En marzo de 2012, hai agora media década, o Parlamento acollía o derradeiro debate de política xeral da primeira lexislatura con Alberto Núñez Feijóo na Presidencia da Xunta. As propostas de resolución, isto é, os acordos concretos acadados polos grupos naquel debate, tiveran fundamentalmente contido económico, pero tamén incluíran unha aposta pola fin dos anuncios de prostitución na prensa galega. Cinco anos despois o Goberno desenvolveu diversas iniciativas ligadas á loita contra o machismo na publicidade, pero ese tipo de anuncios seguen a ser difundidos polas mesmas publicacións que o facían daquela.
Aquela iniciativa, formulada polo PSdeG e apoiada polos tres grupos que daquela formaban a Cámara -PP, BNG e os propios socialistas- tiña escasa concreción e, daquela, viña comprometer o Goberno a concretala. Nomeadamente, o acordo unánime implicaba instar a Xunta a "promover a eliminación dos anuncios de contactos de prostitución en Internet e nos medios de comunicación" publicados en Galicia. Pero esas medidas concretas non chegaron, cando menos de momento, aínda que a oposición lembrou o incumprimento en varias ocasións nos últimos anos.
Así, por exemplo, a finais de 2013 o propio PSdeG dirixíase ao Goberno para preguntar ao respecto e a Xunta, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, optou por non fixar posición. Así, como informou Praza.gal, naquela resposta o Executivo explicou o marco legal vixente en materia de igualdade e debullou o funcionamento da nova Comisión Asesora de Publicidade non Sexista, cuxo traballo consiste en "eliminar o sexismo nas mensaxes publicitarias e incorporar nas actividades das entidades, asociacións e axentes publicitarios accións positivas que coopeen á devandita erradicación".
O acordo unánime acadado en 2012 no Parlamento instaba a Xunta a "promover a eliminación dos anuncios de contactos de prostitución" nos medios de comunicación
Tres anos despois daquela resposta, na que a Xunta mesmo evitaba achegar unha opinión clara sobre os anuncios de prostitución na prensa, unha iniciativa formulada por AGE forzou o PP a fixar posición sobre o asunto. A proposta, formulada pola deputada Eva Solla, instaba o Goberno a "suspender" con carácter inmediato todas as "axudas económicas" a "medios galegos ou comercializados en Galicia" que incluísen este tipo de anuncios. A iniciativa avogaba ademais por reclamar do Goberno de España unha reforma da lei xeral de publicidade para vetar estas insercións publicitarias. Ambas medidas, indicaba Solla, contribuirían a poñer fin á "hipocrisía" de impulsar "leis que protexen as vítimas da violencia de xénero e da trata" mentres se financian "medios que anuncian e favorecen a explotación sexual".
O pasado ano o PP rexeitou vetar a recepción de axudas da Xunta á prensa que publique estes anuncios
Aquela proposta de AGE recibira o apoio tanto do Bloque como do Grupo Socialista, que animara ademais a Xunta a "incentivar os medios de comnicación que voluntariamente retiren" a publicidade de prostitucuión coa inserción de campañas "contra a prostitución e a trata". O PP, pola súa banda, asegurara a través da súa deputada Marta Rodríguez-Vispo que "concordaba" cos "obxectivos" da proposta. "Todos estamos de acordo en erradicar" estes anuncios, agregara, se ben os populares apostan pola "autorregulación" e animar a que todos os medios tomen a decisión de prescindir destes anuncios como, lembrara, xa fixeran no eido dos xornais impresos cabeceiras como La Razón, 20 Minutos ou os desaparecidos Público e Avui. O voto fora, ao cabo, negativo.
Mentres este acordo segue incumprido -non figuran, tampouco, indicacións ao respecto nas condicións para recibir as axudas anuais da Xunta a algúns medios de comunicación nin nas bases para a asignación da publicidade institucional- a propia Secretaría Xeral de Igualdade inclúe, no seu informe anual que vén de remitir ao Parlamento, diversas actividades en torno á publicidade. Así, por exemplo, subliña que a Comisión Asesora de Publicidade non Sexista elaborou o pasado ano unha guía informativa con "indicacións para detectar o sexismo na publicidade" encadrado no obxectivo de "fomentar o rexeitamento social ao tratamento discriminatorio das mulleres a través da comunicación mediática".