0 Gardados para despois

Moito máis que Siria: Accem deu acollida este ano 80 refuxiados na Coruña

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A situación dos e das refuxiadas emerxe periódicamente nos medios de comunicación. No outono de 2015 os milleiros de persoas que fuxían da guerra en Siria encheron as portadas dos medios de comunicación e fixeron agromar unha onda de solidariedade social e moitas promesas -a maioría incumpridas- nos gobernos europeos. A situación dos sirios e as sirias xa non ocupa portadas, pero dende as ONGs adoita facerse fincapé en que as persoas doutras moitas nacionalidades sofren problemas semellantes aos das vítimas daquel conflito, e a súa situación está aínda máis invisibilizada. As solicitudes de asilo son aceptadas polo Estado español con contagotas, pero a acción dalgunhas organizacións como Accem axudan a facer un pouco máis doada a situación destes refuxiados e refuxiadas.

No que vai de 2016 Accem deu acollida na Coruña a ao redor de 80 persoas, procedentes de Somalia, de Eritrea, de Xeorxia, de Ucraína, de Irán, de Irak, de Paquistán, de Afganistán, de Guatemala, de Venezuela, ademais de Siria. "De feito, os sirios nin sequera son os máis numerosos", destaca a coordinadora galega da entidade, Carmen Vázquez Pérez-Batallón, que sinala que "hai que desterrar a idea de que só existen os refuxiados sirios, de que só chegan refuxiados fuxindo de guerras, ou de que esta é a única guerra que hai neste momento. Os medios debería comezar a falar do dereito á protección internacional, do dereito de asilo. O caso sirio é moi rechamante, pero hai guerras en África das que non se fala en absoluto".

"Os medios debería comezar a falar do dereito á protección internacional, do dereito de asilo. O caso sirio é moi rechamante, pero hai guerras en África das que non se fala en absoluto"

Accem acolle temporalmente ás persoas ás que lles foi concedido o asilo mentres o Ministerio de Emprego e Seguridade Social lles adxudica unha praza en calquera lugar de España onde haxa un oco libre e con calquera entidade que se dedique a prestar axuda. Conta con 47 prazas fixas, simultáneas, distribuídas en 9 pisos por toda a cidade. Con todo, a pesar de contar co financiamento do Ministerio de Emprego, Carmen Vázquez sinala que teñen "moitos problemas para alugar pisos". "A solidariedade funciona un pouco a golpe de noticia, tivemos casos de persoas que querían acoller un refuxiado, pero preguntaban se podía ser un neno sirio, e non aceptaba outra cousa", di. "Por iso non me gusta centrar o foco na situación dos sirios. A situación é moi complicada, dende logo, pero non debemos esquecer que noutros moitos lugares a xente tamén sofre situacións semellantes", engade.

"A solidariedade funciona un pouco a golpe de noticia, tivemos casos de persoas que querían acoller un refuxiado, pero preguntaban se podía ser un neno sirio, e non aceptaba outra cousa", di

A finais de novembro foi moi comentada nos medios de comunicación a chegada a Marín de sete sirios, traballadores dun barco mercante que atracara no porto (o Lady Boss) e que solicitaron o asilo pola situación de guerra que continúa vivindo o seu país, alegando que se regresaban a Siria serían reclutados á forza ou mesmo asasinados. Ademais, o armador do buque debíalles varias nóminas, que finalmente pagou trala intervención do Sindicato Internacional do Transporte (ITF). Os sete refuxiados foron acollidos por Accem nun dos seus pisos da Coruña, onde permanecen na actualidade, aínda que é posible que sexan trasladados a outros destinos no Estado. 

"A maioría dos refuxiados aos que damos acollida chega por esta vía, fóra dos continxentes, polos seus propios medios, sobre todo por avión", destaca a coordinadora de Accem. De feito, a pesar dos compromisos adquiridos por España, neste ano tan só 687 sirios e sirias foron acollidas a través das vías oficiais, procedentes dos campos de refuxiados ou doutros países da UE. Deles, apenas 16 están en Galicia.

