"A Lei de Iniciativas Empresariais pode acabar co rural"

Charla informativa en Touro © SLG

O PP quixo coller a contrapé os movementos sociais galegos e á oposición política e, en parte, conseguiuno. En pleno verán presentou polo trámite de urxencia unha proposición de Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, unha norma que pretende simplificar os trámites administrativos de supervisión ambiental e patrimonial para diferentes proxectos empresariais, nomeadamente no ámbito da minaría, da instalación de xeradores eólicos e na explotación forestal do monte. A proposta implica modificar de forma substancial normas tan importantes coma a Lei 8/2009 de aproveitamento eólico, da Lei 3/2008 de minería, ou da Lei 7/2012 de Montes. Porén, chegou ao Parlamento pola porta de atrás, sen que a inmensa maioría da sociedade galega (mesmo a máis activa e informada) advertise o movemento. O feito de que fose o PP e non a Xunta quen impulsase oficialmente a proposta (aínda que membros so Goberno galego difundiron ao longo do verán as bondades da iniciativa) conseguiu que a norma puidese evitar os informes de control da legalidade e os informes de dotación económica que si deben pasar as leis impulsadas desde o Consello da Xunta.

O 12 de setembro a maioría absoluta do PP aprobou a toma en consideración da proposición de lei e as rotundas críticas dos tres grupos da oposición foron respondidas polo portavoz popular Miguel Tellado con alusións a Venezuela, Cataluña, Otegi e ao Bipartito. Dende entón, a vía de urxencia na que a proposta foi admitida permitiu que a iniciativa atravesase de forma acelerada os diferente trámites parlamentarios, concluíndo en apenas 35 días o traxecto de alegacións e debate público. O vindeiro 17 de outubro a cámara galega debaterá e votará unha lei que fará "practicamente imposible a defensa do patrimonio natural galego", denuncian unha vintena de colectivos, que dende hai semanas traballan de forma acelerada para informar a poboación sobre os efectos radicais que a norma terá para o territorio. Charlas e presentacións a nivel comarcal (o pasado xoves en Touro, o vindeiro sábado en Carballo...), unha recollida de sinaturas en change.org (que supera xa os oito mil apoios) e unha concentración ante o Parlamento convocada para este venres precederán a unha manifestación que terá lugar en Compostela o domingo 22.

"Esta lei está escrita ao ditado. Non está feita para promover a industrialización, está feita para promover os intereses de determinadas empresas e poderes económicos", di Nela Abella

"A Lei de Depredación pode acabar co rural. O que fai é coller o territorio e poñerllo en bandexa aos lobbies mineiros, eólicos e do eucalipto. Pon en venda o territorio, practicamente o regala. E sen controis, nin da administración nin dos colectivos que tentamos vixiar", alerta Nela Abella (Contraminacción). "Esta lei está escrita ao ditado. Non está feita para promover a industrialización, está feita para promover os intereses de determinadas empresas e determinados poderes económicos", engade.

A Asociación Ambiental Petón do Lobo destaca que a lei establece unha serie de mecanismos "que favorecen o acaparamento de terras por parte das grandes corporacións e grupos empresariais e fomenta o mecanismo da expropiación forzosa a favor destas, en detrimento dos dereitos da cidadanía, do dereito á propiedade, do territorio e do medio ambiente". A chamada turboexpropiación e a expropiación forzosa "saen moi reforzadas", xa que será a Dirección Xeral de Enerxía e Minas a que decida a utilidade pública ou interés social dun proxecto e mesmo terá capacidade para declarar a prevalencia de utilidades no caso de existir varias. Ademais, o proceso expropiatorio irá paralelo á tramitación administrativa e o promotor xa presentará coa solicitude a relación de bens e dereitos afectados que pensa expropiar a cada persoa propietaria, o que acelerará o proceso e reducirá a capacidade da administración e da sociedade para estudar, alegar e opoñerse á súa aprobación. A expropiación conseguirá vencer a resistencia dos propietarios rurais a perder os seus terreos e levará ao pagamento de prezos moi inferiores ao seu valor real.

Margarida Prieto (Coordinadora do SLG na Terra Cha) subliña que "dende o SLG levamos anos denunciando o acaparamento de terras agrarias que se está dando por parte de grandes empresas, xa sexan as mineiras, ben sexa para a plantación de eucaliptos, ben sexan os eólicos. Houbo distintos intentos por parte do Goberno para flexibilizar a Lei do Solo, para facilitar que este tipo de proxectos se instalasen en solos de protección agropecuaria. Estas medidas foron facilitando pouco a pouco estes procesos. E este é o grande ataque". Prieto destaca que, sobre todo, a aprobación da lei deixaría a sociedade sen instrumentos para deter aqueles proxectos prexudiciais para o territorio ou os sectores produtivos. Lembra, por exemplo, a paralización de varios proxectos mineiros agresivos que nos últimos anos ameazaron varios concellos da Terra Cha. "Paramos este proxectos porque non estaba esta lei en vigor, pois na paralización foron decisivos os informes de Medio Rural e Augas. Con esta normativa, estes proxectos irían adiante. No futuro non haberá eses informes, xa non os pedirán, ou se os piden non chegarán a tempo. E será a Consellería de Industria a que decidirá se a mina é compatible coa actividade agrarias", explica.

