A Fraga de Catasós: onde a veciñanza vence a Fenosa

Acción contra o proxecto de Fenosa en Catasós © Salvemos Catasós

"Conseguimos salvar as Fragas de Catasós contra o mastodonte de Fenosa, os poderes fácticos e unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) que aceptaba o proxecto. É un orgullo". Miguel Dieguez, avogado do Concello de Lalín na batalla xudicial contra a eléctrica, resumía así o proceso que esta semana rematou coa denegación por parte da xustiza da licenza que a compañía tiña para construír unha liña de alta tensión nun valorado bosque e que ameazaba milleiros de árbores autóctonas, a maioría delas castiñeiros e moitos centenarios. 

O avogado e o alcalde de Lalín coinciden en destacar a vitoria xudicial "contra os poderes fácticos"

Logo de máis de dous anos de batalla social liderada pola plataforma Salvemos Catasós -e algún tempo máis de pelexa burocrática por parte dos afectados-, a xustiza vén de darlles a razón nun conflito dos que raras veces acaban virando cara a ese lado. "Hai uns grandes vencedores que son o pobo de Lalín, a plataforma e o Concello e uns grandes perdedores: os poderes fácticos, neste caso Fenosa, e a inacción de gobernos anteriores", asegurou o alcalde Rafael Cuiña ao dar a coñecer a "boa nova". Unha noticia que chegou, ademais, cando menos esperanzas había entre a sociedade civil. 

Salvemos Catasós recoñece a "satisfacción" pero tamén a "sorpresa" por un triunfo que xa vían moi lonxe

Pouco antes do Nadal, varios veciños recibiron cartas de expropiación forzosa dos terreos afectados cos detalles dos pagos a recibir. "Aquilo pareceunos o momento que nos condenaba ao desastre, no que todo acababa e no que, unha vez máis, os grandes e poderosos gañaban malia as evidencias e probas documentais de que todo o proceso fora erróneo", resume Celso Fernández, voceiro da plataforma, que recoñece así a súa "satisfacción pero tamén sorpresa" pola sentenza. Tanto era así que a acción pacífica na que propietarios das fragas e membros do colectivo abrazaban as árbores semellou xa máis unha despedida que un acto de esperanza. Todo mentres agardaban pola resolución da Xunta para a declaración da zona como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), o que parecía "o mecanismo máis efectivo para paralizar a obra". 

Mes e medio máis tarde, chegou a sentenza na que a maxistrada desmonta os argumentos de Gas Natural Fenosa e asegura que o Concello "non só non pode senón que non debe autorizar a execución das obras". Unha paralización que chegou coa licenza en poder da eléctrica, unha DIA da Xunta que daba o visto e prace e o favor do anterior goberno municipal. "O fácil para o novo executivo tería sido deixar facer e outorgar o permiso", advirte Diéguez. Pero non foi así. A compañía, ante o silencio da administraicón local, pide executar as obras pero o Concello négase. A compañía recorre este rexeitamento e o xulgado de instrución número 3 de Pontevedra desestima o recurso nun ditame recorrible ante o TSXG. 

O xulgado deu a razón a Lalín nunha situación "moi complexa": a licenza en mans de Fenosa, unha DIA favorable e o visto e prace do anterior goberno local

"A situación era moi complexa xuridicamente, pero cando a xente que ten razón loita e traballa saca réditos", insistiu o letrado Diéguez, que destacou o "moitísimo" que serviu tanto o traballo como as probas e informes que a plataforma e a cidadanía foron achegando: o do Consello da Cultura Galega (CCG), o do Valedor ou os do catedrático en Botánica da Universidade de Santiago, Javier Guitián. Todos coincidían en sinalar as eivas na avaliación do golpe real que as obras supoñían, o que levou a maxistrada a sentenciar que "unidos todos eles [os documentos] na contestación municipal á demanda, é posible inferir serísimas dúbidas sobre o verdadeiro impacto que as obras van ter non só no medio ambiente senón a nivel paisaxístico". Ademais, incidiu no feito de que a lexislación medioambiental debe estar por riba da urbanística. 

Rolda de prensa da presentación da sentenza favorable ao Concello / © Concello de Lalín

A actuación prevista prevía tronzar ata 2.000 árbores. A liña de alta tensión afectaba unha parte dunha área composta por especies autóctonas: carballos, ademais de varios tipos de castiñeiros, un deles de máis de 30 metros de altura. Ademais, as especies presentes nas 4,5 hectáreas rexistran unha das maiores taxas de crecemento de toda Europa. O Decreto 76/2000 da Xunta declarou a Fraga "Monumento Natural" polas súas "características botánicas de grande importancia, singularidade e beleza" e o Decreto 67/2007 do Goberno galego creou o Catálogo galego de árbores senlleiras e incluíuna como "formación senlleira". Pero nin iso nin a Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade, nin outras figuras de protección lograron deter a autorización de maio de 2014 da Consellería de Economía para que unha liña de alta tensión (o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal LAT 132 kV O Irixo-Lalín) pasase por esa zona. Tampouco que haxa constancia de que boa parte de Los Pazos de Ulloa fose escrita por Emilia Pardo Bazán paseando por este espazo.

A construción da liña implicaba tronzar ata 2.000 árbores nunha área protexida por varias normativas autonómicas

Con todos estes antecedentes, na DIA aprobada pola Xunta nin se recolle a existencia de especies autóctonas, tal e como logo advertiu o CCG. Aínda así, o anterior goberno municipal do PP deixouno pasar. "Foi un desleixo total; se chegamos aquí foi porque os técnicos do anterior executivo avalaron o proceso sabendo que estaba mal feito; desde o executivo acusáronnos de politizar a plataforma e de ter interese electoral", relata Celso Fernández, que viviu a loita na plataforma desde o inicio.

Contemplou tamén como Fenosa rexeitaba as alternativas que se lle presentaban ou ofrecía outras que non convencían. "Propuxo sobrevoar as Fragas con terros máis altas, pero saben que baixo un tendido elécrico non se permite vexetación por moi alto que as subisen; ofrecían algo que non se podía cumprir", lembra. Ao tempo, expertos propuxeron desvíos da rede por outras zonas ou o soterramento da liña, como ocorre nas áreas que coincide co Camiño de Santiago. "Algunhas estudáronse, pero nunca as quixeron porque xa tiñan un proxecto e porque outras opcións éranlles máis caras", engade.

Fenosa rexeitou o soterramento da liña e tamén se descartaron trazados alternativos con menor impacto

Desde o Concello advertiuse da necesidade dunhas medidas de prevención e non de recuperación, xa que os expertos cifraban entre 50 e 100 anos o prazo para recuperar a zona. Ademais, insistiuse na unidade paisaxística da Fraga das Casas Vellas e a de Quiroga, algo que tivo en conta a xuíza que, segundo o avogado Diéguez, "desmonta punto por punto" as argumentacións de Fenosa.

Aínda que recorrible, ninguén pensa que á eléctrica se lle ocorra intentar de novo a construción da liña. "Como defenderá Fenosa seguir adiante co mesmo proxecto cunha sentenza que lle advirte de todos os danos medioambientais? Como vai defender isto ante a cidadanía?", pregúntase Diéguez, convencido de que "buscará alternativas" tras un ditame que "parou tamén a DIA e os procedementos expropiatorios". "Salvamos as Fragas de Catasós", insisten todos os implicados. En primeira persoa do plural.

Acción contra o proxecto de Fenosa en Catasós © Salvemos Catasós

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.