Non só atenden a solicitantes de asilo, senón tamén a mulleres vulnerables e a subsaharianos e subsaharianas que entran pola costa sur de España ou por Ceuta e Melilla, pero aos que non lles foi concedido o asilo

Accem conta na cidade con catro educadores que se encargan directamente dos pisos, unha avogada, unha psicóloga, un orientador laboral e un profesor de español. Non só atenden a solicitantes de asilo, senón tamén a mulleres vulnerables e a subsaharianos e subsaharianas que entran pola costa sur de España ou por Ceuta e Melilla, pero aos que non lles foi concedido o asilo. O proceso de acollida pasa por tres fases: a primeira, de seis meses, de acollida en pisos da entidade; a segunda fase, de integración na sociedade, na que estas persoas xa alugan os seus pisos e Accem incide máis na procura de emprego; e unha terceira fase, de autonomía, na que a asociación só empresta axudas puntuais: pagar aluguer, pagar estudos, o que se necesite en cada caso. Carmen Vázquez anuncia que en breve manterán unha xuntanza co Concello da Coruña, co departamento de Igualdade "para ver que podemos facer entre as dúas partes no 2017". "As relacións son fluídas e sinxelas. temos dous pisos cedidos polo Concello e contamos con axudas puntuais para outros temas", destaca.

Este proceso habitual, en varias fases, fai que os refuxiados e refuxiadas se trasladen dunha cidade do Estado a outra, en función das prazas dispoñibles en cada lugar, ou das súas necesidades específicas. Non están obrigados, pero si que deben facelo se queren recibir a axuda achegada polo Ministerio de Emprego a través de ONGs como Accem. Hai excepcións, e recentemente na Coruña tivo lugar unha delas: Ahmad, procedente da localidade siria de Raqqa, chegou en setembro á Coruña, despois de pasar por Turquía e polos campamentos de refuxiados de Grecia.

Solicitou ser beneficiario do Programa de Refuxiados do Ministerio de Interior, pero o Programa distribúe as persoas ás que dá axuda en función dos recursos dispoñibles. E un mes despois de chegar á Coruña Ahmad tiña que marchar a Barcelona. Porén, nese tempo xa fixera amizades na Coruña, unha nova familia. E decidiu quedar na cidade herculina. Sen contar, iso si, coa axuda do Ministerio para por exemplo alugar un piso. Accem, en todo caso, segue proporcionándolle outro tipo de axudas a través dos seus técnicos e técnicas.

 

Lipdub realizado por Accem na Coruña en 2014

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Os fondos para cooperación supoñen apenas o 38% do nivel acadado en 2009

Os Orzamentos da Xunta para 2017 trouxeron un pequeno aumento nos fondos para os programas de cooperación exterior e ao desenvolvemento. Dos 4.191.350 euros do último ano pásase a 4.512.744, uns 320 mil euros máis que -efectivamente- representan o maior ascenso da era Feijoo. Porén, poñendo o dato en perspectiva e botando a vista ata os derradeiros orzamentos do Bipartito (en 2009) vemos como a actual cantidade, malia o ascenso, representa apenas o 38% daquela cifra.

Dende o 2009 os sucesivos orzamentos dos Gobernos encabezados por Feijoo reduciron significativamente os cartos dispoñibles: 9.7 millóns en 2010, 7.8 en 2011, 6.4 en 2012, ata chegar aos 4.1 millóns en 2013

Nos anos seguintes, os sucesivos orzamentos dos Gobernos encabezados por Alberto Núñez Feijoo reduciron moi significativamente os cartos dispoñibles para cooperación exterior: 9.7 millóns en 2010, 7.8 en 2011, 6.4 en 2012, ata chegar aos 4.1 millóns en 2013. Dende entón, houbo dous anos de conxelación e un pequeno aumento (de 48 mil euros) o pasado ano.

Os principais partidos asinaron o Pacto Galego contra a Pobreza, no que se comprometeron a dedicar o 0,7% en 2017. O compromiso vén de ser oficialmente incumprido, pois a cantidade total representa apenas o 0,04% do total

Os principais partidos asinaron o Pacto Galego contra a Pobreza, no que se comprometeron a dedicar o 0,7% en 2017. Cando PP, PSdeG-PSOE e BNG rubricaron o documento en 2010 (AGE fíxoo en 2013), o portavoz popular Manuel Ruiz Rivas cualificouno de "fito histórico" e destacou que "ía máis alá dunha soa lexislatura". Tamén a Lei 3/2003, de cooperación para o desenvolvemento indicaba no seu artigo 29 que "a Lei de orzamentos fixará anualmente os créditos destinados á cooperación para o desenvolvemento na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas orientacións contidas no plan anual correspondente, que tenderán progresivamente a acadar o mínimo do 0,7 % dos orzamentos da Xunta de Galicia". O compromiso vén de ser oficialmente incumprido, pois a cantidade total representa apenas o 0,04% do total (en 2009 acadárase un máximo, do 0,1%)