Feijóo reitera que non cesará os cargos imputados pola hepatite: "Cumpriron co seu traballo"

Feijóo, na rolda de prensa do Consello © Xunta

Non só non lle preocupa o auto, senón que cre que é "en beneficio dos investigados". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, está satisfeito coa última resolución da Audiencia Provincial da Coruña, que estimou parcialmente o recurso da Fiscalía para ampliar a imputación de dous altos cargos do Sergas. Serán agora investigados non só por prevaricación senón por un posible delito de homicidio imprudente polo suposto atraso no subministro dos medicamentos contra a hepatite C a seis doentes que faleceron.

Feijóo aclara que, "evidentemente", non cesará os altos cargos porque "cumpriron co seu traballo"

Aínda máis, o xefe do Executivo galego está plenamente confiado en que nin Félix Rubial, que fora director xeral de Asitencia Sanitaria do Sergas e actual xerente da área sanitaria de Vigo, nin Carolina Gómez-Criado, subdirectora xeral de Farmacia, serán condenados porque "cumpriron co seu traballo". Por esa razón -"e evidentemente", destaca Feijóo- aclara que non os vai cesar. "Ao final acreditarase que os médicos do Sergas non teñen máis compromiso que os pacientes", insistiu, para "agradecerlles" logo que "cumpran coas súas obrigas". 

Ademais, o presidente da Xunta declárase "sorprendido" de que "este auto se interprete de forma negativa cara aos investigados". Segundo el, "clarifica bastantes cousas" ao aclarar que "se dita para protexer e mellorar os dereitos dos investigados" e porque "non se pronuncia no fondo" da cuestión. "En ningún caso fai unha valoración desfavorable da conduta dos investigados", insiste tras asegurar que o pronunciamento da Audiencia Provincial non lle produce "ningunha preocupación, ao contrario". 

O presidente da Xunta asegura que o auto non lle produce "ningunha preocupación, ao contrario" e recomenda "lelo" para non ser "inxustos"

"É un auto coherente, garantista e o suficientemente explícito", engade Feijóo, ao que lle "parece ben que se investigue" pero que chega a "suxerir" a aqueles que teñan interese "que lean o auto". "Pido a todo o mundo que sexamos coherentes ao avaliar os autos e gustaríame que antes de facelo a xente os lera con atención; é a única orma de non ser inxustos fronte a persoas que están a ser investigadas", recomenda o presidente da Xunta. 

Así, Feijóo lembra que no auto ditado a pasada semana asegúrase "que non existe base obxectiva ou médica sobre a relación causal entre os falecementos e os supostos atrasos no inicio da medicación". O que tamén di o auto, e non cita o presidente da Xunta, é que parece "inaxeitado escindir a posición procesual dos denunciados e estimar que a actuación deles pode ser delictiva por obstaculizar supostamente que os pacientes recibiran tratamento e, á vez, considerar que son alleos ás imputadas consecuencias desta percepción tardía ou ausencia de tal tratamento". En definitiva, que se pode ser delictivo non subministrar os fármacos a tempo tamén terán que ser imputables as supostas consecuencias de morte que isto supuxo.

Con todo, Feijóo segue a confiar plenamente na inocencia dos investigados e négase a cesalos, tal e como reclamaran tanto a Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C como En Marea e o BNG. Xa hai uns meses, cando se coñecera a acusación da Fiscalía, o presidente da Xunta fora moi duro cos médicos que formularon as denuncias, aos que cualificou de "indignos" e mesmo definira como "insidias" as acusacións de que a decisión de non aprobar tratamentos provocara o falecemento de pacientes. Atribuía as demandas a "leas que hai nos hospitais entre servizos e nos mesmos servizos" e mesmo fora máis aló ao atribuír á oposición as acusacións do Ministerio Fiscal e cualifícalas de "disparate" e "insulto" mentres se gababa de "pagar" os tratamentos. "Por dous ou tres pacientes, non me parece lóxico relacionar esas denuncias coa austeridade", sentenciara.

Feijóo, na rolda de prensa do Consello © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.