Cuac FM: "Para sancionarnos queren aplicar a mesma lei que eles incumpren"

Algúns dos socios e colaboradores de CUAC FM asistiron ao pleno municipal que debateu a moción de apoio á emisora © CUAC FM

"As entidades privadas que teñan a consideración legal de entidades sen ánimo de lucro poderán prestar servizos de comunicación audiovisual comunitarios sen ánimo de lucro para atender as necesidades sociais, culturais e de comunicación específicas de comunidades e grupos sociais, así como para fomentar a participación cidadá e a vertebración do tecido asociativo. A Administración Xeral do Estado debe garantir en todo caso a dispoñibilidade do dominio público radioeléctrico necesario para a prestación destes servizos" (Artigo 32º. Lei 7/2010, Xeral da Comunicación Audiovisual). "Os servizos de comunicación comunitarios sen ánimo de lucro que estivesen en funcionamento con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2009 (...) optarán a licenzas ou autorizacións no ámbito de cobertura no que viñan prestando a súa actividade (...) tanto o procedemento de concesión da licenza como a concreción do marco de actuación dos servizos de comunicación audiovisual comunitarios sen ánimo de lucro desenvolveranse regulamentariamente nun prazo máximo de doce meses desde a entrada en vigor da presente Lei" (Disposición Transitoria 14ª da mesma norma)

A Lei do Audiovisual de 2010 abría -despois de anos de traballo e reivindicación- unha porta á legalización dos medios de comunicación comunitarios, que en moitos países da UE contan dende hai anos cunha seguridade xurídica absoluta e un papel destacado no espazo mediático. Porén, esa disposición transitoria nunca se cumpriu e a lei nunca se desenvolveu no referente aos medios sen ánimo de lucro construídos pola comunidade, nin públicos nin privados. De nada serviron as recomendacións de entidades internacionais ou o Defensor del Pueblo e tampouco a Proposición Non de Lei aprobada polo Congreso o pasado mes de xuño instando o Goberno a facer efectiva a lei.

As radios e televisións comunitarias seguiron nunha especie de limbo, amparadas por unha lei non aplicada, pero sen as licenzas que debían protexer e garantir as súas emisións. No outono de 2015 coñeceuse un informe interno do Ministerio de Industria (publicado por Eldiario.es) que propoñía "eliminar" da lexislación a categoría de servizos de comunicación audiovisual comunitarios sen ánimo de lucro, é dicir as radios e televisións comunitarias, unha manobra que foi denunciada no seu momento pola Red de Medios Comunitarios (ReMC), que agrupa máis de 40 medios do Terceiro Sector da comunicación.

"Estamos agardando por unha resposta da Secretaria Xeral de Telecomunicacións, á que lle solicitamos unha reunión para explicarlle que é inxusto aplicar a un medio sen ánimo de lucro unha sanción pensada para unha emisora comercial"

Hai dez días CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña que leva 21 anos emitindo, fixo público que recibira da Xunta unha notificación de sanción de ata 200 mil euros por carecer de licenza de emisión en FM, nun expediente aberto polo Ministerio de Industria. A radio tomou a decisión de deixar de emitir en FM (despedíndose cun maratón no que participaron centos de persoas, colaboradores actuais e pasados), de presentar alegacións á proposta de sanción e de iniciar unha campaña (#CuacResiste) para mobilizar a sociedade coruñesa contra a posible desaparición da entidade. Falamos con Isabel Lema, coordinadora de Cuac FM, sobre o expediente aberto e a situación legal das radios comunitarias.

Como recibistes na emisora a notificación de sanción? Que vos pasou pola cabeza?

Eu, persoalmente, non o cría. A contía económica é moi elevada, sobre todo para un medio que non ten ánimo de lucro. Para nós, pagar 100 mil ou 200 mil euros implicaría pechar a emisora. Nun primeiro momento non recibimos o expediente completo, senón simplemente un resumo informándonos de que se abrira un expediente contra Cuac Fm por emitir sen ter a licenza requirida. Despois de toda a loita que levamos na última década, pero mesmo antes, reclamando unha licenza de todas as maneiras posibles, que che digan que te van sancionar por non ter esa licenza, parece incrible.

"O Ministerio de Industria non ten competencia para sancionar, senón que é a Xunta. Dende o 2015 o Goberno galego foi adiando este expediente, ata este momento que xa estaba a piques de caducar"

Levades 21 anos en antena, as administracións son plenamente conscientes da vosa existencia. Por que chega agora esa sanción?

