A loita dos mariñeiros galegos en Noruega chega á fin aos xulgados de Oslo

Representantes de Long Hope, ante o Parlamento noruegués © Long Hope

Chegou o día. Un xulgado de Oslo abriu este martes o proceso civil pola demanda dos mariñeiros galegos enbarcados durante anos na mariña mercante de Noruega e que reclaman agora a este Estado o pagamento das súas pensións. Logo de anos de mobilizacións, moreas de manifestacións e presións a distintas instancias políticas e institucionais tanto en España como no país nórdico ou na UE, a asociación de ex-mariños Long Hope certifica o inicio dunha batalla xudicial impulsada hai xa meses e que podería acabar no Tribunal Europeo de Estrasburgo. 

Un xulgado de Oslo iniciou o proceso pola demanda dos mariñeiros contra Noruega polo impago das súas pensións tras anos embarcados na súa mariña mercante

Ás 9 da mañá deu comezo o xuízo impulsado por Long Hope contra Noruega, logo da demanda presentada polo prestixioso avogado noruegués Øivind Østberg en nome dunhas 280 persoas, entre mariñeiros afectados e herdeiros, pero que representan a loita dos 12.000 traballadores do mar (case o 70% deles galegos) que traballaron durante anos en buques noruegueses con bandeira norueguesa. O proceso durará dous días. 

Os mariñeiros achegaron probas de que tributaron durante os anos que estiveron embarcados en buques noruegueses

Na primeira xornada, os traballadores achegaron documentación como proba de que tributaron durante anos mentres estaban embarcados en Noruega pero sen recibir protección social ningunha. En resposta, o avogado do Estado noruegués mantivo a estratexia do seu Goberno, restando credibilidade aos papeis oficiais que certificaban o pago de impostos durante anos. 

Long Hope pelexa pola que consideran inxusta situación que sofren todos estes mariñeiros e as súas familias. Son ex traballadores da mariña mercante (embarcados de 1948 a 1994, ata que Noruega entrou no Espazo Económico Europeo) que pasaron longas tempadas traballando en buques daquel país e que pagaron elevados impostos a Oslo, pero que agora, despois de retirados, ven como non perciben nada en forma de pensión de xubilación malia estar empregados con contratos legais e logo de pagar ata o 45% do soldo en impostos. Serían uns 520 millóns de euros, sen os intereses actualizados. 

Noruega considerou os mariñeiros galegos non residentes malia traballar en buques do país, polo que cre que non teñen dereito a pensión

Noruega considéraos non residentes e impediulles cotizar, razón pola que agora non reciben pensión ningunha. Os mariñeiros cren que foron discriminados claramente, pero desde Noruega arguméntase que non houbo discriminación ningunha e que os traballadores non tiñan dereito a esa prestación por ser estranxeiros que non residían en territorio do país. Ademais, asegura que non pagaban as cotas de protección social que daban dereito á pensión, malia que si pagaron impostos elevados cos que se financiaron servizos dos que non gozaron, precisamente, por non ser residentes. "Se un barco noruegués con bandeira norueguesa non é territorio de Noruega, que veña Deus velo", din desde Long Hope. 

Unha reforma legal interna levada a cabo nos anos 60 en Noruega provocou un debate que acabou deixando os mariñeiros estranxeiros embarcados en buques noruegueses fóra desas cotizacións ás que se negaron os armadores. Ao entrar o Estado nórdico no espazo económico da UE en 1994, a lexislación deixou de aplicarse por ser contraria á normativa europea e á Carta Social Europea, un dos principais argumentos aos que aluden os avogados dos mariñeiros. 

Long Hope considera que Noruega incumpre a Carta Social Europea ao discriminar os estranxeiros fronte aos nativos

Noruega afronta finalmente o caso ante a Xustiza malia os numerosos intentos por frear o xuízo coa presentación de varios recursos e logo de pedir que se arquivase o caso por considerar que debía resolverse na vía administrativa, onde tamén segue o seu curso. Con todo, será un dos primeiros procesos e para o que Long Hope conta coa axuda de Xosé Manuel Carril, ex-voceiro do BNG na Coruña e avogado laboralista especializado en lexislación marítima. No caso de querer chegar ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estraburgo, a onde están dispostos, o colectivo tería que esgotar todas as vías xurídicas en Noruega

Tal e como lembrou Carril, o letrado da Administración nórdica argumenta que, de existir esa discriminación, estaría xustificada na defensa dos traballadores noruegueses, ao entender que antes de que o país se incorporase ao espazo económico da UE non tiñan dereito a xubilación. 

Os representantes galegos de Long Hope levan desde o pasado sábado en Oslo, onde levaron a cabo varias concentracións ante o Parlamento do país, seguindo así cunhas mobilizacións que empezaron hai xa oito anos, especialmente en Galicia, lideradas ademais por persoas de avanzada idade, xubilados da mariña mercante norueguesa e os seus familiares. 

O Goberno español segue negándose a presentar unha demanda interestatal contra Noruega que lle reclaman os mariñeiros

Co apoio dos principais partidos políticos de Galicia e do Estado, co Parlamento galego, o Congreso ou o Senado detrás e o reforzo de importaontes sindicatos de Noruega, Long Hope mantén a esperanza. Con todo, sabe que a vía xudicial é longa e cara, máis aínda se chega até Estrasburgo, algo que -lembran- podería evitar o Goberno español presentando unha demanda interestatal contra Noruega, unha posición que lle esixen os mariñeiros xubilados desde que comezara coas protestas pero ao que Madrid se nega unha e outra vez.

De feito, desde o Ministerio de Asuntos Exteriores acusan a Oslo dun trato "inxusto e discriminatorio" e advirten que esgotarán a vía diplomática. De non conseguir resultados, actuarán no ámbito xudicial, pero apoiando as demandas que os mariñeiros leven a Estrasburgo e non apostando por esa querela interestatal que reclaman os mariñeiros. 

Na xornada deste mércores, presentaranse as alegacións finais e o xuízo quedará visto para sentenza. 

Representantes de Long Hope, ante os xulgados de Oslo © XM Carril

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.