SOS Sanidade Pública manifestarase o vindeiro 4 de febreiro en Compostela, en protesta pola modificación da Lei Galega de Saúde, ao considerar que, entre outras cuestións, "vai supor un novo recorte e unha maior precarización do sistema público de saúde". Entre os cambios que introduce, a norma elimina as áreas sanitarias de A Mariña, Monforte, O Barco e o Salnés. Dez días antes, o 24 de xaneiro, convocaranse ademais concentracións en varias cidades e vilas. E, igualmente, convocarase unha concentración ante o Parlamento galego o día no que a reforma vaia ser debatidade na cámara.
A plataforma, que vén impulsando mocións en concellos e deputacións contra a modificación da lei, critica que proposta de reforma "limita, facendo inviable, a participación social" e lembra "a non posta en marcha dos órganos de participación cidadá da Lei de Saúde do 2008, tanto do Consello de Saúde de Galicia como dos Consellos de Saúde de Área". Ademais, a entidade denuncia que a proposta "consolida o modelo privatizador de coñecemento, posto en marcha coa creación da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde".
SOS Sanidade Pública é moi crítica, así mesmo, co nomeamento de Rocio Mosquera como xerente da entidade pública empresarial Galaria, que tivo lugar mesmo antes de que se convocase esa praza. A plataforma critica "a propia existencia de Galaria (antigo MEDTEC) como empresa provedora se servizos de alta tecnoloxía e especialización ao marxe do CHUVI, cando hai tempo que se debería proceder á súa integración e o Complexo Hospitalario Público e á súa liquidación económica e xurídica". "Na persistencia desta empresa tivo moito que ver a señora Mosquera durante a súa etapa como Conselleira de Sanidade, moi proclive á privatización do Sistema Sanitario Público mediante a utilización de fórmulas e modelos de xestión privada e colaboración público-privada", engade.