Pobreza crónica: récord de cartos para atender a renda de inclusión social mentres medra a economía

Concentración en Vigo contra a "discriminación" no acceso á Risga Dominio Público ODS Coia

A Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) é unha prestación económica de "subsistencia" para persoas en "exclusión social ou en risco de exclusión" que oscila entre os 399 mensuais -para persoas soas- e algo máis de 700 para perceptoras con varios menores ao cargo, se ben a súa contía media máis frecuente rolda os 430 euros ao mes. A partida que financia esta achega é unha das que a lei orzamentaria fixa como ampliables durante o ano, toda vez que que a súa dotación depende do número de solicitudes que se traducen en axudas concedidas a persoas que cumpren os requisitos. Unha nova inxección de 4 millóns de euros que a Xunta está a tramitar vai provocar que por primeira vez o orzamento da Risga supere os 60 millóns de euros nun só ano, certificando así a cronificación da pobreza nun sector da poboación galega dunhas 10.000 persoas malia aos bos datos de crecemento ecónomico, que xa ascenden a valores previos á crise.

Este martes o pleno do Parlamento vai acoller o trámite polo procedemento de lectura única -unha vía rápida de urxencia sen lugar a emendas da oposición- da Lei de impulso ao crecemento económico e reforzo do gasto social, denominación que o Goberno galego elixiu para encaixar nos vixentes Orzamentos Xerais de 2017 os 228 millóns de euros procedentes do Goberno de España cos que xa contaba, pero cuxo ingreso se atrasou pola demora na aprobación das contas estatais. Esta modificación orzamentaria trae consigo a dotación económica para medidas xa anunciadas como o incremento do 1% nas nóminas do persoal público e tamén inclúe 4 millóns de euros -a Xunta indicou a finais de xuño que eran 3- para sumar á partida que financia a Risga.

A nova inxección eleva o desequilibrio a respecto do orzamento inicial a 5,5 millóns e sitúa a Risga por primeira vez por riba dos 60 millóns de euros

Os problemas de previsión traducidos en escaseza de fondos veñen lastrando a Risga dende hai tempo. Esta circunstancia traduciuse este ano en que, malia contar cunha dotación récord nos Orzamentos -57,45 millóns de euros, 5 máis que en 2016-, ao mes seguinte da súa aprobación a Consellería de Política Social xa tivo que modificar as súas propias contas e sumarlle 600.000 euros a esta partida para poder atender 90 solicitudes novas. Ao mes seguinte, en abril, a situación repetiuse aínda con máis amplitude: cumpriu unha modificación orzamentaria por importe de máis de 860.000 euros para facer fronte a 219 solicitudes adicionais. A achega de 4 millóns contemplada agora na lei urxente eleva o desequilibrio entre o previsto nos orzamentos e as necesidades reais ata os 5,5 millóns de euros no que vai de ano, o que leva o crédito total ata preto dos 63 millóns de euros, case un 10% máis do previsto.

A finais de 2016 máis de 1.000 persoas agardaban pola resolución da súa solicitude de Risga

Cando a Xunta bosquexou os contidos desta lei avanzou que, no caso da Risga, a nova achega ía "permitir axudar a un milleiro de galegos en risco de exclusión". Algo máis de 1.000 persoas eran tamén as que a finais de decembro de 2016 estaban pendentes de coñecer se a súa solicitude de Risga ía ser aprobada. Eran, concretamente, 1.116 (un 9% menos que un ano antes), segundo o informe de xestión publicado pola propia Consellería, un documento que reflicte que o tempo medio de tramitación dunha Risga segue a por riba dos 3 meses (106 días) e que acredita, sobre todo, que o volume de persoas que a perciben non deixou de aumentar tras un ano no que as solicitudes foron 6.804, 292 máis que no ano anterior.

A nómina da Risga chegou a superar as 15.000 persoas durante o pasado ano

Atendendo ao indicador máis utilizado e comparable co de anos previos, o de persoas beneficiarias a finais de ano, a poboación perceptora da Risga chegou en 2016 ás 10.761 persoas, o primeiro dato anual por riba das 10.000 que supón un incremento do 10,8% a respecto de 2015. Durante o ano, non obstante, esas barreira das 10.000 persoas foi amplamente superada, xa que sumando altas e baixas o número de beneficiarias superou as 15.000 e o orzamento total, os 56,3 millóns de euros, un 7% máis do orzamentado inicialmente.

Xunta e PP presentan a xestión da Risga como mostra do seu "xiro social" mentres colectivos do terceiro sector reclaman a fin das demoras e tornala nun "dereito obxectivo"

Malia ser un dos indicadores que acreditan o incremento de persoas en situación de pobreza ou exclusión social, dende o Goberno galego e o PPdeG teimouse nos últimos anos en presentar o incremento da dotación orzamentaria da Risga e do número de persoas que a reciben como unha boa nova mostra do "xiro social" do Executivo de Alberto Núñez Feijóo. Mentres, dende entidades sociais como a Rede Galega contra a Pobreza, a Oficina de Dereitos Sociais de Coia (Vigo) ou Cáritas vénse reclamando unha redución de requisitos burocráticos para a solicitude da Risga para eliminar atrasos -os mesmos que agora investiga a Valedora do Pobo- e, en última instancia, a súa conversión nun "dereito obxectivo", nunha renda básica.

Pola banda do Goberno, ao tempo, saliéntase que as devanditas inxeccións económicas van permitir reducir a lista de espera e, ao tempo, lémbrase que a nova lei de inclusión facilita compatibilizar a Risga cun posto de traballo como vía máis adecuada para a inserción laboral e o abandono da situación de pobreza. Esta e outras compatibilidades están, non obstante, pendentes de seren formalizadas nun decreto cuxa aprobación se demora xa tres anos e que, segundo avanzou Política Social a este diario, está previsto que reciba luz verde neste 2017.

 

José Manuel Rey Varela, conselleiro de Política Social © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.