Brigadistas de tres meses: precariedade contra o lume e desprotección social todo o ano

Terra queimada tras un incendio en Galicia © Adega

Entre a última semana do mes de decembro e os dous primeiros días do ano, máis de cen hectáreas arderon na provincia de Ourense. En pleno inverno, A Veiga, Vilariño de Conso e Carballeda de Valdeorras sufriron de novo o lume tras un 2016 que rematou con preto de 20.500 hectáreas queimadas en Galicia en máis de 2.350 incendios forestais, as peores cifras dos últimos anos.

É neste final de ano o período no que o Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia (Spdcif) queda en situación máis precaria. Máis de 600 dos seus traballadores foron cesados hai poucas semanas ao cumprírense os nove meses de contrato que Medio Rural lles estipulou no pasado ano. Antes, coa fin de verán, outros 436 profesionais cesaron no seu posto ao rematar o seu período contractual de tres meses. 1.062 brigadistas de medios propios da Xunta dun total de máis de 2.400 en período de alto risco, polo que os equipos que ademais de extinguir tamén se ocupan da prevención quedan en menos de mil nunha época na que tampouco traballan as brigadas municipais ou os equipos de empresas como Natutecnia. 

Os brigadistas contratados só por tres meses véñense de agrupar nunha asociación para denunciar a súa precariedade e desprotección

A situación pon de manifesto varias eivas recorrentes no sistema en Galicia: a limitación nos necesarios labores de prevención e a escasa capacidade de loita contra os incendios do inverno, ademais dunha precariedade laboral, temporalidade e desprotección social que abrangue os brigadistas que loitan contra o lume no país. O caso dos brigadistas de nove meses é constantemente denunciado pola asociación profesional Apropiga, ademais de polos partidos da oposición e numerosos colectivos. Tamén a dos profesionais contratados tan só para tres meses de verán -mesmo cando se amplía o período de alto risco ao outono-, que veñen de agruparse na Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia (Atrifoga). 

Estes 436 brigadistas son persoal laboral fixo descontinuo de tres meses con prazas non consolidadas ocupadas de modo interino

O seu é un caso de "especial problemática", como denuncian e como así lle teñen transmitido xa á Consellería de Medio Rural, con cuxa titular, Ángeles Vázquez, teñen solicitada xa outra xuntanza. Creadas en 2012, as 436 prazas deste grupo de brigadistas divídense en varias categorías do Spdcif como condutores de motobomba, emisoristas, vixiantes, bombeiros ou enxeñeiros técnicos. Son persoal laboral fixo descontinuo de tres meses con prazas non consolidadas ocupadas de modo interino. E non se inclúen no convenio colectivo do persoal laboral da Xunta.

Teñen limitado o seu traballo só aos tres meses de verán (xullo, agosto e setembro) e están obrigados a dispoñibilidade nesas datas. E iso provoca, tal e como advirten, graves "situacións de desigualdade e precarización". Unha delas a importante desprotección social, aumentada polas limitacións ou vetos á hora de cobrar o subsidio de desemprego non contributivo -axuda familiar- ou no futuro o dunha pensión contributiva. A Seguridade Social ten en conta ese contrato fixo descontinuo e interrompe o proceso, polo que moitos traballadores xa foron requiridos para devolver os subsidios logo de ser concedidos. 

Limitado o traballo aos tres meses de verán, teñen limitacións no cobro de subsidio e vetado o acceso ás substitucións na Xunta

Ademais, tampouco poden solicitar o subsidio para maiores de 45 e 55 anos nin acceder ao Plan Prepara e, polo tipo de contrato, no caso de estar de baixa á hora de reincorporarse ao servizo non podería darse de alta na Seguridade Social. "Quedariamos tamén desprotexidos", insisten. "Nin falemos das dificultades para que nos contraten nalgunhas empresas ou para cobrar o paro", explica Luís D. González, voceiro de Atrifoga. 

A todo isto engádeselle a imposibilidade de optar ás substitucións a través das listas de contratación da Xunta nin poder cubrir as prazas non vacantes dispoñibles, tanto no Spdcif como noutro posto da Administración. Para a Xunta estes brigadistas xa ocupan unha praza. "Contamos con experiencia en varias campañas de verán, polo que o persoal de tres meses estaría perfectamente cualificado para facer esas substitucións o resto do ano que non están contratados pero esas prazas son cubertas, en moitas ocasións, por persoas con menor experiencia e puntuación", advirten.

 

Nove meses, como os compañeiros

A súa petición é pasar a ser contratados nove meses e "igualarse" cos seus compañeiros, o que implicaría tamén un reforzamento dos labores de prevención tan descoidados en Galicia. "A nosa incorporación sería totalmente xustificada, ampliando e diversificando as funcións e, así, facer unha axeitada prevención nas tempadas do ano de menor risco de incendios", lembran tras advertir da experiencia e bagaxe contrastado dos membros deste colectivo.

Os brigadistas reclaman ser contratados por nove meses, "igualarse" aos compañeiros e reforzar así os labores de prevención

Pero a situación aínda é máis grave porque as prazas deste persoal só están cubertas eses tres meses, independentemente de se o período de Alto Risco se amplía, como ocorreu neste pasado ano até o 15 de outubro. Malia iso, os 436 traballadoras e traballadores cesaron no seu posto o 30 de setembro. "Así o servizo queda moi mermado, non podendo cubrir as 24 horas ao non haber persoal suficiente e provocando que a loita contra o lume sexa moito máis dura e insegura para o persoal que traballa 9 e 12 meses ao ano", aseguran.  

O cumprimento das súas reclamacións, segundo os cálculos de Atrifoga, suporía un incremento do 2,4% no orzamento que a Xunta dedicou o ano pasado á prevención e extinción de incendios: 4,2 millóns de 173 que sairían dos cutos en salarios e gastos sociais de aumentar a contratación de tres a nove meses. "A desculpa da Xunta sempre é que supón un incremento de gasto porque a Administración non está por ampliar contratos nin crear prazas", explica González, que aclara que "a tendencia é a privatización", nunha crítica recorrente no sector.

Aumentar a súa contratación a nove meses suporía 4,2 millóns de euros, un incremento dun 2,4% no orzamento contra incendios

O colectivo, como moitos outros, insiste en reclamar "un servizo de extinción e prevención de incendios público, único, profesionalizado e igualitario". E non só para mellorar as condicións de traballo senón para aumentar a eficiencia e a coordinación nos traballos contra o lume, tanto durante o verán como nos meses de inverno. No fondo da crítica, coma sempre, un sistema atomizado, con elevados custos nos servizos privatizados e unha descompensación enorme: ata unhas 7.000 persoas dunha ducia de entidades diferentes traballando en apagar lumes no verán fronte ao milleiro escaso en moitos meses de inverno. 

Feijóo, xunto a brigadistas nunha foto de arquivo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.