0 Gardados para despois

A Xunta ignora as protestas e mantén o peche de dous colexios

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Máis de 700 persoas participaron este martes na concentración que ante a sede da Xunta na Coruña protestou contra o peche por extinción do CPI Monte Caxado das Pontes. Era o remate dunha marcha que -por etapas- percorreu dende o domingo o camiño entre a vila e a cidade herculina, unha mobilización na que se implicou toda a sociedade pontesa, dende a asociación de comerciantes, hostaleiros e empresarios, ata os transportistas de carbón, pasando moi especialmente polas comunidades educativas dos centros de ensino afectados pola decisión da Consellaría de Educación.

Así, profesorado, nais, pais e alumnado do CPI Monte Caxado, do CEIP A Magdalena e do IES Moncho Valcarce percorreu as rúas de Elviña, Matogrande e Monelos, ao berro de "Román, aprende, As Pontes non se vende", "Mans arriba, isto é un atraco", "Román, escoita, As Pontes está en loita", co conselleiro de Educación como gran destinatario das protestas.

A marcha rematou ante a Delegación da Consellaría de Educación na Coruña, onde chegou a entrar unha pequena parte dos manifestantes, ocupando o vestíbulo durante uns minutos. Desaloxado o espazo, a mobilización pechouse coa lectura dun manifesto a cargo de dúas alumnas do centro afectado pola medida do Goberno galego. "Hai un clamor popular que esixe á Xunta outras maneiras, outras formas á hora de tomar decisións no ámbito educativo. O último día de colexio non é o día para avisar a pais e nais, nin o profesorado nin por suposto os nenos e nenas de que o ano que vén non haberá Monte Caxado", sinalou unha delas.

"Non lle debemos dar aos nosos rapaces esta concepción sobre a xestión da educación pública, non podemos permitir que se lles traslade que é un tema no que só priman as cuestións económicas por riba da calidade, a estabilidade ou a atención á diversidade en base á mal chamada eficiencia no ámbito educativo, termo que está a amparar decisións irresponsables. Nada debe haber por riba da calidade, por riba do benestar de alumnas e alumnos", engadiu o comunicado.

"Nas Pontes, vila de valores que coñece ben que sen educación non hai futuro, queremos transmitirlles aos nosos nenos e nenas que podemos agardar uns anos por unha estrada ou que podemos renunciar a unha subvención para facer unha beirarrúa, pero que nunca renunciaremos a unha educación, que nunca renunciaremos á calidade no ensino público e que nunca aceptaremos a masificación como opción. Pedimos a Educación que sente a negociar, que prime a razón sobre a imposición", concluíu o texto.

Ao remate da concentración, o pontés Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña e que participou moi activamente na mobilización, anunciou que a Consellaría de Educación aceptara abrir un diálogo sobre o futuro do CPI Monte Caxado e que aínda que o delegado provincial non se atopaba neses momentos no edificio si aceptaba recibir a comunidade educativa do centro nos vindeiros días.

Luca Chao (En Marea): "Estes peches son un erro. Son un erro porque pechar escolas supón que outras van estar ateigadas, supón que nas aulas onde antes tiñamos vinte estudantes agora teremos 30, supón que o profesorado non vai dar abasto, supón que haxa unha atención menos personalizada”

O acto pechou a marcha iniciada o domingo nas Pontes

Valentín González Formoso, presidente da Deputación, informa que a Consellería aceptou sentar a negociar

O manifesto foi lido por dúas alumnas

Momentos antes da lectura do manifesto

Os 'ocupantes' do edificio, saíndo da Delegación

Participantes na manifestación, no interior do edificio da Xunta

Participantes na manifestación, no interior do edificio da Xunta

Participantes na manifestación, no interior do edificio da Xunta

Participantes na manifestación, no interior do edificio da Xunta

Na manifestación participaron ducias de alumnos e alumnas dos centros afectados

"Mans arriba, isto é un atraco", foi un berros máis repetidos

Na manifestación participaron ducias de alumnos e alumnas dos centros afectados

A comunidade educativa do CPI Monte Caxado encabezou a manifestación

A comunidade educativa do CPI Monte Caxado encabezou a manifestación

A manifestación, nas rúas da Coruña

A manifestación, chegando ao edificio da Xunta

A manifestación, chegando ao edificio da Xunta

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participando na manifestación

Na manifestación participaron ducias de alumnos e alumnas dos centros afectados

A manifestación, nas rúas da Coruña

Cabeceira da manifestación

Intervención do pontés Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña

Manifestación da comunidade educativa do CPI Monte Caxado

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

En Marea, PSdeG e BNG critican os recortes de Educación e o "desprezo" amosado

Mentres na Coruña a comunidade educativa do CPI Monte Caxado manifestaba o seu rexeitamento ao peche do centro, no Parlamento o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, comparecía no Pleno para informar sobre a reorganización de centros escolares anunciada nos últimos días do curso. Na súa intervención Rodríguez reafirmouse na conveniencia das decisións adoptadas polo seu departamento, que implican o peche de dous colexios nas Pontes e Outes, co envío do seu estudantado a outros centros e mais a "transformación" doutros dous, no Porriño e en Ribadavia.

