Miguel da Limia: "Os apoios recibidos énchenme de orgullo"

Fotografía de Miguel M. distribuída pola entidade ambientalista © ADEGA

Miguel M., coñecido como Miguel da Limia, o ecoloxista que permaneceu cinco semanas en prisión por provocar un incendio dunha hectárea nunha leira da súa propiedade, vén de conceder unha breve entrevista á Radio Cerna de ADEGA, apenas uns días despois de saír do cárcere baixo fianza. Na conversa, por recomendación do seu avogado non conta a súa versión dos feitos presuntamente delictivos, xa que a sua causa penal aínda está en curso. Con todo, reafirma a súa inocencia, amósase "indignado" coa súa reclusión e sinala que foi "a peor experiencia" da súa vida. "Aválame a miña historia: Teño estado apagando moitos lumes e levo no movemento ecoloxista da Limia dende os 18 anos, teño agora 58", subliña.

Reafirma a súa inocencia, amósase "indignado" coa súa reclusión e sinala que foi "a peor experiencia" da súa vida

Sobre o sucedido aquel domingo de outubro, simplemente comenta que fixo "borralla para prender un pequeno lume para quentar un chourizo" e que nunca imaxinou "que puidera pasar todo isto". "O outono para min sempre fora unha época de chuvia. Estaba ademais nunha zona de carballeira, que normalmente non arde tanto como pode arder unha zona de eucaliptos", comenta, na mesma liña do relatado polos seus familiares e amigos, que destacan que tentou apagar o lume que se estendera por unha imprudencia, que foi na procura de axuda e que mesmo deixou os seus datos no cuartel da Garda Civil para facerse responsable do sucedido. 

Sobre o sucedido aquel domingo de outubro, simplemente comenta que fixo "borralla para prender un pequeno lume para quentar un chourizo" e que nunca imaxinou "que puidera pasar todo isto"

Si que detalla as circunstancias da súa detención, uns días despois, despois de que ese domingo na Garda Civil lle dixeran "Eu non teño por que retelo, marche vostede se quere". Sinala que a súa detención foi realizada por un axente de paisano e que despois foi reducido por un total de cinco policías, tendo que acudir ao hospital en dúas ocasións nas horas seguintes, por mor da enfermidade cardíaca que padece e do estrés provocado polo trato recibido.

Engade que onde peor o pasou foi no calabozo de Ourense: "A peor experiencia da miña vida", di. E ante as insinuacións efectuadas polo presidente da Xunta, que afirmou que no sucedido había "algo máis" que un simple incendio imprudente, Miguel M. responde "que me diga cal é porque quero sabelo". En calquera caso, rexeita valorar as palabras de Alberto Núñez Feijoo: "Resérvome a opinión. Calquera cousa que eu poida dicir, me pode prexudicar".

Ante as insinuacións efectuadas polo presidente da Xunta, que afirmou que no sucedido había "algo máis" que un simple incendio imprudente, Miguel M. responde "que me diga cal é porque quero sabelo"

Na entrevista fai fincapé, sobre todo, nos apoios recibidos, que agradece expresamente. Fai referencia aos posicionamentos públicos (grupos ecoloxistas, Xunta de Persoal de Xustiza da provincia de Pontevedra...) e tamén aos berros e faixas de ánimo que se puideron oír e ver na manifestación contra a Lei de Depredación, que tivo lugar poucos días despois da súa detención: "No cárcere algúns presos tiñan televisións e puiden ver os carteis e escoitar os berros de “Miguel non é pirómano, Miguel liberdade”. Iso encheume de orgullo", di. Tamén salienta os agarimos dos últimos días: "Cando saín do cárcere pensei que todo o mundo me ía ver como unha persoa mala. E non, todo o contrario, todo o mundo se volcou comigo: veciños, compañeiros de traballo, os grupos ecoloxistas...". "Moitas gracias a todo o mundo que me axudou e estivo comigo todo este tempo", conclúe.

Fotografía de Miguel M. distribuída pola entidade ambientalista © ADEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.