Adrián González, estudante de Comunicación Audiovisual en Madrid, non estaba na súa casa das Neves a tráxica fin de semana de outubro na que os incendios arrasaron o seu concello, queimaron 4.000 hectáreras en 24 horas e deixaron o 90% do municipio en cinzas e varias familias sen vivenda. Aos poucos días, volveu e puido comprobar a desfeita. "Aínda estamos en estado de shock, foi demasiado forte", conta quen aquel día decidiu que "tiña que facer algo, documentalo". Púxose mans á obra e o resultado foi As Neves Zona 0, documental que relata a través de impactantes imaxes e testemuños a crueza daquela xornada e das súas consecuencias.
Adrián González, natural das Neves e estudante de Comunicación Audiovisual, decidiu facer un documental tras ver a destrución no seu concello
"Pode que léndoo por riba nun xornal a xente non se decate da gravidade do sucedido; a idea é que se difunda para que se entenda o duro que foi e que é e poder poñer tamén un gran de area máis na recuperación", conta Adrián desde Madrid sobre un documental que supera as 5.000 visualizacións en YouTube. "A xente está rota; foi moi duro percorrer o concello e falar cos veciños, pero debe servir tamén para denunciar o ocorrido, a situación dos nosos montes e os problemas que temos, para que non volva ocorrer", insiste este mozo que, xunto con Daniel Pérez dirixe a produtora audiovisual Diaño Filmes mentres remata os seus estudos.
Os incendios arrasaron en quince meses o 90% do municipio. "Nunca vin un incendio coma este", relata un veterano veciño
A fita é crua, tanto polas imaxes encadeadas daquel 15 de outubro como polas reflexións posteriores da veciñanza das Neves, que en quince meses -entre un incendio de agosto de 2016 e os deste outono- viu como o 90% da súa superficie quedaba arrasada. "Vin moitos incendios aquí, pero coma este ningún", relata un home ao que lle ardeu a casa. "O lume viña como se tivese gasolina mesturada e o aire empurrábao aínda máis; estabamos indefensos e aquí non apareceu ninguén", conta outro que acabou ingresado cun infarto no hospital Álvaro Cunqueiro.
Entre os protagonistas, os responsables do serradoiro que quedou arrasado e que deixou sen emprego 25 traballadores directos e outros tantos indirectos. "Dun venres traballando normal aquí a un luns no que ves que non serve para nada, sen ser culpa túa, perdes todo o que montou teu avó e que continuou teu pai", contan uns veciños que viron como 106 vivendas foron afectadas polo lume, 26 delas totalmente arrasadas e catro destas ocupadas por familias que perderon todo.
Imaxes do serradoiro arrasado polas lapas nas Neves no documental / © Diaño Filmes
Ademais, testemuños de xente atrapada en coches, que viu os seus vehículos arder, que protexeu unha gasolineira en risco ou que non eran quen de escapar das lapas: "Buscabamos saída e non as atopabamos". "Era horrible, un tornado de lume", explican no documental que percorre tamén os montes arrasados. "É unha tristeza; vas por calquera lado e é todo negro, negro", lembran os veciños, axentes ambientais, expertos ou o alcalde, que chaman por un cambio na política forestal e pola urxencia centrada en "recompoñer o territorio".
"É unha tristeza; vas por calquera lado e é todo negro, negro"
Así, neste pasado mércores As Neves modificou o seu orzamento en case 150.000 euros para facer fronte aos custos de reparación de servizos públicos esenciais que foron afectados polo lume. O Concello decretou de urxencia reparacións en estradas, no saneamento e no alumeado, ademias da limpeza de instalacións e adquisión de contedores. Esta proposta de modificación foi aprobada con votos a favor do BNG e do PSOE e co voto en contra do PP.