O temporal deixa incidencias por toda Galicia e agrava os efectos dos incendios de outubro

Retirada dunha árbore caída na Coruña Dominio Público Bombeiros da Coruña

Chegou a auga a Galicia en plena alerta pola seca, pero fíxoo inserida nun fenómeno destrutivo pola súa intensidade. A borrasca Ana, así alcumada por acordo das axencias meteorolóxicas oficiais de España, Portugal e Francia -Meteogalicia non ten ese rango, malia adoitar ofrecer prognósticos máis precisos sobre o territorio galego- pasou polo país e fíxoo traendo consigo ventos moi fortes, con refachos superiores aos 130 quilómetros por hora nalgúns puntos e intensísimas precipitacións. A combinación de ambos fenómenos provocara máis de 1.300 incidencias ata primeiras horas do luns. Durante o domingo chegaron a quedar sen luz uns 20.000 fogares, segundo Gas Natural Fenosa.

Arredor de 4.000 vivendas e locais abonados a esta compañía eléctrica continuaban a primeiras horas deste luns sen subministro tras unha xornada na que vento e chuvia deixaron imaxes que aínda eran inéditas no tempo transcorrido deste outono. O sur e o leste do país foron as áreas máis afectadas por unhas precipitacións que, segundo as estacións de Meteogalicia, chegaron a deixar ata 144 litros por metro cadrado en Ponte Caldelas. Tamén foron reseñables os 130 litros por metro cadrado recollidos en Entrimo, 128 en Guitiriz, 127 en Lousame ou 120 en Fornelos de Montes. O contraste entre estas fortes chuvias e a seca dos últimos meses é evidente: "a borrasca Ana está deixando nalgúns puntos de Galicia máis chuvia da que caeu en todo o mes de novembro", explicaba Meteogalicia este domingo.

Ata 20.000 fogares quedaron sen luz durante as peores horas do temporal, que deixou refachos de vento superiores aos 130 quilómetros por hora e máis de 140 litros por metro cadrado de chuvia nalgunhas vilas

Como adoito, aínda que o temporal impactou por todo o territorio os seus efectos máis visibles producíronse en áreas urbanas. Entre as sete principais cidades galegas os refachos de vento máis intensos rexistráronse en Vigo, onde o aeroporto de Peinador sufriu incidencias durante toda a xornada -seis voos foron desviados-. O refacho máximo de Vigo, de 94 quilómetros por hora, estivo só un chisco por riba do rexistrado na Coruña, onde ventos de ata 91 quilómetros por hora provocaron problemas como a caída de alumeado e outros elementos decorativos do Nadal e múltiples problemas de tráfico. En Santiago, os ventos de máis de 80 quilómetros por hora levaron consigo as cubertas da piscina de Sar e en Lugo regresaron os anegamentos a zonas como a ronda das Fontiñas.

Segundo os datos da Axencia Galega de Emerxencias, os concellos con máis incidencias foron Pontevedra, Ponteareas, Vigo ou Salvaterra, na provincia pontevedresa, e Arteixo, A Coruña, Oleiros, Cambre ou Carballo, na coruñesa. Entre os municipios lucenses os máis afectados foron Vilalba, Mondoñedo, Monterroso e a capital da provincia, mentres que Bande, Verín ou San Cibrao das Viñas foron os que acumularon máis problemas en Ourense, ademais da propia cidade.

Mapa de incidencias de Fenosa por problemas no subministro eléctrico a primeiras horas deste luns

Os anunciados 'efectos secundarios' dos incendios

O primeiro gran temporal deste outono trouxo tamén consigo os 'efectos secundarios' da vaga de incendios de outubro dos que xa se alertara dende os movementos ambientalistas e que a Xunta asegurou nas últimas semanas estar a prever para paliar as súas consecuencias. Malia estas advertencias, coas fortes chuvias regresaron as imaxes do 'chapapote forestal', isto é, das cinzas e restos da madeira queimada arrastradas monte abaixo, provocando anegamentos e un forte impacto ambiental. Así o amosa, por exemplo, este vídeo gravado no Xurés e difundido polo colectivo Árbores da Limia

Alumeado de Nadal caído na Coruña Dominio Público Protección Civil da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.