Pouco despois de recibir a notificación, dirixímonos á Xunta e solicitamos o expediente completo. Aí vimos que a denuncia parte dunha inspección realizada polo Goberno central en febreiro de 2015. A Delegación do Goberno realizara nese momento unha serie de escoitas, detectaron que existía Cuac FM e abriron un expediente no que a Dirección General de Telecomunicaciones lle pide á Xunta que nos sancione. Nestes dous anos e medio non houbo ningún tipo de notificación ou apercibimento. Agora, ollando cara atrás lembramos un informe que se filtrou en 2015 no que o Ministerio de Industria recomendaba que pechasen todas as emisoras comunitarias de España. Naquel momento a Rede de Medios Comunitarios lle pediu unha explicación sobre este informe a Industria, que non respondeu. Non somos a única emisora comunitaria á que ameazaron con sancionar: pasou con Radio Kras en Xixón e pasou con Radiópolis en Sevilla. O Ministerio de Industria non ten competencia para sancionar, senón que é a Xunta. Dende o 2015 o Goberno galego foi adiando este expediente, ata este momento que xa estaba a piques de caducar.

Tedes confianza en que se poida anular a multa e arquivar a sanción?

Eu creo que si. Nós imos presentar alegacións a este expediente, que o Goberno galego ten 6 meses para resolver. En Asturias, por exemplo, o Goberno rexional decidiu non sancionar a Radio Kras, porque considerou que primaba o dereito á liberdade de expresión e o dereito da cidadanía á comunicación sobre outras consideracións e leis inferiores.

"En Asturias o Goberno decidiu non sancionar a Radio Kras, porque considerou que primaba o dereito á liberdade de expresión e o dereito da cidadanía á comunicación sobre outras consideracións e leis inferiores"

Quérenvos sancionar por non ter licenza. Non será porque vós non a solicitastes...

Cuac sempre actuou de boa fe: dende o noso nacemento sempre solicitamos a concesión dunha licenza provisional de emisión; fixémolo de novo en 2012 e 2013. A Lei 7/2010 de Telecomunicacións recolle a existencia dos medios comunitarios como un dereito da cidadanía. E recolle igualmente que o Goberno do Estado nun prazo de 12 meses debía regular a concesión de autorizacións para medios comunitarios. Ademais, nunha disposición transitoria recóllese que os medios comunitarios que emitisen antes do ano 2009 -como é o caso de CUAC- teñen dereito a unha autorización provisional para emisión. Así o solicitamos, pero nunca se nos concedeu. E curiosamente para sancionarnos quéresenos aplicar a mesma lei que eles incumpren. Consideramos que é inxusto, que hai unha limitación dun dereito fundamental presente na Constitución -o dereito á liberdade de expresión- e, ademais, hai sentenzas do Tribunal Constitucional que recollen a superioridade deste dereito á comunicación por riba doutras normativas inferiores.

Estamos convencidos de que temos a razón. Se non somos quen de resolvelo pola vía administrativa, teremos que resolvelo pola vía xudicial. Temos argumentos legais que sosteñen o noso dereito a emitir e tamén en virtude da función social que cumprimos na comarca. Ata cando un dereito fundamental pode estar supeditado ao desenvolvemento dun regulamento? Nós non queremos estar fóra da lei, pero consideramos que os dereitos fundamentais hai que exercelos e non poden estar condicionados a que a administración os recoñeza.

"Cuac sempre actuou de boa fe: dende o noso nacemento sempre solicitamos a concesión dunha licenza provisional de emisión; fixémolo de novo en 2012 e 2013"

A situación legal dos medios comunitarios noutros países de Europa é distinta? 

É incrible que no marco da UE haxa tanta diferenza na lexislación que regula os servizos de comunicación audiovisual. En Francia, dende os anos 80 os medios comunitarios e asociativos están recoñecidos e protexidos polo Goberno, que garante a súa sostibilidade económica e social e desenvolve proxectos de colaboración con eles en materia de cohesión social ou alfabetización mediática. Outro referente é Irlanda, onde radios e televisións cooperativas teñen un status moi recoñecido; o Estado trátaos como unha parte fundamental do sistema de comunicación, xunto co sistema público e o privado-comercial e establece programas de colaboración con eles. E o mesmo sucede en Inglaterra, Bélxica, Italia ou os países escandinavos. E despois temos os extremos contrarios, como Hungría ou España, onde os medios comunitarios non só non son recoñecidos, senón que son perseguidos pola administración, que busca o seu peche. E así o denuncian organismos independentes a nivel internacional. En España estamos recoñecidos pola lei -a forza de moitos anos de presión- pero a pesar disto non se nos recoñece o noso dereito a ofrecerlle á cidadanía os nosos servizos porque nunca houbo vontade política para desenvolver os regulamentos pertinentes.

Por que cres que pasou isto? Por que nunca se desenvolveu a lei?

Porque hai intereses por detrás, intereses para ter un control do que se emite e de quen emite. Hai unha concentración da propiedade dos medios de comunicación en moi poucas mans. E a estas mans, a estes poderes económicos, non lles interesa que haxa esta pluralidade de voces e de información. É inconstitucional que o Goberno non vele pola pluralidade mediática e así o establecen varias sentenzas. Non o está facendo.

Como valorades a resposta da sociedade coruñesa unha vez que se coñeceu a posibilidade da sanción?

