"O Parque Natural contribuíu a paliar o abandono do rural e o despoboamento en Rubiá"

Serra do Courel CC-BY José Antonio Gil Martínez

Hai hoxe 20 anos, o 26 de maio de 1997, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) solicitoulles formalmente ao Ministerio de Medio Ambiente, á Xunta de Galicia e á Junta de Castilla-León o inicio do proceso para constituír o Parque Natural das Serras do Courel e Enciña da Lastra. O espazo, de 87.400 hectáreas (65.345 delas en Galicia), abranguería as Serras do Courel, de Oribio e do Rañadoiro, as serras do Bierzo leonés limítrofes con Lugo ao sur da N-VI, e as Serras de Cereixidos, dos Cabalos, de Enciña da Lastra e os Montes de Oulego. En 2002 a Xunta deu un primeiro paso, parcial, coa declaración do Parque Natural da Serra de Enciña da Lastra (cunha superficie de 3.151 hectáreas). Porén, non houbo máis avances.

En 2002 a Xunta deu un primeiro paso, parcial, coa declaración do Parque Natural da Serra de Enciña da Lastra (cunha superficie de 3.151 hectáreas). Porén, non houbo máis avances

O Goberno galego anunciou en 2005 o seu compromiso de aprobar o Parque Natural do Courel, un proxecto que debía estar completado en 2007. Había, previamente, un Plan de Ordenación de Recursos Naturais Ancares-Courel (iniciado en 2001), pero en 2005 o Goberno galego optou pola fórmula de crear dous parques naturais separados. O proceso foi alongándose sen que a Consellería de Medio Ambiente aprobase o Plan de Ordenación de Recursos Naturais que debía servir de base para a creación do parque do Courel. O documento que preparaba Medio Ambiente foi, ademais, criticado polos grupos ecoloxistas polo pequeno tamaño do espazo protexido (apenas 20 mil hectáreas), deixando fóra algunhas das zonas de maior riqueza biolóxica da Serra do Courel, coma o entorno de Froxán e Vilamor.

O regreso do poder do PP en 2009 acabou por soterrar o proxecto, aínda que dende colectivos como SOS Courel nunca se deixou se reivindicar a creación do parque natural, unha demanda que os grupos da oposición levaron ao Parlamento en varias ocasións e que tamén foi reclamada dende o ámbito académico. En 2012 a Escola Politécnica Superior de Lugo elaborou, a través do catedrático de Produción Vexetal Antonio Rigueiro e do profesor Manuel Antonio Rodríguez Guitián, as directrices estratéxicas de actuación para a Serra do Courel. "Se as cousas se fan ben, a declaración como parque natural traerá maior riqueza para todos os veciños, e tamén traerá a creación de postos de traballo, e iso contribuirá á fixación de poboación", destacaba Rigueiro en conversa con Praza.

Na proposta inicial realizada pola SGHN incidíase nas vantaxes de todo tipo que traería a declaración de Parque Natural para as serras do Courel, non só para unha mellor conservación do medio natural e da rica biodiversidade da zona, senón para potenciar o desenvolvemento económico, sostible e ecolóxico, destes concellos, mellorando a calidade de vida dos seus habitantes e contribuíndo a frear o devalo demográfico. A entidade destacaba que o espazo que se propoñía protexer (un 2% da superficie total de Galicia) acollía a metade da diversidade florística galega; sinalaba igualmente o "sobresaínte valor faunístico" da zona; a súa riqueza xeomorfolóxica e xeolóxica; os "sobranceiros valores paisaxísticos" pola singularidade da utilización dos sistemas agrosilvopastorais adaptada as diferentes condicións do medio de montaña; e finalmente os seus "destacables valores culturales tanto prehistóricos" (castros, indicios de ocupación paleolítica), "como históricos" (sinais do proceso de romanización, a entrada en Galicia do camiño de Santiago).

Hoxe, 20 anos despois do inicio dese proceso que ficou inconcluso, a Sociedade Galega de Historia Natural reclama a ampliación da protección da que goza Serra de Enciña da Lastra ás Serras do Courel, de Cereixido e dos Cabalos, e os Montes de Oulego. E faino facendo fincapé nos beneficios obxectivos que nos últimos anos tivo para as zonas afectadas a declaración en 2002 do Parque Natural da Serra de Enciña da Lastra. O parque sitúase na súa totalidade no termo municipal do Concello de Rubiá que, destaca a SGHN, é unha das tres localidades da contorna que mellor (ou menos mala) evolución demográfica tivo neste tempo.

Dende o 2002, Rubiá perdeu un 18% dos seus habitantes, un descenso inferior ao 24% que rexistrou o conxunto dos 16 concellos da zona

Dende o 2002, Rubiá perdeu un 18% dos seus habitantes, un descenso inferior ao 24% que rexistrou o conxunto dos 16 concellos (galegos e castelan-leoneses) que abranguen as Serras do Courel, de Cereixido e dos Cabalos, e dos Montes de Oulego. De feito, Rubiá é a cuarta localidade con mellor evolución demográfica, só superada polo Barco de Valdeorras (+3,5%, beneficiada pola súa condición de capital comarcal), A Rúa (-12%) e Carucedo, en León, (-13%). Os outros 12 concellos presentan perdas de poboación superiores ao 20%, chegando ao 33% de Samos, o 30% de Folgoso e Pedrafita e o 27% de Vilamartín de Valdeorras, con diminucións semellantes na parte leonesa (entre o 21% e o 47%).

"Lonxe de prwxudicar aos habitantes do espazo protexido semella claro que a declaración do Parque Natural contribuíu de xeito notable a paliar o abandono do rural e o despoboamento do Concello de Rubiá", destacan os responsables da SGHN

"Lonxe de prexudicar aos habitantes do espazo protexido semella claro que a declaración do Parque Natural contribuíu de xeito notable a paliar o abandono do rural e o despoboamento do Concello de Rubiá", destacan os responsables da SGHN. Unha idea na que xa incidía Antonio Rigueiro, que salientaba que coa transformación da serra en Parque Natural “haberá algunhas limitacións, pero tamén compensacións: maior número de visitantes e máis demanda para os establecementos de turismo rural, máis investimentos e polo tanto máis emprego, posibles subvencións directas polas limitacións, lucro cesante polo impedimento de cambio de uso de terreos...". Rigueiro concluía que "os veciños deben entender que a súa galiña dos ovos de ouro son os valores naturais, paisaxísticos e culturais da serra, e deben ser os primeiros interesados en conservalos”.

 

O Courel, no outono Dominio Público Praza Pública
Serra do Courel © José Antonio Gil Martínez
Serra do Courel CC-BY-SA NovoaR

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.