Afectados da hepatite cren que os novos testemuños ratifican decisións "políticas" sobre o tratamento

Manifestación da plataforma de afectados pola hepatite C © PGAHC

Outra declaración de testemuñas e outra interpretación diverxente por parte dos afectados e da Xunta. Mentres o director xeral da Asesoría Xurídica do Executivo galego, Manuel Pillado, considera que estas novas palabras en sede xudicial corroboran o "correcto proceder e a dilixencia dos investigados" no caso da hepatite C, o portavoz da plataforma de afectados en Galicia, Quique Costas, entende que corroboran que "houbo disfuncións e descoordinación nalgúns casos" á hora de dispensar os fármacos e que ratificaría que as "decisións que desencaderon" os problemas "eran políticas". 

A Xunta cre que as declaracións das dúas xefas de Farmacia corroboran o "correcto proceder" dos investigados

Referíanse ambos á declaración este mércores nos xulgados de Compostela das xefas de Farmacia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), María Jesús Lamas Díaz, e María Isabel Martín Herranz. Mentres Pillado cre que estes testemuños sobre o caso da hepatite C foron "accesorios e instrumentais" para "aclarar determinados aspectos do funcionamento interno hospitalario á hora de tramitar solicitudes", Costas entende que delas tírase que houbo unha "gran descoordinación" no proceder entre "o ámbito de decisión política marcado pola dirección xeral e pola subcomisión e os servizos implicados, neste caso os de farmacia, encargados de dispensar os fármacos".

A plataforma de afectados considera, pola contra, que as súas palabras demostran a "gran descoordinación" entre o ámbito político e médico á hora de dispensar os medicamentos

"As palabras afortalaron a nosa tese de que as decisións que desencadearon os feitos eran políticas e alleas ao persoal que trataba os doentes; non era nese ámbito onde estaba o problema, senón na decisión política final", dixo Costas, que asegura que as dúas xefas de Farmacia "non souberon precisar" as datas ao seren preguntadas polo tempo que pasaba entre a prescrición do medicamento e a dispensación, aínda que "si corroboraron que houbos casos nos que pasou moito tempo". Ante isto, a plataforma podería pedir información documental ao respecto. 

As declaracións deste mércores foron un novo paso na causa na que instrúe o xuíz Andrés Lago e na que se investiga o daquela director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Félix Rubial; e a subdirectora de Farmacia, Carolina González-Criado, aos que se lles atribúen delitos de homicidio por imprudencia profesional grave e prevaricación administrativa. Trátase de aclarar se houbo un atraso ilícito na avaliación de doentes con hepatite C e, xa que logo, na subministración de medicamentos que poderían terlles salvado a vida. A Fiscalía acusara a Xunta de demorar a administración dos fármacos "por razóns orzamentarias".

Desde a Asesoría Xurídica da Xunta insisten en que estes novos testemuños deste mércores demostran que "a subcomisión da hepatite actuou en todo momento seguindo criterios facultativos para o acceso dos cidadáns a estes novos fármacos e que, en caso ningún, se tiveron en conta razóns orzamentarias ou doutro tipo nas decisións da Administración", dixo Pillado. "Nos autos non hai absolutamente ningún dato desfavorable, incriminador ou que faga ver calquera conduto irregular dos investigados", engadiu. 

A instrución do caso auméntase outros 18 meses malia a intención da Xunta de que se arquivase

Por outra banda, Quique Costas cualificou de "totalmente necesario" que se ampliase, como así se vén de facer, a instrución do caso ouros 18 meses ao considerarse que a investigación está aínda "nos inicios". "A defensa e a Xunta sempre tivo a intención de arquivar o caso pero todas as decisións que se tomaron foron na dirección contraria", engadiu. 

Así, a investigación continuará nun caso no que aínda teñen que comparecer cinco membros da subcomisión que decidía os tratamentos aos doentes. 

 

A Xunta insiste en que o Sergas actuou "con seguridade e eficacia"

En febreiro, Rubial, e González-Criado declararan en sede xudicial -onde xa compareceran polo suposto delito de prevaricación- como investigados polo de delito de homicidio imprudente no caso de seis dos oito enfermos falecidos incluídos na causa. Insistiran en que a súa actuación fora "dilixente", que en ningún caso houbera "dilación" á hora de subministrar os medicamentos e sinalaron os integrantes da comisión que presidían.

No último episodio xudicial, do pasado mes de abril, declarara o primeiro dos membros da subcomisión de farmacia que decidía sobre a subministración dos tratamentos contra a hepatite C, así como os xestores que ocupaban, respectivamente, a dirección de Recursos Económicos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). Advertiron que a súa actuación fora "correcta" e baseada en "criterios médicos" nunha declaración que os denunciantes consideraron "orientada" pola Administración sanitaria e "lexitimadora da súa política restritiva". 

Desde a Xunta, tanto o presidente Núñez Feijóo como Sanidade defenderon que "sempre" se usaron criterios clínicos para a atención de pacientes. O propio presidente do Goberno galego fora moi duro cos médicos que formularon as denuncias, aos que cualificou de "indignos" e mesmo cualificara de de "insidias" as acusacións de que a decisión de non aprobar tratamentos provocara o falecemento de pacientes. Atribuía as demandas a "leas que hai nos hospitais entre servizos e nos mesmos servizos" e mesmo fora máis aló ao atribuír á oposición as acusacións da Fiscalía e cualifícalas de "disparate" e "insulto" mentres se gababa de "pagar" os tratamentos. "Por dous ou tres pacientes, non me parece lóxico relacionar esas denuncias coa austeridade", sentenciara.

Nesta mesma semana, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, asegurou que espera unha resolución rápida do caso da hepatite C e destaca que o Sergas actuou "con seguridade e eficacia". 

Entrada dos Xulgados de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.