A demanda dun avogado impulsa a supresión das rúas franquistas en Meira

Avenida do Generalísimo, en Meira © Google

O Concello de Meira retirará as denominacións franquistas de dúas das súas rúas logo de ser condenado pola xustiza. O xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Lugo ordenoulle identificar os símbolos da ditadura aínda presentes na localidade para a súa posterior eliminación e cumprir así coa Lei da Memoria Histórica. Faino impulsado pola demanda que contra este municipio -e outros cinco en Galicia- presentara o avogado madrileño Eduardo Ranz, que leva tempo en batalla xudicial contra as localidades que en todo o Estado manteñen placas, monumentos ou simboloxía fascista. 

A sentenza contra Meira, agora firme, obriga a elaborar un catálogo de simboloxía franquista para proceder á súa eliminación

A sentenza, ditada o pasado 10 de xaneiro, foi declarada firme hai agora quince días ao non presentarse recurso. Todo xurdiu antes, en xullo do ano pasado, cando o letrado enviou unha petición tanto ao Concello de Meira como aos de Lugo, O Porriño, Pontevedra, Beade e Ourense na que se solicitaba a "a redefinición de rúas de exaltación de guerra civil e ditadura" e a elaboración dun catálogo cos vestixios da ditadura. 

Eduardo Ranz baseábase nas denominacións franquistas de rúas destes concellos que aparecían na Dirección Xeral do Catastro, seguindo así a metodoloxía empregada en todas as súas demandas. Ante a falta de resposta de Meira, decidiu denunciar a administración local, que foi condenada a elaborar ese catálogo no prazo dun mes. No resto dos municipios galegos, a demanda non foi necesaria ante a documentación que tería demostrado a retirada da simboloxía ou as iniciativas para levalo a cabo. 

O Concello vénlle de notificar ao avogado o acordo plenario que impón o cambio de denominación das avenidas Generalísimo e José Antonio

O avogado madrileño vén de recibir unha notificación do Concello de Meira, que lle remite a certificación do acordo plenario do pasado 13 de febreiro, onde se acorda o cambio de nomes da Avenida Generalísimo e a Avenida José Antonio "dando cumprimento" así ao ordenado na sentenza. Pasarán a chamarse Avenida de Lugo e Avenida da Cerca, respectivamente, novas denominacións do tramo urbano da estrada N-640 ao seu paso pola localidade lucense. 

Tal e como recoñece o alcalde socialista de Meira, Antonio de Dios, a demanda interposta polo letrado madrileño "reactivou" unha retirada do rueiro franquista que levaba paralizada anos, polo menos desde 2010. Daquela, o pleno aprobara a modificación, acordando os nomes dos irmáns Vallejo, pilos de ralis, e de Emilio Fernández, fundador da factoría de Vega de Oro. Pero nunca se executou a mudanza co posterior goberno municipal do PP. 

As vías urbanas da N-640 en Meira denominaranse agora avenida de Lugo e avenida da Cerca

Así se lembrou no pleno do pasado 13 de febreiro, que aprobou este cambio baseándose nunha moción de meses antes presentada polo Bloque e cos votos a favor dos cinco concelleiros PSdeG e do único edil do BNG, e coa abstención dos tres representantes do PP. "Procederemos á retirada das placas axiña; xa estamos preparando as cartas para avisar aos veciños da mudanza, así como as modificacións en todos os organismos ou documentación que o requiran", explica o rexedor. 

 

Unha vía xudicial que se espalla polo Estado

Sexa como for, tivo que ser a vía xudicial a que acabase por apurar a retirada de simboloxía franquista que non é nin moito menos completa en Galicia. No caso dos requirimentos de Eduardo Ranz, experto en dereitos humanos e memoria histórica, o criterio empregado "é xeral". "Procuramos denominacións como José Antonio, Generalísimo, 18 de xullo, Franco... Pero se empregásemos un criterio máis local, incluíndo líderes fascistas ou golpistas da zona ou gobernardores civís, os lugares afectados multiplicaríanse por cinco ou seis", aclara quen ocupou portadas non hai moito pola sentenza xudicial que obrigou mesmo a mudar o nome de varias localidades no Estado. 

"Non se cambiaron os nomes das rúas até que a sentenza foi firme, por moito que as declaracións ou boas vontades estivesen aí"

A vaga desta vía xudicial chegara tamén a Galicia e xa hai case dous anos este mesmo avogado denunciara sete alcaldes e tres bispados por manter simboloxía franquista. Naqueles casos, tal e como explica, "as demandas foron arquivadas ao non prosperar a vía penal". Desta vez foi diferente, xa que, tal e como advertía Ranz, "a vía contencioso-administrativa si adoita prosperar ao dirixirse contra o concello ou o órgano colexiado". A sentenza de xuño de 2016 contra o municipio de Olmedo (Valladolid), o primeiro dos condenados a elaborar un catálogo e retirar a simboloxía fascista, "sentou un precedente" que está a impulsar numerosas retiradas de placas. 

Preguntado pola tardanza de moitos concellos en cumprir a lei, mesmo no caso de Meira, Eduardo Ranz é claro: "Eu cíngome ao procesal, que é o que obriga; non se cambiaron as rúas até que a sentenza foi firme, por moito que as declaracións ou as boas vontades xa estivesen aí". Ademais, lembra que a xurisprudencia aclara que o primeiro que se debe facer é publicar o catálogo dos vestixios franquistas e logo proceder á redefinición da "simboloxía de exaltación". "Se o Concello non cumpre o acordado, será xudicialmente executado", remata. 

Casa do Concello de Meira © Concello de Meira

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.