- O feminismo galego clamou contra o asasinato machista de Diana Quer
- O Colexio de Xornalistas pide que as novas sobre o asasinato de Diana Quer "non sumen dor" á familia
- O delegado do Goberno organiza un encontro de Rajoy cos mandos policiais do caso Diana Quer para felicitalos
A instrución xudicial polo asasinato de Diana Quer xa está formalmente reaberta. O Xulgado de Instrución número 1 de Ribeira acordou, nun auto asinado o martes, 2 de xaneiro, e feito público este mércores a reapertura do procedemento. Faino tras a aparición do cadáver da moza desaparecida na Pobra do Caramiñal en agosto de 2016 no lugar en que indicou o asasino confeso, inicialmente detido grazas á descrición ofrecida pola moza á que tentou secuestrar o 25 de decembro en Boiro.
Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), dos feitos dos últimos días "despréndese a existencia de novos elementos fácticos" que "corroboran os indicios" que xa existían " a respecto da posible comisión dun delito de detención ilegal", ao que se engade a posibilidade de eque existise "delito de homicidio ou asasinato". Tras a aparición do corpo sen vida de Diana Quer, "existen igualmente indicios a respecto da posible comisión" de "delitos contra a súa liberdade sexual".
Todos estes feitos atribúeos o xuíz a José Enrique Abuín, pero advirte de que "non pode ser desbotada no momento actual" a "participación" nos feitos da súa esposa, que tamén pasa a ter condición de investigada -antiga imputación-. A muller, segundo transcendeu, inicialmente mantivo que na noite da desaparición da moza asasinada estivera en compaña do seu home. No entanto, deu en variar esa versión, deixándoo así sen coartada.
O xuíz reabriu formalmente o caso e decidiu investigar tamén -antiga imputación- á esposa do asasino confeso
Abuín terá que responder tamén polo intento de secuestro en Boiro, pero non no mesmo procedemento xudicial. "No caso de tramitación conxunta podería supoñer unha excesiva complexidade ou dilación para ambos procesos, tratándose ademais de feitos deparados notablemente no tempo". Así, será o xulgado número 2 de Ribeira o que o asuma.
O acusado do asasinato de Diana Quer, en prisión provisional incomunicada, terá que comparecer no xulgado este 4 de xaneiro. Ademais desta declaración e a da súa esposa, o xuíz citou tamén outras dúas persoas en calidade de testemuñas.
Controversia política
Y también son 2 hombres los que salvan a la segunda víctima de #ElChicle el día de Navidad....#oportunismopolitico para hablar de machismo? https://t.co/riM7xtWGjK
— Ana Vázquez Blanco (@anadebande) 03 xaneiro 2018
Mentres continúa o procedemento xudicial e poucas horas despois de que numerosos concellos e os movementos feministas galegos protagonizasen concentracións e protestas de repulsa polo crime, o caso está a ter tamén unha vertente de controversia política. Así, diferentes cargos do PP deron en empregar o acontecido para cargar contra os grupos do Congreso que uniron as súas forzas para tentaren derrogar unha das medidas máis polémicas do Goberno dos populares con maioría absoluta: a prisión permanente revisable.
A Plataforma Feminista de Ourense e a deputada ourensá do BNG censuraron as declaracións da popular Vázquez Blanco, que ve "oportunismo político" en ligar o crime de Diana Quer coa violencia machista
Unha das dirixentes populares que o fixo foi a deputada do PP de Ourense Ana Vázquez Blanco, que este mércores volveu empregar o asunto para acusar de "oportunismo político" a Patricia Reyes, deputada de Ciudadanos, por encadrar o crime de Diana Quer no contexto da violencia machista. "E tamén son dous homes os que salvan a segunda vítima o día de Nadal", retrucou a ourensá, quen xa protagonizara outras controversias anteriores sobre cuestións de xénero. Anteriormente, en 2016, tamén dera en insinuar que a proliferación de incendios en Galicia estaba vinculada coa campaña electoral das eleccións galegas.
As palabras de Vázquez Blanco foron retrucadas polas integrantes da Plataforma Feminista Galega de Ourense, a quen sinalan que "as mulleres ourensás precisamos representantes que coñezan o significado da violencia machista, que saiban diferenciar a humanidade intrínseca ás persoas das condutas machistas" e que "distingan entre o dereito a manifestar a dor e a indignación polo asasinato dunha muller vítima dunha agresión machista "do "oportunismo político". Nun sentido semellante, a deputada ourensá do BNG, Noa Presas, ve en Vázquez Blanco "falta xa non só de escrúpulos, senón tamén de formación xa non só como deputada, senón tamén como funcionaria da administación". "Máis un motivo polo que debería dimitir", agrega.