Valorámola moi positivamente, non foi unha sorpresa para nós. Cuac FM é un medio que leva máis de 20 anos desenvolvendo un traballo de acción social na súa comunidade de referencia, que é sobre todo o Concello da Coruña, pero tamén algúns concellos próximos. Polos micros de Cuac pasaron todas as institucións, asociacións e partidos que existen e existiron na cidade. E é sobre todo unha referencia para o activismo social. A resposta foi impresionante. Media hora despois de publicar a información da multa tiñamos xa centos de tuits de apoios. Foi un orgullo recibir este cariño por parte da cidadanía.

"Hai unha concentración da propiedade dos medios de comunicación en moi poucas mans. E a estas mans, a estes poderes económicos, non lles interesa que haxa esta pluralidade de voces"

Este luns o pleno municipal aprobou unha moción de apoio a Cuac FM. Só o PP votou en contra. Sorprendeuvos?

A moción recibiu o apoio de tres dos catro grupos que están agora mesmo representados no pleno e si, sorprendeunos moito o voto negativo do PP. Cuac FM tivo unha xuntanza co PP para explicarlles a nosa situación, foron o único partido co que nos reunimos. Fixémolo porque hai un par de anos, noutra moción que se presentara polo 20 aniversario da emisora, o PP abstivérase, fronte ao voto positivo do resto dos grupos. Fixemos un esforzo para acadar a unanimidade e sorprendeunos o seu voto en contra, porque ademais na súa intervención reproduciron unha serie de argumentos que emprega o Goberno central en relación coas licenzas de TDT e a reserva do espectro radioeléctrico para os móbiles, un tema que non nos afecta ás radios. Cremos que non teñen un coñecemento amplo da normativa e que estiveron mal asesorados. Pero estamos contentos coa aprobación da moción e sabemos, ademais, que outros concellos da comarca tamén queren aprobar mocións semellantes de apoio a Cuac.

"Sabemos que vai ser unha pelexa de longo percorrido, que non se vai resolver en 15 días, pero sabemos que temos a razón e que a cidadanía á que nos debemos está con nós e nos ampara"

Aínda que apagastes a emisión en FM, Cuac segue en Internet. É importante recordalo, non si?

Si, Cuac vai seguir desenvolvendo o seu traballo. Seguimos emitindo a través de Internet, temos un soporte móbil moi potente e un sistema de xeración automática de podcast moi efectivo que fai que a nosa audiencia poida seguir escoitándonos e que a nosa comunidade poida seguir facendo radio. Temos tamén unha escola de radio e asociacionismo na que formamos anualmente e de forma gratuíta a máis de 100 persoas. E imos seguir. Estamos adaptando os nosos recursos a esta nova situación.

Ademais de presentar as alegacións solicitando a anulación da sanción, que iniciativas ides levar a cabo para que a sociedade se mobilice en defensa de Cuac?

Fixemos xa a Maratón de peche de emisións, na que nos xuntamos xente de Cuac do presente e do pasado. A acollida da audiencia foi incrible, polos datos de visitas que tivemos na web e no streaming. Ademais, estamos agardando por unha resposta da Secretaria Xeral de Telecomunicacións, á que lle solicitamos unha reunión para explicarlle que é inxusto aplicar a un medio sen ánimo de lucro unha sanción pensada para unha emisora comercial

"Esta non é só a reivindicación de Cuac, é a reivindicación de todo o movemento de medios comunitarios"

É importante salientar que esta non é só a reivindicación de Cuac, é a reivindicación de todo o movemento de medios comunitarios. Tivemos o apoio da Rede de Medios Comunitarios e da Asociación Mundial de Radios Comunitarias, que lle van enviar unha carta ao presidente Feijoo e á Secretaria Xeral de Comunicación. Sabemos que vai ser unha pelexa de longo percorrido, que non se vai resolver en 15 días, pero sabemos que temos a razón e que a cidadanía á que nos debemos está con nós e nos ampara.

"Cuac é unha ferramenta de todos, é un espazo de comunicación alternativa para a cidadanía da Coruña que só ten sentido se a cidadanía da Coruña e do resto da comarca se implica con ela"

Imos iniciar unha campaña en diferentes frontes, e imos seguir procurando apoio social en todos os ámbitos, porque estamos convencidos de que Cuac é unha ferramenta de todos, é un espazo de comunicación alternativa para a cidadanía da Coruña que só ten sentido se a cidadanía da Coruña e do resto da comarca se volca con ela. Por Cuac pasaron 1200 colaboradores en 450 programas, Cuac é unha representación da cidadanía coruñesa. Estamos aquí para reivindicar este espazo de comunicación, que existe dende hai 20 anos e que a Xunta non quixo recoñecer, pero que a cidadanía quere se recoñeza.

 

A coordinadora de Cuac FM, Isabel Lema representou á Asociación Europea de Radios Comunitarias Dominio Público Cuac FM
Gravación de 'A Radio no Barrio', hai uns meses en Monte Alto © CUAC FM
Estudios de Cuac FM Dominio Público Cuac FM

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.