"O que nós consideramos controis necesarios para garantir que unha mina non prexudica o territorio ou a sociedade, o PP considera que son trabas administrativas", subliña Margarida Prieto

"Contra estes proxectos moitas veces fixemos valer a normativa e os controis. Pero outras veces foi o rexeitamento social o que os detivo. Agora vaise reducir a marxe para informar e mobilizarse. Imos ter as mans moito máis atadas", alerta. "O que nós consideramos controis necesarios para garantir que unha mina non prexudica o territorio ou a sociedade, o PP considera que son trabas administrativas", subliña Margarida Prieto, que advirte de que a norma implica "deixar o territorio para as empresas, e non para as pequenas e medianas, non nos enganemos". "Esta lei está feita para as grandes corporacións e redactadas dende os despachos das grandes corporacións", conclúe.

Nela Abella salienta de igual xeito que a lei "está escrita ao ditado das grandes empresas". "Abonda con repasar o texto: 'Condicións vantaxosas', 'flexibilización dos requisitos', 'evitar inquedanzas'... Non está feita para promover a industrialización, está feita para promover os intereses de determinadas empresas e determinados poderes económicos", di. "Cando escriben 'Galicia' pensan 'negocio'. Cando 'cidadanía', son 'consellos de administración'. Cando pechan unha porta, abren unha fiestra na grande empresa privada. Porque o cargo de hoxe pode ser o posto de mañá. Porque queren Galicia coma unha mina, deprédannos", alertan os responsables de Petón do Lobo. "É unha pasada. Espero non vela e que sexamos capaces de parala. Porque se non, imos afrontar unha situación moi difícil en todo o territorio", conclúe Prieto.

 

"Pola porta de atrás"

"Espero que sexamos capaces de parala. Porque se non, imos afrontar unha situación moi difícil en todo o territorio", conclúe Prieto

"Sacárona con agostidade e por vía de urxencia de maneira absolutamente inxustificada", critica Nela Abella. "Unha normativa de debería ter sido promovida polo Goberno e que debería ter tido uns prazos de exposición, cos seus necesarios informes, faise pola porta de atrás, sen fiscalización, por vía de urxencia e sen exposición pública real", concorda Margarida Prieto. "Fixérono así, pola porta de atrás, a propósito para que pasase desapercibida, ou polo menos para que non nos dea tempo aos movementos sociais para informar a xente. Falan de que houbo unha participación ampla. Onde está?", pregúntase a responsable do SLG na Terra Cha.

"Fixérono así, pola porta de atrás, a propósito para que pasase desapercibida, ou polo menos para que non nos dea tempo aos movementos sociais para informar a xente", di Prieto

A lei avanza cara á súa aprobación entre un gran descoñecemento por parte da cidadanía e unha mobilización -de momento- moi escasa. "Trátase dun tema moi difícil de comunicar, moi difícil que facerlle chegar á xente as consecuencias que pode ter isto", comenta Abella. "A xente mobilízase cando ve que vai haber unha consecuencia inminente e directa sobre algo que lle é propio. Pero cando é algo tan abstracto é moi difícil mobilizala. Por iso a campaña que puxemos en marcha a semana pasada", sinala, en referencia á iniciativa impulsada por A Ría non se Vende, Adega, CIG, Comisión contra as Minas na Terra Chá, Comunidade de Montes de Cabral, contraMINAcción, Organización Galega de Comunidades de Montes, Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Sindicato Labrego Galego, Terra Chá Sostible, Verdegaia e Véspera de Nada, entre outras entidades.

"Trátase dun tema moi difícil de comunicar, moi difícil que facerlle chegar á xente as consecuencias que pode ter isto", comenta Abella

A campaña vai debullando día a día os moi variados efectos dunha norma-contedor que, en resumo, reduce a capacidade de control de moitas das actuais normas:

  • Expropiación forzosa: Dará barra libre á expropiación por medio dos "proxectos de especial interese", que poderá ser concedido antes da aprobación do proxecto.
  • Redución de prazos e información pública: Acurtaranse prazos para controis administrativos, menores prazos para alegacións.
  • Máis facilidades para os proxectos mineiros: A Consellaría de Industria terá capacidade para resolver un proxecto ou solicitude de dereito mineiro á marxe das consideración dos concellos e doutros departamentos da administración (Medio Ambiente, Patrimonio, Urbanismo...). O prazo para a emisión dos informes preceptivos baixa de dous meses a tan só un mes e a lei establece que se os informes se reciben fóra de prazo, non serán tidos en conta.
  • Preferencia dos proxectos de produción de enerxía sobre outros usos da terra: Introdúcense os "proxectos de especial interese", referidos a proxectos de produción de enerxía eléctrica con renovables (eólica, biomasa, hidroeléctrica...), que obterán tramitación prioritaria e automaticamente consideraranse prevalentes sobre outras actividades.
  • Máis facilidades para a corta de eucaliptos: As autorizacións para os aproveitamentos madeireiros, antes necesarias en todos os casos (con excepción do uso doméstico) agora só haberá que pedilas cando haxa frondosas autóctonas. Para o resto das especies, abonda cunha declaración responsable.
  • Máis facilidades para os usos forestais na Rede Natura: Introdúcese unha excepción para os aproveitamentos madeireiros nas zonas de especial protección dos valores naturais da Rede Natura, que non precisarán de autorización de Medio Ambiente e que só se rexerán pola Lei de Montes.
  • Máis facilidades aos proxectos empresariais para eludir os controis: Fai máis sinxela a súa consideración como proxectos industriais estratéxicos. A norma reduce de 50 a 20 millóns de euros o volume de investimento mínimo necesario para que un proxecto sexa declarado estratéxico, e de 250 a 100 os postos de traballo directos creados.
     
Un dos carteis da campaña contra a 'Lei de Depredación' © Contraminacción
Val de Traba-Laxe, afectado polo proxecto eólico de Pena Forcada © Petón do Lobo
Charla informativa organizada por Petón do Lobo © Petón do Lobo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.