A Xunta ignora as protestas e mantén o peche de dous colexios

Na manifestación participaron ducias de alumnos e alumnas dos centros afectados CC-BY-SA Praza Pública

Máis de 700 persoas participaron este martes na concentración que ante a sede da Xunta na Coruña protestou contra o peche por extinción do CPI Monte Caxado das Pontes. Era o remate dunha marcha que -por etapas- percorreu dende o domingo o camiño entre a vila e a cidade herculina, unha mobilización na que se implicou toda a sociedade pontesa, dende a asociación de comerciantes, hostaleiros e empresarios, ata os transportistas de carbón, pasando moi especialmente polas comunidades educativas dos centros de ensino afectados pola decisión da Consellaría de Educación.

Así, profesorado, nais, pais e alumnado do CPI Monte Caxado, do CEIP A Magdalena e do IES Moncho Valcarce percorreu as rúas de Elviña, Matogrande e Monelos, ao berro de "Román, aprende, As Pontes non se vende", "Mans arriba, isto é un atraco", "Román, escoita, As Pontes está en loita", co conselleiro de Educación como gran destinatario das protestas.

A marcha rematou ante a Delegación da Consellaría de Educación na Coruña, onde chegou a entrar unha pequena parte dos manifestantes, ocupando o vestíbulo durante uns minutos. Desaloxado o espazo, a mobilización pechouse coa lectura dun manifesto a cargo de dúas alumnas do centro afectado pola medida do Goberno galego. "Hai un clamor popular que esixe á Xunta outras maneiras, outras formas á hora de tomar decisións no ámbito educativo. O último día de colexio non é o día para avisar a pais e nais, nin o profesorado nin por suposto os nenos e nenas de que o ano que vén non haberá Monte Caxado", sinalou unha delas.

"Non lle debemos dar aos nosos rapaces esta concepción sobre a xestión da educación pública, non podemos permitir que se lles traslade que é un tema no que só priman as cuestións económicas por riba da calidade, a estabilidade ou a atención á diversidade en base á mal chamada eficiencia no ámbito educativo, termo que está a amparar decisións irresponsables. Nada debe haber por riba da calidade, por riba do benestar de alumnas e alumnos", engadiu o comunicado.

"Nas Pontes, vila de valores que coñece ben que sen educación non hai futuro, queremos transmitirlles aos nosos nenos e nenas que podemos agardar uns anos por unha estrada ou que podemos renunciar a unha subvención para facer unha beirarrúa, pero que nunca renunciaremos a unha educación, que nunca renunciaremos á calidade no ensino público e que nunca aceptaremos a masificación como opción. Pedimos a Educación que sente a negociar, que prime a razón sobre a imposición", concluíu o texto.

Ao remate da concentración, o pontés Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña e que participou moi activamente na mobilización, anunciou que a Consellaría de Educación aceptara abrir un diálogo sobre o futuro do CPI Monte Caxado e que aínda que o delegado provincial non se atopaba neses momentos no edificio si aceptaba recibir a comunidade educativa do centro nos vindeiros días.

Valentín González Formoso, presidente da Deputación, informa que a Consellería aceptou sentar a negociar CC-BY-SA Praza Pública
Participantes na manifestación, no interior do edificio da Xunta CC-BY-SA Praza Pública
"Mans arriba, isto é un atraco", foi un berros máis repetidos CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.