0 Gardados para despois

Antes e despois do lume no Galiñeiro: “Pagou a pena ordenar o monte, volveremos empezar”

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Praza Pública visita a serra do Galiñeiro e compara a situación tras o lume coa que había antes del

A comunidade de montes de Vincios, en Gondomar, ao pé da serra do Galiñeiro, é unha das que adoitan pórse como exemplo de boa xestión. Producían mel, cogomelos, pastos e todo tipo de madeira. A pasada semana os incendios que afectaron todo o Val Miñor queimaron unhas 600 das súas 678 hectáreas. Só se salvaron algúns espazos con frondosas, tanto orixinais como de repoboación, que xunto con algún pasteiro actuaron de cortalumes. Tanto o que ardeu como o que non será a base coa que traballar nos próximos anos. “Pagou a pena ordenar o monte aínda que ardese, porque aprendemos”, di Alberto Covelo, o presidente da comunidade, que sentenza: “Volveremos empezar”.

Só algunhas frondosas libraron do lume no monte comunal de Vincios, en Gondomar, ao pé da serra do Galiñeiro, acosada polo eólico e a minaría

A serra do Galiñeiro, entre Vigo, Gondomar e O Porriño, é a continuación natural cara o norte do Parque Natural do Monte Aloia, entre Gondomar e Tui. Hai anos que se pide sen éxito que o parque estenda cara esta zona a súa figura de protección para evitar que se concreten ameazas recorrentes de explotación industrial dos seus recursos a través da enerxía eólica, as canteiras ou a minaría de terras raras. Pero hai moito máis tempo que a comunidade de montes de Vincios vén producindo neles ao tempo que os protexe. Un traballo que foi recopilado hai uns anos no proxecto Cartografías Sensibles, que recolle non só o feito nos montes senón tamén o patrimonio material e inmaterial da parroquia.

Ao pé do Galiñeiro a comunidade de montes de Vincios delimitou espazos para pasteiros e para madeiras nobres. No primeiro, no que as ovellas e cabras, mantiñan limpo o chan, os piñeiros que serven de protección aos animais arderon, pero non por completo. “As copas están verdes, van aguantar”, di Alberto. No segundo espazo, o das madeiras nobres, as partes exteriores arderon, pero as árbores do interior, frondosas caducifolias (carballo, castiñeiro, cerdeira e nogueira) resistiron ao lume e son case que o único verde que se pode ver no Galiñeiro.

Mastíns coidando de ovellas antes do incendio nun pasteiro que os animais mantiñan limpo e que serviu de cortalumes [Praza Pública, CC BY-SA]

"A xente leva froitas e verduras aos animais de boa fe, pero non resolve nada", salienta Alberto Covelo

Nos pasteiros había unhas 180 ovellas e cabras. A maioría foron rescatadas, pero unhas trinta, segundo Alberto, resistíronse e morreron. No Galiñeiro había máis animais, salvaxes, aos que a xente vai levar estes días froitas e verduras que se amorean nalgunha curva da estrada de acceso ou xunto a pozas de auga. “Fano con boa fe, pero non resolve nada, hai que levarlles palla”, di Alberto.

Froitas e vexetais depositados nos montes de Vincios tras os incendios [Praza Pública, CC BY-SA]

Alberto Covelo tamén lamenta o rexeitamento que recibiron hai uns anos da Xunta a crear unha planta de biomasa. “A administración só as contempla para xerar enerxía, pero nós a queriamos para crear fertilizantes e estercos vexetais que nos virían moi ben agora para recuperar o monte”, explica.

"O 50% das frondosas aguantaron e o outro creo que vai renovar", salienta o presidente da comunidade de montes

Malia a destrución xeral do Galiñeiro, Alberto amósase optimista. “O que fixemos ata agora deunos uns coñecementos para mellorar aínda máis”, di. Segundo explica, cun lume tan excepcional como o da pasada semana, “arde todo, tamén o que está ordenado”. Pero matiza: “Xa tivemos incendios normais outros anos e cun monte multifuncional como o que tiñamos os seus efectos son moitísimo menores, o monte ordenado non arde tanto”, asegura. E pon como exemplo o recinto repoboado con frondosas caducifolias aos pés do Galiñeiro: “O 50% delas aguantaron, e o outro creo que vai renovar”.

Piñeiros queimados nos montes de Vincios [Praza Pública, CC BY-SA]

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.