O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) vén de decidir non admitir a trámite a demanda que a Real Academia Galega (RAG) presentara o pasado mes de marzo en contra do denominado decreto do plurilingüismo. A Corte comunitaria inadmitiu o caso "por unha razón formal", xa que, segundo as súas propias normas, "só admite denuncias presentadas por particulares ou por colectivos directamente prexudicados".
O Tribunal de Estrasburgo non admite a trámite a demanda "por unha razón formal" ao non ser presentada polos directamente prexudicados
A decisión non é recorrible, polo que o rexeitamento da demanda pon fin á vía xudicial contra a polémica norma, que empezou hai xa anos e chegou a varias instancias. O Tribunal de Estrasburgo non atendeu a alegación da Academia de que presentara a denuncia "instada pola petición de pais e nais de escolares afectados polo devandito decreto", explica a RAG, que di "respectar a decisión", pero que "lamenta" que o TEDH "non entrase a valorar o fondo da súa demanda, plenamente xustificada".
A batalla nos tribunais comezou no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que avalou a legalidade da norma pero botou abaixo algúns dos puntos máis polémicos e deu un pau ao cerne da política lingüística instaurada polo Goberno de Feijóo ao recuperar a Xunta e base das propostas que o PP empregou na controvertida campaña de 2009: vetouse o artigo no que se lles permitía aos alumnos a liberdade de empregar a lingua de preferencia na aula independentemente de na que se impartise a materia e eliminou o carácter vinculante da consulta ás familias sobre o idioma.
O TSXG botara abaixo o cerne da política lingüística do PP, os dous artigos máis polémicos do decreto que, no entanto, foi avalado
Foron, en realidade, varias sentenzas en resposta de diferentes recursos que acabaron por obrigar a Xunta a recuar algúns aspectos da súa política lingüística, pero que lle permitiron seguir adiante co Decreto 79/2010, aínda que corrixido. A Academia acudiu ao Supremo e presentou un recurso de casación. O alto tribunal desestimouno malia recoñecer na sentenza a desigualdade da lingua propia con respecto ao castelán, aínda que aseguraba que "en modo ningún" se debía ao modelo implantado pola nova normativa.
A RAG acudiu ao Superior galego, ao Supremo, ao Constitucional e ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos
A RAG seguiu adiante e acudiu desta vez ao Constitucional, que considerou que non era materia da súa competencia ao entender que o asunto non afectaba aos dereitos fudamentais. A Academia esgotou a vía xudicial estatal e recorreu a Estrasburgo, que vén de inadmitir a demanda. Polo medio, diferentes informes do Consello de Europa censuraron con dureza a política lingüística levada a cabo pola Xunta e, nomeadamente, o enfoque do decreto.
A Academia lamenta que o Tribunal de Dereitos Humanos "non entrase a valorar o fondo da demanda, plenamente xustificada"
A RAG esgotara as posibilidades coa presentación en marzo desta demanda en contra do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo na ensinanza non universitaria. Facíao, "de acordo coa súa obriga estatutaria de defensa da lingua galega" e para "cumprir así o seu compromiso de esgotar todas as vías xudiciais" fronte a unha norma que, ao seu entender, "resulta lesiva tanto para os dereitos dos nenos e nenas galegofalantes canto para o futuro do maior patrimonio inmaterial do pobo galego".
A RAG alegaba ante o TEDH que este decreto é "discriminatorio e vulnera o dereito humano fundamental á igualdade"
A RAG alegaba ante o TEDH que este decreto é "discriminatorio e vulnera o dereito humano fundamental á igualdade". Agora, a Academia insiste en que o sistema educativo é unha "peza clave para garantir o porvir do noso idioma, e que resulta imprescindible un novo marco legal que faga efectivo o dereito dos rapaces e rapazas a recibir a educación en galego, poñendo fin á redución cuantitativa e cualitativa da presenza do galego no ensino que trouxo o Decreto 79/2010".
Segundo engade, as consecuencias da aplicación deste decreto "quedan patentes nos últimos datos estatísticos, que reflicten un preocupante retroceso do uso do galego entre as xeracións máis novas, e mais no último informe do Comité de Expertos da Carta de Linguas Rexionais e Minoritarias do Consello de Europa, difundido o pasado mes de xaneiro". Neste documento, maniféstase a preocupación polo efecto da “redución gradual” do galego no ensino en Galicia; advírtese que o devandito Decreto “ten un impacto moi negativo”, pois “prohibe expresamente o ensino en galego de Matemáticas na Primaria e de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química na Secundaria”; e alértase de que na etapa de Infantil a nosa lingua só está presente en niveis do 6,57% en cidades de máis de 50.000 habitantes.
Por todo isto, a RAG insta "unha vez máis ao Goberno galego a que retorne ao espírito que inspirou a Lei de normalización lingüística de 1983 e non demore o inicio dunha nova etapa na que se dea impulso ao Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en 2004". Ademais, reclama novamente "un consenso político tal como o que fixo posible a aprobación da LNL e do PXNL, que necesariamente debe ser promovido polo Goberno galego".