Os incendios xa non son unicamente no verán. O lume está a afectar os montes galegos neste inverno nunha tendencia que vai a máis nos últimos anos e que acontece xusto cando menos recursos públicos, tanto para extinción como para previnción, hai dispoñibles. O feito de que a Xunta tan só informe daqueles focos que superen as 20 hectáreas de afectación fai difícil valorar a intensidade dunha vaga da que, no entanto, están a advertir os profesionais. Ata unha media de catro incendios ao día no país durante o que vai de mes de xaneiro, cunha especial incidencia na provincia de Ourense.
A provincia de Ourense, en especial as comarcas de Verín e Viana, son as máis afectadas polos incendios no inverno
Así o asegura nun informe a Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia (Atrifoga), así como os datos achegados polo sindicato CCOO. O último incendio do que informou a Xunta foi o que tivo lugar a principios de ano no concello da Veiga, en Ourense, onde arderon 20 hectáreas. Pero nesa provincia houbo moitos máis desde comezos de decembro, especialmente no Macizo Central e na parte oriental, algúns deles mesmo afectando Rede Natura. Arderon 50 hectáreas en Vilariño de Conso e case 40 en Carballeda de Valdeorras, tal e como confirmara Medio Rural. Non obstante, o lume tamén afectou superficies menores en Manzaneda, Cartelle, Chandrexa de Queixa, Lobios ou O Irixo, segundo os datos que achega o devandito informe baseado en datos do persoal contraincendios.
Tal e como destaca Atrifoga, hai dúas comarcas -a de Verín e a de Viana- que están a sufrir especialmente estes incendios "continuos en case todos os doce municipios que as integran". Ademais, e fóra da provincia de Ourense, desde o pasado mes de decembro rexistráronse tamén lapas en Toques, Ames, Ribeira, Porto do Son, Pedrafita, Guitiriz, Folgoso do Courel, Silleda, Lalín, A Guarda ou Arbo, entre outros municipios.
A escaseza de chuvias, as altas temperaturas e as xeadas que secan a vexetación provocan que se rexistrasen en xaneiro 110 incendios
Desde CCOO advírtese que no que vai de mes de xaneiro, até esta última fin de semana, rexistráronse en Galicia 110 incendios, arredor de 80 deles na provincia de Ourense. É unha media de case catro ao día desde que comezara o ano. As causas desta vaga? Moitas. "As inhabituais condicións metereolóxicas de altas temperaturas polo quecemento global, o baixo nivel de humidade con ausencia de chuvias, o vento ou o estado de secura da biomasa e do chan, agravado coas xeadas que secan a vexentación e a converten en combustible inflamable", destaca Atrifoga, que advirte que todo isto coloca as "circunstancias favorables para que se provoquen e propaguen os incendios con moita facilidade".
Patra Atrifoga, é "evidente" a existencia "dun factor de desestacionalización dos incendios forestais e unha continuidade no tempo". "Xa non arde só no verán, senón que tamén hai importantes vagas en outono e inverno que provocan graves perdas ecolóxicas, económicas e sociais", di a asociación, que lembra os milleiros de hectáreas ardidas en decembro de 2015 nas comunidades cantábricas, as 800 hectáreas arrasadas nas Fragas do Eume en marzo de 2012 ou os continuos focos que sofre a Serra do Xurés en calquera época do ano.
Que a Xunta só informe dos incendios de máis de 20 hectáreas fai que non se teña constancia da existencia do lume en inverno
"A Consellería de Medio Rural só emite comunicados sobre os incendios que superan as 20 hectáreas, por iso non chega á opinión pública a existencia dos incendios de menor superficie, que son maioría en número", destaca Atrifoga.
A vaga coincide na época na que menos recursos hai nos montes galegos para a extinción e para a prevención de incendios. O Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia (Spdcif) queda en situación máis precaria a partir de decembro. Un total de 626 dos seus traballadores foron cesados o 30 de novembro ao expirar o tipo de contrato que Medio Rural lles estipulou no pasado ano. Antes, coa fin de verán, outros 436 profesionais cesaron no seu posto ao rematar o seu período contractual de tres meses. 1.062 brigadistas de medios propios da Xunta dun total de máis de 2.400 en período de alto risco, polo que os equipos que ademais de extinguir tamén se ocupan da prevención quedan case na metada nunha época na que tampouco traballan as brigadas municipais ou os equipos de empresas como Natutecnia.
Desde o 30 de novembro, a Xunta conta coa metade dos medios públicos contra incendios e de prevención que ten no verán
Así o denunciou xa Atrifoga, que advertía tamén das problemáticas dun traballo limitado a tres meses de verán que supón tamén limitacións no cobro de subsidio e o veto ao acceso ás substitucións na Xunta. Estes brigadistas reclaman ser contratados por nove meses e "igualarse" aos compañeiros que están nove contratados para reforzar así os labores de prevención. Segundo din, a día de hoxe o persoal laboral en Galicia contra o lume ascende a 851 traballadores, dos que tan só son de campo 82 condutores de motobombas e 576 bombeiros forestais.
Toda esta situación pon de manifesto varias eivas recorrentes no sistema en Galicia: a limitación nos necesarios labores de prevención e a escasa capacidade de loita contra os incendios do inverno, ademais dunha precariedade laboral, temporalidade e desprotección social que abrangue todos os brigadistas. O caso dos de nove meses tamén é constantemente denunciado pola asociación profesional Apropiga, ademais de polos partidos da oposición e numerosos colectivos.
"A Xunta cae na improvisación, os incendios propáganse con facilidade e increméntanse o tempo e os gastos de extinción"
"Deste xeito, ponse de manifesto a cuestionable xestión que se fai do Spdcif, caendo na improvisación, o que deriva en que os incendios se propaguen con facilidade e se incrementen o tempo e os gastos de extinción", di Atrifoga, que entende que "o criterio de prescindir de persoal por cuestións económicas" -como aseguran que di a Xunta, que asegura estar satisfeita co dispositivo- "cae polo seu propio peso".
A todo isto, engádense as continuas protestas sindicais e do persoal polo que consideran privatización dos servizos. Aínda neste mes, CIG e CCOO denunciaron o anuncio que no DOG vén de saír publicado para a contratación de brigadas e helicópteros privados para o Spdcif, "aumentando funcións e tempo de traballo en detrimento do servizo público". Segundo aseguran, a Consellaría de Medio Rural que dirixe Ánxeles Vázquez acaba de licitar un servizo de helicópteros e brigadas por máis de 3,8 millóns de euros, "ao tempo que o 55 % do operativo público ten o contrato suspendido".