A Xunta xeolocaliza os medios contra o lume tras a condena por descoordinación na morte de dous brigadistas

Brigadistas traballando nun incendio © Atrifoga

A Xunta non aprobará ata o próximo xoves, catro días antes de que comece o período de alto risco de incendios, a actualización para este ano do seu Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), do que este venres salientou como gran novidade que este ano contempla a xeolocalización do seu persoal e mediose. O argumento esgrimido e salientado como principal novidade pola propia Xunta é o do “reforzo da seguridade do persoal e a coordinación do dispositivo”, que chega unha semana despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fixese pública unha sentenza na que responsabiliza ao Goberno galego da morte de dous brigadistas en 2010 pola demora na chegada ata o lugar en que se atopaban dunha motobomba cuxo condutor se perdera.

Medio Rural salienta como principal novidade para este ano o “reforzo da seguridade do persoal e a coordinación do dispositivo” grazas á tecnoloxía unha semana despois de que o Tribunal Superior a censurase pola desorientación dunha motobomba

A presentación mediática do Pladiga para este 2017, á espera de que o luns llo transmitan ao sector, correu por conta do director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, quen salientou como novidade para este ano a implantación dun novo sistema de xeolocalización de todos os medios materiais e humanos que conten con emisora e que permitirá entre outras cousas a “optimización de rutas, tempo, localización das persoas”. Segundo a Xunta, o novo sistema “facilitará unha máis áxil mobilización de medios por parte dos centros de coordinación e unha redución dos tempos de desprazamento ás alarmas e aos lumes, por medio de buscas avanzadas con puntos quilométricos, filtros toponímicos, automatismos a partir de posicionamento en tempo real e cartografía navegable”.

A propia Xunta salienta esta como a gran novidade para a loita contra os incendios de este ano unha semana despois de que se fixese pública a sentenza do TSXG que condena ao Goberno galego como responsable na morte de dous brigadistas en Fornelos de Montes o 12 de agosto de 2010. Nesa sentenza fálase dun “deficiente funcionamento dos servizos públicos” pola demora en chegar ao lugar en que se atopaban os dous falecidos dunha motobomba que podería salvarlles a vida. A sentenza di que “é evidente que, de contarse no lugar do sinistro, desde o primeiro momento, con ese servizo, as consecuencias lesivas que agora nos ocupan posiblemente non se producirían” e engade que “non vale argumentar que o condutor da motobomba descoñecía a paraxe e non deu coa entrada de acceso ao lugar do incendio”, o que “determinou unha demora no ataque do lume”. Esa mesma sentencia tamén sitúa parte da responsabilidade na propia acción dos brigadistas falecidos, e aínda que indica que iso non elimina a responsabilidade da Administración, tamén vincula o seu comportamento cunha desorientación: "Que dous dos brigadistas, presas do natural pánico, trabucasen a súa conduta e penetrasen en dirección ao lume, coas fatais consecuencias apuntadas, aínda que minora a responsabilidade da Administración, non a exclúe na súa integridade".

Á espera de que a Xunta aprobe e desvele o seu plan o próximo xoves, catro días antes da temporada de alto risco, asegura que os medios para este ano "son idénticos aos do ano pasado"

Á marxe da novidade da xeolocalización de persoas e medios materiais, e á espera de coñecer o contido literal do Pladiga cando a finais da próxima semana se faga público o documento, de varios centos de páxinas, a Xunta tamén salienta que este ano “tanto os medios humanos como materiais, incluíndo os aéreos, son idénticos aos do ano pasado e están listos para o seu despregue a partires do vindeiro 1 de xullo por todo o territorio galego”. Estes consistirán nunhas 7.000 persoas, das que 5.700 son achegadas pola Xunta e o resto persoal do ministerio, do Exército e dos corpos e forzas de seguridade. Canto aos medios materiais, “disporase de arredor dunha trintena de medios aéreos, entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado, e 360 motobombas da Administración autonómica, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos”.

O director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, este venres na presentación do plan contra incendios para este ano Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.