O conselleiro de Educación repetiu os supostos beneficios derivados desta reestruturación que, segundo afirmou, busca mellorar o servizo ofrecido, optimizando recursos e reducindo custes

Coa presenza na tribuna de invitados de nais e pais dos centros que pechou a Xunta, o conselleiro de Educación repetiu os supostos beneficios derivados desta reestruturación que, segundo afirmou, busca mellorar o servizo ofrecido, optimizando recursos e reducindo custes. Ademais, defendeu que o motivo para non ter informado antes ás respectivas comunidades educativas foi para non interferir no normal peche do curso escolar. A súa intervención foi moi criticada polos tres grupos da oposición, que denunciaron a política de "recortes" levada a cabo nos últimos anos pola Consellaría de Educación e mais o "desprezo" amosado por Rodríguez a profesorado, nais, pais e alumnado.

En Marea pediu a dimisión do conselleiro de Educación por terlle ocultado á comunidade educativa e ao propio Parlamento de Galicia os plans que tiña para eses colexios

En Marea pediu a dimisión do conselleiro de Educación por terlle ocultado á comunidade educativa e ao propio Parlamento de Galicia os plans que tiña para eses colexios. "Ignoran ás familias, ignoran aos sindicatos, ignoran ao profesorado, ignoran as nenas e nenas que non queren que lles pechen as escolas. Mesmo ignoran aos seus concelleiros e concelleiras, por exemplo nas Pontes, avergoñados de formar parte do seu partido", denunciou a deputada Luca Chao.

"Estes peches son un erro. Son un erro porque pechar escolas supón que outras van estar ateigadas, supón que nas aulas onde antes tiñamos vinte estudantes agora teremos 30, supón que o profesorado non vai dar abasto, supón que haxa unha atención menos personalizada”, engadiu. A deputada enumerou os recortes efectuados nos últimos anos: "Dende que vostedes chegaron ao goberno o ensino público acumulou unha perda de 195 millóns de euros. Vostedes son os responsables de que o ensino público galego conte hoxe con 1200 docentes menos. Teñen tamén o récord de ter pechado en 8 anos 116 escolas e 562 aulas suprimidas.

O PSdeG criticou o “desprezo” demostrado pola Consellería de Educación cara aos pais e nais, os equipos directivos e profesorado

Pola súa banda, o portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, criticou o “desprezo” demostrado pola Consellería de Educación cara aos pais e nais, os equipos directivos e profesorado e ata á administración local de As Pontes, Outes, Ribadavia e Porriño. “Non poden ir o día que pecha o curso a dicirlles que o ano que vén non van abrir as portas”, denunciou, acusando tamén ao conselleiro de "ocultar información" sobre esta reorganización mesmo no anterior Pleno do Parlamento, cando “comparecía para dar conta dos logros da Consellería” agochando esta decisión.

Álvarez advertiu que “é posible que sexa necesario modificar a rede de centros”, pero esixiu “informar, falar coa xente, consensuar as modificacións para deseñar o mapa escolar que queremos”. E reivindicou “perspectiva de país, que fundamente as decisións e impida actuacións unilaterais de goberno” para deseñar o futuro dos 65 CPI que quedan en toda Galicia.

BNG: “Debería explicarlles ás familias afectadas por que mentres a elas lles pechan o centro inxectan 2 millóns ao ensino privado-concertado, que se suman aos 1.550 que lles entregaron ata o 2023"

Finalmente, a portavoz de Educación do BNG, Olalla Rodil, denunciou que o peche de colexios supón “un novo recorte no ensino público” por parte do goberno do PP, ao tempo que “continúan drenando recursos para o ensino privado-concertado, hoxe mesmo 2 millóns de euros adicionais tras aprobar en solitario unha modificación dos orzamentos de 2017”. “Debería explicarlles ás familias afectadas por que mentres a elas lles pechan o centro para optimizar inxectan 2 millóns ao ensino privado-concertado, que se suman aos 1.550 que lles entregaron ata o 2023, incluíndo aos centros que discriminan por razón de sexo. Aí non hai límites, non hai axustes, non hai optimización de recursos”, salientou Rodil.

O Bloque criticou tamén “o escurantismo e a ocultación de información por parte da Xunta sobre o peche e recortes nos centros afectados, co único fin de evitar a mobilización social. “Actuaron con premeditación, con aleivosía e de maneira déspota. O que lle preocupaba era salvar a súa cara avisando o día antes para evitar a mobilización”, engadiu.

Luca Chao (En Marea): "Estes peches son un erro. Son un erro porque pechar escolas supón que outras van estar ateigadas, supón que nas aulas onde antes tiñamos vinte estudantes agora teremos 30, supón que o profesorado non vai dar abasto, supón que haxa unha atención menos personalizada”

Olalla Rodil (BNG): "Está recoñecendo que creou un problema onde non o había por unha única razón: reducir custes, aforrar na pública para entregarlle ata o 2023 á concertada 1.550 millóns de euros"