0 Gardados para despois

Galicia perdeu máis de 700 camas hospitalarias dende que goberna Feijóo

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O número de camas hospitalarias nos establecementos sanitarios do SERGAS vén reducíndose dende o regreso do PP ao poder no ano 2009. Das 9.863 camas que nese ano había en funcionamento, pasouse a 9.126, un descenso de 737. O número total de camas instaladas tamén se recortou, pero algo menos (575), segundo os datos que este venres fixo públicos a Consellaría de Sanidade.

O número de camas en funcionamento por cada mil habitantes reduciuse das 3,6 ás 3,34, lonxe dos estándares europeos (ao redor de 5 camas por cada mil habitantes) aínda que por riba da media española (2,96), tamén en descenso na última década. Por provincias, a de Pontevedra é a que presenta peores datos, con tan só 3,1 camas por mil habitantes, por debaixo de Lugo (3,31), Ourense (3,48) e A Coruña (3,51).

Por provincias, a de Pontevedra é a que presenta peores datos

En varias ocasións o Goberno galego xustificou o descenso das camas operativas en que estas xa non son tan necesarias "como antes". Así o fixo en 2014 sinalando que "o recurso cama xa non é tan imprescindible coma antes" nin "determina o grao de eficacia do sistema", destacando a importancia crecente dos hospitais de día ou da cirurxía ambulatoria e argumentando que "a hospitalización achega pouco valor e alto gasto".

En varias ocasións o Goberno galego xustificou o descenso das camas operativas en que estas xa non son tan necesarias "como antes"

Pola contra, sindicatos, colectivos profesionais e de pacientes e plataformas en defensa da sanidade pública veñen denunciando o peche de camas e a súa insuficiencia en moitos momentos, e reclaman a dotación de máis recursos materiais. “Hai doentes cada vez máis maiores e pluripatolóxicos que necesitan ingreso hospitalario en maior medida. E o problema é que aquí se están facendo hospitais sen ingreso, sen camas, que parece que é a moda", sinalaba María Xosé Abuín (CIG-Saúde) en conversa con Praza hai uns meses. "É verdade que hai procesos cirúrxicos que agora son menos agresivos, polo que o seu tempo de hospitalización é menor. Pero entón por que hai as listas de espera que hai?", preguntábase.

"Hai doentes cada vez máis maiores e pluripatolóxicos que necesitan ingreso hospitalario en maior medida. E o problema é que aquí se están facendo hospitais sen ingreso, sen camas, que parece que é a moda", sinalaba María Xosé Abuín (CIG-Saúde)

Tamén foi moi criticada a redución do número de camas en novos centros hospitalarios, coma o de Vigo, cun descenso do 50% con respecto ao proxecto inicial. E sinalábase a incidencia que esta falta de recursos tiña nas situacións de saturacións que de forma repetida se dan en certos momento do ano, por exemplo nos picos da gripe: "non hai camas para hospitalizar as persoas con gripe que teñen enfermidades crónicas -problemas respiratorios, cardiálxicos...- e que necesitan ese ingreso, polo que ao final esas persoas teñen que acumularse nos corredores dos hospitais", subliñaba este mes de xaneiro Manuel Martín (Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública).

A estatística do SERGAS amosa tamén a redución de persoal que se produciu nos últimos anos: dos 33.164 traballadores e traballadoras do 2009 aos 31.836 de 2015. E de 6.078 a 5.162 no caso do persoal sanitario facultativo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.