0 Gardados para despois

O Proxecto Cárcere terá lista este mes a súa proposta de usos para a antiga prisión provincial

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena


Este domingo 15 de xaneiro o Concello da Coruña e o Ministerio do Interior asinarán o convenio de cesión temporal do edificio da antiga prisión provincial, situada preto da Torre de Hércules e que permaneceu abandonada nos últimos anos. O convenio permitirá que o simbólico espazo teña un uso público, sociocomunitario e cultural, ademais de asegurar a protección e restauración do inmoble, que vén sufrindo un preocupante proceso de degradación. 

Proxecto Cárcere celebrou este luns unha xornada de traballo aberta co obxectivo de avanzar na redacción da proposta de uso sociocomunitario para o edificio

Proxecto Cárcere, que leva seis anos reivindicando a recuperación deste espazo e que na súa xestión o protagonismo "sexa dos cidadáns", celebrou este luns unha xornada de traballo aberta co obxectivo de avanzar na redacción da proposta de uso sociocomunitario para o edificio. A entidade calcula que esta proposta estará lista ao redor do día 22 de xaneiro para ser entregada ao Concello, co que existe un "compromiso verbal" para a cesión da xestión á cidadanía. Neste senso, hai unhas semanas o alcalde Xulio Ferreiro declaraba que "apostamos por poñer en marcha un proxecto participativo, de autoxestión, onde o Concello sexa facilitador pero sexa a cidadanía a que poida desenvolver os seus proxectos neste lugar". "Cremos que tamén debe contar cun espazo para a memoria, tendo en conta que nel moitos e moitas veciñas desta cidade, e de Galicia, sufriron a represión”, engadía o rexedor.

O Concello prevé que o edificio entre en uso "de forma gradual" ao longo deste ano 2017, comezando no final do primeiro trimestre habilitando os primeiros espazos, coma o patio ou as dependencias da entrada, que poderían acoller actividades culturais -proxeccións, representacións escénicas, exposicións- así coma acoller propostas da cidadanía. 

O Concello prevé que o edificio entre en uso "de forma gradual" ao longo deste ano 2017, comezando no final do primeiro trimestre habilitando os primeiros espazos

O Proxecto Cárcere tamén aposta por un "gradual acondicionamento dos diferentes espazos de acordo aos usos reais que vaian xurdindo" e incide sobre todo na demanda de que o espazo teña unha "xestión cidadá", considerando "as dinámicas naturais da participación colectiva en que se prioricen as persoas sobre os resultados, se valorice e potencie as iniciativas xurdidas desde as cidadás e cidadáns e onde a experimentación e o erro formen parte dunha aprendizaxe sólida e para toda a vida".

Na xornada de traballo que a entidade celebrou este luns salientouse a importancia de que esta xestión colectiva sexa o máis participada posible, coas achegas tanto de entidades sociais e culturais -CRMH, Cuac FM, Rede de Dereitos Sociais, ADEGA, Asociación Galega para a Saúde Sexual...- coma da veciñanza do barrio de Monte Alto. Proxecto Cárcere aposta, ademais, por disolverse dentro da estrutura cidadá de xestión que se conforme, deitando aquí a experiencia e traballo acumulado nos últimos anos. O obxectivo final é a "creación aberta dun espazo sociocultural e da memoria con visión no medio e longo prazo, de beneficio para a cidadanía" e que transcenda "o marco de 4 anos de lexislatura" e a presenza no Goberno local da cidade dun partido ou outro.

Un dos elementos que terá unha importancia fulcral nas actividades que a prisión acolla será o seu carácter de "lugar de memoria" e espazo para a homenaxe e coñecemento dos e das represaliadas pola ditadura franquista. Neste senso, a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) reclama que o cárcere non se limite a ser un “simple museo memorialístico” e propón unha serie de usos nos que a educación e a participación sexan protagonistas, seguindo as recomendacións que a ONU lle fixo a España en 2014. Por exemplo, suxiren a instalación no lugar dunha Oficina de atención as vítimas da represión franquista e que, sobre todo, o espazo sirva para unha pedagoxía e un mellor coñecemento do sucedido por parte das novas xeracións. 

Un dos elementos que terá unha importancia fulcral nas actividades que a prisión acolla será o seu carácter de lugar de memoria e espazo para a homenaxe e coñecemento dos e das represaliadas pola ditadura franquista

En canto á conservación e rehabilitación do edificio, o Concello levou a cabo xa un informe para analizar o estado real do inmoble. A tarefa máis urxente é a recuperación da cuberta para impedir que entre a chuvia e persista o deterioro do seu interior. No convenio negociado entre Concello e Ministerio do Interior prevese un investimento total de 300 mil euros para obras, achegados a partes iguais polas dúas administracións. Proxecto Cárcere demanda que a rehabilitación e mantemento do edificio siga "principios de sustentabilidade", respecte a estrutura orixinal do inmoble e manteña un "compromiso coa economía local e social". 

O tarefa máis urxente das obras de rehabilitación é a recuperación da cuberta para impedir que entre a chuvia e persista o deterioro do seu interior

O acordo de cesión gratuíta ten unha vixencia de dous anos, prorrogable despois anualmente mentres non se resolve o litixio xudicial aberto, que o Goberno local espera que finalmente consolide a cesión definitiva do cárcere á cidade da Coruña. O Concello manifestou que aínda que os tribunais non lle dean a razón na súa demanda para a recuperación gratuíta do espazo, optará pola súa adquisición.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.