A liña de alta tensión que prevé cruzar As Mariñas pon en alerta a veciñanza

Torre de alta tensión en Galicia CC-BY-SA Juantiagues

En outubro de 2015, o Consello de Ministros aprobou o plan polo que Red Eléctrica de España (REE) comezou co proxecto para a construción dunha liña de alta tensión que cruzará boa parte da comarca das Mariñas. Pasará por Cerceda, Carral, Culleredo e Arteixo ata chegar á Coruña; e sairá de Abegondo, onde na parroquia de Folgoso prevese unha subestación de entre 4 e 8 hectáreas que podería ser ampliada no futuro. Aínda en estudo e sen o visto e prace definitivo, veciños das localidades afectadas e de toda a área organízanse contra unha iniciativa na que ven unha ameaza e para a que, segundo avisan, xa houbo contactos con xente da zona para lles mercar os terreos para a súa base.

A liña cruzaría boa parte das Mariñas e cinco concellos ata chegar á Coruña

Ven na liña prevista un perigo do que empezaron a alertar en novembro do pasado ano, co proxecto pechando xa a súa fase de consultas previas. Nesa fase primixénea de avaliación ambiental, municipios e institucións emitiron os seus informes, todo previo ao posterior estudo de impacto ambiental, aínda sen elaborar. Os concellos afectados coincidiron en advertir da falta de información, ademais de censurar uns trazados que afectarían o Monte Xalo, camiños históricos, castros ou petroglifos

Na fase de avaliación ambiental, os concellos afectados reclamaron máis información e censuraron boa parte dos trazados previstos

Aínda que hai tres posibles vías por onde pasaría a liña, hai unha que semella a preferida para REE. Tería uns 32 quilómetros de lonxitude e con piares cada 500 metros. Como calquera destas características, o cableado require dunha distancia de afección de entre catro e seis metros de ancho a cada lado, mentres que as obras para postes e instalacións esixirán a actuación de maquinaria pesada e o tronzado de árbores. Un tendido eléctrico aéreo ata pouco antes de entrar na Coruña, onde pasaría a ser subterráneo. 

A plataforma As Mariñas sen Alta Tensión celebrou o pasado sábado unha xuntanza na que expertos e veciños compartiron inquedanzas e información sobre o proxecto de REE. Formado, segundo din, pola ausencia de información pública sobre os impactos reais da liña, o colectivo leva a cabo a súa primeira iniciativa de oposición ao proxecto: unha campaña de alegacións ás novas directrices de ordenación da paisaxe da Xunta, cuxo borrador está en fase de exposición pública ata o vindeiro 2 de marzo

A plataforma contra a liña anima a alegar ás novas directrices de ordenación do paisaxe para que as zonas protexidas eviten o paso da alta tensión

A idea é que a liña de alta tensión atravese moitas zonas rurais que se poderían ver prexudicadas, así como terreos dun elevado valor paisaxístico e ambiental, hábitats protexidos e áreas incluídas na reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Na reunión do sábado, Ana Varela, xurista e secretaria da Asociación Petón do Lobo, pediu aos veciños que "soliciten a protección da paisaxe desa reserva da biosfera afectada polo plan de REE". "É unha arma poderosa porque as directrices están por riba de calquera outro plan", advirte a plataforma, que cre "ilegal" pretender pasar o tendido pola zona protexida e que lembra a vitoria dos veciños de Catasós, en Lalín, na súa loita contra Fenosa por outro proxecto para pasar unha liña por unha fraga con especial protección

A plataforma insiste en advertir dos "efectos medioambientais, para a saúde e tamén paisaxísticos" da liña prevista por REE e cuestiona tanto a necesidade de que se leve adiante o proxecto como o trazado. Desde As Mariñas sen Alta Tensión advírtese que, tal e como aclara Red Eléctrica, o obxectivo da infraestrutura tamén é a demanda enerxética da industria da Coruña "e non ao consumo doméstico, como se está vendendo". Así o asegura Xoán Doldán, profesor de Economía Aplicada da USC e vicepresidente da asociación Véspera de Nada. 

Doldán suxire que a subestación da REE en Abegondo está relacionado con modificacións na xa existente en Mesón do Vento. Terían que ver con que as redes “fanse para traer a enerxía ás casas, pero tamén para levala fóra, así que parte destas infraestruturas estarían pensadas non para as necesidades propias de Galicia”. Ademais, desde a plataforma advírtese que na memoria económica asegúrase que o investimento previsto realizar en Abegondo amortizaríase "en só dous anos".

'As Mariñas sen Alta Tensión' cuestiona o beneficiario final da liña e advirte dun proxecto para exportar enerxía e favorecer grandes industrias

"Hai suficientes indicios que indican que aquí non se pretende unha mellora de subministro ao pobo, senón intereses mercantís", di Marta Galán, portavoz dun colectivo que cuestiona dous aspectos fundamentais desta enorme infraestrutura: se é realmente destinada para o beneficio do consumidor medio e non das grandes industrias e para a exportación de enerxía e, sobre todo, "se é xustificable un trazado que pasa por riba de tanta zona rural pagando uns prezos irrisorios e sen que estas zonas vexan rendibilidade ningunha". 

Doldán vai máis aló ao advertir que a infraestrutura de Abegondo se insire nun plan máis amplo. "A clave podería estar na actuación proxectada entre Dumbría-Mesón do Vento para dar saída a produción de Ferroatlántica e evacuar máis electricidade”. Segundo o experto, a subestación de Abegondo podería ser destinada a aliviar a carga da estación de Mesón, que podería ter que soportar a saída cara a Portugal, xunto a outras actuacións que se están planificando no sur de Galicia. 

Sexa como for, a organización de cidadanía e colectivos medioambientais procura información moito máis detallada e oficial do proxecto, polo que As Mariñas sen Alta Tensión solicitará unha xuntanza con Red Eléctrica. “Quen quere vivir preto destas liñas? Mesmo os técnicos de REE confesáronnos que non”, asgurou Marta Galán na reunión do sábado dun colectivo que ten un lema claro en relación coa subministración de electricidade: "Nós usámola. Nós pagámola. Nós decidimos". 

Zona de afectación da liña de alta tensión prevista © As Mariñas sen Alta Tensión
Charla informativa sobre o proxecto de REE, en Betanzos © As Mariñas sen Alta Tensión
Diferentes alternativas para o trazado da liña Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.