As familias do CPI Monte Caxado inician un encerro indefinido contra o peche do colexio

Faixa realizada por alumnado do CEIP Emilio Navasques de Outes © ANPA CEIP Emilio de Navasqüés

O CPI Monte Caxado das Pontes é un dos dous centros de ensino cuxo peche decidiu a Xunta, xunto co CEIP Emilio Navasqüés de Outes. O colexio pontés "extínguese" e os alumnos e alumnas das súas 17 unidades (3 de Infantil, 6 de Primaria e 8 de ESO) serán trasladados ao CEIP A Magdalena e ao IES Moncho Valcarce.

Dende que se coñeceron as primeiras informacións sobre a posible desparición da escola, a súa comunidade educativa (e con ela toda a sociedade civil da localidade) mobilizouse ao completo e, por exemplo, o pasado xoves 29 de xuño 14 autobuses e 130 camións de transporte de carbón desprazáronse dende As Pontes ata Compostela para participar na concentración convocada ante a Consellería de Educación. Así mesmo, tres días antes o colexio acollera un peche de 24 horas en protesta polo posible peche, agora confirmado.

A campaña de protesta conta co apoio da Asociación de Comerciantes, Hosteleiros e Empresarios das Pontes e tamén dos transportistas do carbón

Este mércores o Consello Escolar Municipal da vila pontesa decidiu o inicio dun peche indefinido no centro de ensino, no marco dun conxunto de accións que busca a mobilización social na comarca e un cambio de posición por parte do Goberno galego. O peche comezará este xoves ás 18 horas cunha sentada e lectura dun manifesto. Ademais, o vindeiro martes día 11 levarase a cabo unha andaina reivindicativa dende As Pontes ata A Coruña, que rematará nunha concentración ante a Delegación da Consellería de Educación.

A comisión creada polo Consello Escolar Municipal amósase insatisfeita coa resposta recibida da Xunta ante a súa demanda de establecer un diálogo que poida evitar o peche do centro. A Consellaría remitiulles un e-mail no que lles ofrece manter unha xuntanza coa inspectora educativa; porén, a Anpa afirma que "non é unha interlocutora válida para negociar". En todo caso, aceptaron reunirse con ela, pero mantendo as mobilizacións previstas.

A campaña de protesta conta co apoio da Asociación de Comerciantes, Hosteleiros e Empresarios Ponteses (COHEMPO), que instalará carteis nos seus establecementos asociados. E, igualmente, co colectivo de transportistas do carbón, que levarán faixas reivindicativas nos seus camións, que suman máis dun cento de unidades. Ademais, o Consello Escolar Municipal realizará un chamamento aos concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal buscando o apoio a esta causa e remitiralle unha reclamación á Valedora do Pobo, sen descartar recorrer á vía xudicial para opoñerse ao peche do centro. Finalmente, unha representación da Anpa acudirá ao Parlamento Galego para asistir á comparecencia do conselleiro de Educación, Román Rodríguez.

 

O PP nega os peches

O vindeiro martes día 11 levarase a cabo unha andaina reivindicativa dende As Pontes ata A Coruña, que rematará nunha concentración ante a Delegación da Consellería

Pola súa banda, o portavoz de Educación do Grupo Popular, César Fernández, criticou este xoves no Parlamento que os grupos da oposición “mintan cando falan de peches de centros no rural galego", uns peches publicados esta mesma semana no DOG. Fernández dixo que “o único que pretenden con estas afirmacións é buscar tensión e confrontación dentro da comunidade educativa” e afirmou que o PP seguirá "a tomar decisións que melloren a calidade da educación que reciben os alumnos galegos”. O deputado popular defendeu a supresión de centros de ensino dedida pola Consellería argumentando que busca “adaptar a oferta á demanda educativa en xeral segundo criterios demográficos e sociais cun uso eficiente dos recursos públicos, garantindo sempre a igualdade de oportunidades para o alumnado”.

 

Carta da Anpa do CEIP de Calo ao conselleiro de Educación

O PP defende que os peches buscan “adaptar a oferta á demanda educativa en xeral segundo criterios demográficos e sociais cun uso eficiente dos recursos públicos"

A Anpa A Rabadela do CEIP de Calo (Teo) difundiu unha carta aberta dirixida ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na que protestan contra a desaparición dunha praza de mestra de Infantil, destacando que "a mestra que teñen intención de desprazar sería só por este ano pois, o seguinte curso, xubílase unha compañeira. A profe xerou un vínculo emocional moi forte co seu alumnado de 3 anos e as familias estamos facendo todo o posible para que poida rematar esta etapa coa mesma mestra. Se finalmente a desprazan, este grupo de cativ@s tería unha profesora diferente en cada curso da etapa de Infantil".

 

Carteis contra o peche do colexio © STEG
CPI Monte Caxado das Pontes Dominio Público CPI Monte Caxado

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.