A Xunta ultima as bases das oposicións de Educación mentres o PP volve amagar con non convocalas

Oposicións do Sergas no recinto feiral de Silleda en 2016 © Xunta

A Consellería de Educación ten convocada Mesa Sectorial cos sindicatos para este xoves, 2 de marzo. Sobre a mesa estará a oferta de emprego público para este ano 2017, tanto no que atinxe ao número de prazas como á propia convocatoria das oposicións, a mesma co que o PP presiona dende hai semanas en todo o Estado á oposición en xeral e ao PSOE en particular para que acceda a aprobar os Orzamentos do Goberno de Mariano Rajoy. As centrais sindicais veñen de recibir, durante o período non lectivo do Entroido, o bosquexo dun documento que, en condicións normais, sería o pórtico para a convocatoria do milleiro de postos xa avanzados pola Xunta, os mesmos que os populares amagan con non convocar se a negociación orzamentaria nas Cortes non remata en acordo.

A remisión do documento en días non lectivos e a escasas xornadas da cita para negociar incrementa a sensación de incerteza e indignación entre as centrais sindicais. Para a CIG-Ensino os gobernos galego e español teiman en "usar a oferta de emprego como arma política" para que o PP dea sacado adiante os Orzamentos e, a xuízo de ANPE, o persoal docente está a ser utilizado como "moeda de cambio" para forzar esas conversas entre populares e socialistas. Estas e outras organizacións advirten, no entanto, que a aprobación das contas públicas do Estado non é unha condición imprescindible para convocar as oposicións. Cando menos, resaltan, a Xunta podería sacalas adiante coas normas do 2016, contidas nos orzamentos dese ano, agora prorrogados.

As centrais sindicais censuran que o PP use as oposicións como "moeda de cambio" e presión na negociación dos Orzamentos do Estado

O documento achegado aos sindicatos presenta, a priori, unha estrutura semellante á doutros anos, tamén en canto aos tempos: convocatoria no mes de abril e inicio do proceso selectivo "a partir do 22 de xuño" co obxectivo de que quen logren prazas poidan incorporarse a elas con normalidade no mes de setembro. Nada disto sería posible se, como suxiren destacados cargos populares como o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se o proceso é conxelado ata a fin do trámite orzamentario. Se isto sucede, segundo Feijóo, a culpa non será dos gobernos que freen o proceso, senón dos grupos da esquerda por non apoiar as contas de Rajoy, especialmente do PSOE.

A orde que a Consellería remitiu aos sindicatos prevé prazas en 25 especialidades e introduce novidades na presentación de documentación e na obrigatoriedade de concorrer aos exames

Alén dos prazos, o borrador da orde detalla que a previsión é convocar prazas en 25 especialidades, case a metade delas en secundaria: Lingua Castelá e Literatura, Xeografía e Historia, Matemáticas, Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía, Inglés, Educación Física, Lingua Galega e Literatura, Análise e Química Industrial, Asesoría e Imaxe Persoal, Hostalería e Turismo e mais Organización e Proxectos de Fabricación Mecánica. Para o corpo de mestres as áreas nas que a Consellería proxecta prazas de ingreso son Educación Infantil, Inglés, Francés, Educación Física, Música, Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e Educación Primaria. A convocatoria completaríase coas prazas para profesorado de FP: Cociña e Pastelaría, Equipos Electrónicos, Laboratorio, Mantemento de Vehículos e Sistemas e Aplicacións Informáticas.

No que atinxe ao procedemento para participar nas probas Educación prevé inserir algunhas novidades na presentación de documentación e nas obrigas de concorrer aos exames. Así, por exemplo, só cumprirá presentar fotocopia compulsada do "título esixido para o ingreso no correspondente corpo" se a persoa participante nos exames non dá permiso á Xunta para que o consulte directamente. No que atinxe á obriga de paticipación, o proxecto de orde estipula que o persoal interino ou substituto "está obrigado" a participar se son convocadas prazas nas súas especialidades. A nova regulamentación establece que este persoal perderá os seus dereitos "nas listas de especialidades convocadas" e "se é o caso, da lista de orientación", tanto se non se presenta ás oposicións como se se "retira" delas antes do seu remate.

O PPdeG insta a aprobar o Orzamento de Rajoy por "responsabilidade"

O PP galego teima en que a convocatoria carece de base legal e a oposición insta a Feijóo a dar luz verde ás oposicións con, cando menos, os límites de 2016

Neste contexto, o persoal que prepara as oposición segue sumido nunha incerteza que dende o Parlamento galego o grupo que sustenta o Goberno non contribúe a aliviar, cando menos polo momento. Neste sentido, o voceiro conservador na Cámara, Pedro Puy, mantén que "a norma que implica que se poidan convocar esas prazas" tanto en Educación como noutros ámbitos -Feijóo asegura prever unhas 1.600 no Sergas- "depende da súa aprobación polas Cortes". "Non hai un respaldo legal antes da aprobación dos Orzamentos", asegura, obviando a posibilidade de convocatoria coas normas de 2016 ou a promulgación dun Real Decreto-Lei para sacar adiante a oferta pública de emprego.

"Todos debemos ser responsables, non é rigoroso tentar aprobar aquilo dos Orzamentos que nos gusta máis e non ter en conta o que nos poida gustar menos", afirma Puy, para quen a vía da "responsabilidade" é sacar adiaten o Orzamento de Rajoy. Mentres, dende o PSdeG reitérase a mensaxe que a pasada semana xa secundou o conxunto da oposición parlamentaria galega: A convocatoria das oposicións "si ten base legal", subliña Xoaquín Fernández Leiceaga, e Feijóo "non só pode, senón que debe convocar unha OPE en educación e sanidade" con, como "mínimo", unha taxa de reposición do 100%, que foi a permitida nos orzamentos de 2016.

Alumnado nun instituto galego © IES Rosais 2 (Vigo)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.