O período de alto risco de incendios rematou o pasado domingo 12 de novembro. Logo de dúas prórrogas, a Xunta decretou finalizado este período no que o número de efectivos do dispositivo antiincendios mantiña as súas cifras máis elevadas ante as altas temperaturas e a seca. Menos dun mes despois de sufrir a vaga que arrasou nunha fin de semana 49.000 hectáreas e catro vidas, a chegada do frío e dunhas febles chuvias deu por rematada a emerxencia. Malia os necesarios traballos de prevención e recuperación, sobre todo nos montes afectados polas lapas, o operativo quedou de novo reducido ao mínimo.
Rematado o alto risco, a Xunta prescindiu de 436 traballadores do servizo público contraincendios; outros 626 acaban contrato a final de mes
Medio Rural prescindiu desde o pasado domingo de 436 traballadores públicos aos que lles fora ampliado o seu contrato de tres meses. En quince días, o 30 de novembro, outros 626 traballadores do Servizo Público de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (Spdcif) serán despedidos durante un trimestre. Mentres, quéixanse, persoal de Tragsa e de Seaga -do que tamén se prescindira- é chamado para colaborar nos labores de recuperación do monte.
É, no fondo, a crítica de sempre. A atomización e temporalidade dun dispositivo que se centra na extinción e se reduce á hora de previr ou traballar sobre o queimado. Dos 5.600 efectivos de hai exactamente un mes aos algo máis de 2.900 de agora, que quedarán en arredor de 2.300 en quince días. "A maior parte do operativo foi para a casa, xusto agora que é cando hai que recuperar o monte", di un dos operarios que cesou no labor e que denuncia que "as quendas non se cobren". "Hai camións parados por falta de persoal e hai moito que facer, sobre todo nas áreas máis afectadas polo lumes, como baldear ou revisar e reconstruír as pozas que foron arrasadas", conta.
Dos 5.600 efectivos de hai un mes nos montes galegos pasarase aos arredor de 2.300 de decembro
Este operario é un dos que rematou o seu contrato prorrogado o pasado 12 de novembro. Antes, xa lle fora ampliado o 11 de outubro, cando a Xunta reincorporou os 436 efectivos fixos-discontinuos que adoitan traballar só tres meses ante os continuos incendios en pleno outono. Dous dias despois, o 13 de outubro, a Xunta iniciou tamén os trámites para volver incorporar outra peza do dispositivo: 500 brigadistas da empresa pública Seaga. A comunicación coa orde, datada no propio día 13, prevía a incorporación o 16 de outubro. Era o luns seguinte á dramática vaga de lume. Malia que moitos foron requiridos xa na fin de semana e que algúns acudiron voluntariamente a traballar, boa parte do equipamento necesario para realizaren o seu labor -vehículos, dispositivos de comunicación, ferramentas- xa fora desmantelado e, finalmente, o groso do persoal non puido sumarse á extinción ata o luns, como se prevera.
Desde esta semana, nin uns, nin outros, nin o persoal de Tragsa traballa no monte. Tampouco, por suposto, os reforzos chegados do Estado ou doutras administracións. O dispositivo queda nesas 2.900 persoas e nas 2.300 a partir de decembro, tal e como confirma a Consellaría de Medio Rural. Desde Atrifoga (Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia), que representa ese colectivo de fixos-discontinuos que adoita traballar só tres meses, coinciden nas críticas que chegan dos operarios.
"Xa non somos necesarios, xa choveu"
"Mesmo a Xunta dixo que era necesario ampliar o traballo do persoal de tres meses, pero agora xa non somos necesarios; xa choveu e arranxouse todo", denuncian nun comunicado logo de enterarse, "con sorpresa", de que estaban "no paro" mentres "as empresas Seaga e Tragsa chaman persoal para facer labores de recuperación forestal". Fontes deste colectivo advirten de que mesmo desde a Administración lles recoñecen a querencia polo seu labor e a preferencia por ampliar o dispositivo, pero insístenlle na insuficiencia económica que argumenta o Goberno.
A Xunta realiza "encomendas de xestión a Tragsa e Seaga" para os labores de recuperación tras prescindir de persoal do servizo público
Medio Rural lembra que "os traballos de prevención realízanse ao longo do ano por traballadores da Administración galega" e que para as actuacións de "recuperación e consolidación dos solos en zonas queimadas", a Consellaría destinou 7 millóns de euros para estes labores, que se fan "a través de encomendas". Trátanse, como engade, de "encomendas de xestión ás empresas públicas de Tragsa e Seaga".
Como advirte Medio Rural, estes operarios "non se incorporan a ningún dispositivo, senón que son traballadores que se contratan exclusivamente para levar a cabo esas tarefas de consolidación de solos e recuperación da cuberta vexetal". Non se inclúen, xa que logo, no dispositivo de prevención e extinción de incendios que a tal hora conta con algo máis de 2.900 efectivos, seguindo estritamente as previsións do Plan de Defensa e Prevención contra incendios forestais (Pladiga).
O persoal público contratado por tres meses denuncia a "hipocrisía" da Xunta e unha política "encamiñada a segmentar o servizo"
Desde Atrifoga denuncian a "hipocrisía" da Xunta e unha política "encamiñada a segmentar o servizo e dar beneficio a empresas de xesión privada, deixando na rúa os seus propios traballadores públicos, competentes e con vontade de traballar e que sairían máis baratos e rendibles". Ademais, lembran, entre as súas funcións "non só están as de vixilancia e extinción de incendios", senón tamén "as básicas tarefas de prevención, rexeneración forestal e emerxencias rurais".
As críticas chegan tamén dos bombeiros do servizo público contratados por máis meses, ao entender que a fin do contrato dos 626 traballadores o vindeiro 30 de novembro supón prescindir dos traballadores "que deberían facer a prevención e recuperación en zonas queimadas". "Dirán que non hai cartos, que non somos necesarios, que non hai risco de incencio ou que as condicións climáticas son distintas, pero non poderán xustificar que falta persoal para recuperar os nosos montes cando o están contratado de maneira externa e privada", engade Atrifoga, colectivo desde o que lembran tamén que a Administración aprovéitase tamén do traballo dos voluntarios.
Respecto disto, Medio Rural advirte de que "agradece" a vontade dos voluntarios pero que "teñen que ser os técnicos especialistas os que concreten as medidas para evitar consecuencias negativas sobre os montes". "As actuacións nos terreos queimados deben estar supervisadas sempre e en todo momento por profesionais", aclaran.