As hectáreas ardidas en Galicia roldan as 3.000 no que vai de ano tras un abril "incendiario"

Vista do incendio do Incio nunha imaxe tirada por brigadistas Dominio Público Brif Laza

Un "mes incendiario". A definición non é da oposición parlamentaria nin do persoal dos servizos de prevención e defensa contra incendios, que nas últimas semanas veñen alertando da necesidade de adaptar o dispositivo ás adversas condicións meteorolóxicas e adiantar a incorporación de persoal para atender o temperán período de alto risco. Quen a ofreceu foi a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, durante unha visita a unha estación agrícola en Salceda de Caselas. Alí a responsable gobernamental achegou tamén outro dato: Galicia rexistrou durante o mes de abril uns 380 incendios, cifras propias do verán que acrecentan un preocupante balance no que vai de ano: unhas 3.000 hectáreas ardidas nos montes galegos.

O número fornecido pola conselleira é moito menor ao detallado polo seu propio departamento, que dende o ano 2009 non informa de todos os incendios que acontecen, senón só dos superiores a 20 hectáreas e, por baixo desta superficie, unicamente dos que poñen en perigo á poboación. A estes criterios responden os incendios que Medio Rural deu por extinguidos na mañá deste sábado, os que afectaron aos montes do Incio e Cotobade. No concello lucense arderon unhas 152 hectáreas e no municipio pontevedrés, arredor de 30.

Os incendios sobre os que a Xunta informou na derradeira semana de abril suman case 600 hectáreas ardidas

A ausencia de chuvias e os fortes ventos favoreceron uns incendios que durante a semana afectaron especialmente ao interior do país, moi sinaladamente á montaña de Lugo e mais á Ribeira Sacra. Así, as 152 hectáreas arrasadas no Incio engadíronse ao lume que chegou ao corazón da Ribeira Sacra, en Sober, cun balance dunhas 130 hectáreas queimadas. Máis cara ao norleste, en Cervantes, os servizos de extinción estiman que arderon unhas 90 hectáreas nos últimos días. Máis cara ao norte foron 35 as hectáreas que arderon en Ourol e xa na provincia de Ourense o balance desta semana apunta a 40,5 hectáreas ardidas en Avión, algo máis de 20 en Cualedro e unhas 19 na Gudiña.

Así as cousas, a suma dos incendios sobre os que informou a Consellería chega en apenas cinco días a unhas 592 hectáreas que, engadidas ás algo máis de 1.000 da semana anterior, ás arredor de 600 da primavera e ás en torno a 400 rexistradas no inverno aproxima o balance provisional á devandita cifra aproximada de 3.000 hectáreas nos primeiros catro meses do ano. Estas cifras xa son superiores ao ardido no monte galego en todo o ano 2014, o mellor da serie histórica que, como informou Praza.gal, chegou no ano 2016 ás 21.000 hectáreas, case o dobre que no ano previo.

Unhas 3.000 persoas a traballar

"Galicia está preparada malia á actuación dos incendiadios favorecida polo clima adverso", di Medio Rural

Fronte ás voces críticas de oposición e persoal, que instan a Xunta a activar xa o dispositivo contra os incendios coas dimensións que habitualmente ten no verán, a conselleira Ángeles Vázquez defende que Galicia "está preparada fronte aos incendios malia á actuación dos incendiarios favorecida polo clima adverso". Así, sinalaba esta semana no Parlamento, "neste intre hai preto de 3.000 efectivos traballando no dispositivo", que se elevarán ata "7.000 na temporada de alto risco" que, confirma, será activada como habitualmente, no verán. Nestes primeiros meses, indica, están dispoñibles 10 helicópteros que tamén están a actuar nun contexto no que cre "importante resaltar que o monte non arde só", xa que "a maioría dos incendios son provocados intencionadamente".

"A Xunta non anticipou o dispositivo nin mobilizou os reforzos, como se estivésemos nun mes de abirl normal", advirte a representación sindical de Seaga

Unha visión ben diferente é a que ten a representación sindical do persoal que aínda non foi incorporado ao dispositivo, caso do correspondente á empresa pública Seaga, aínda inmerso na fase de probas físicas. A Xunta, lamenta o secretario nacional de CIG-Servizos, Paulo Rubido, "ignora as condicións climatolóxicas" e o feito de "estar diante dunha vaga de incendios equivalentes ás do verán" e por iso "non anticipou o dispositivo de incendios, chegando a estar pendente de aprobación e publicación o Pladiga deste ano", o plan que rexe todo o dispositivo.

"Non existe ningún tipo de reforzo nin se mobilizou ningún dos recursos do dispositivo, como se estivésemos nun mes de abril con condicións climatolóxicas normais", reprocha Rubido, quen ademais lamenta que parte do servizo de extinción de incendios continúe en "condicións de absoluta precariedade", cunha empresa pública que "segue convertida nunha ETT". Neste sentido, o representante sindical advirte de que o persoal está a "agardar pola resolución do Tribunal Supremo" ao recurso de Seaga contra a "obriga de contratar ao persoal cando haxa encomenda e período de alto risco". "Se o Supremo ratifica a sentenza, gañamos máis días de traballo en cada campaña, podendo reclamar días das campañas dos anos anteriores", anticipa.

Hectáreas ardidas en incendios forestais en Galicia 1976-2016

 

Incendio na Mezquita, este venres Dominio Público Brif Laza

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.