que se aclare un crime que está preto de quedar impune.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.