0 Gardados para despois

Os propietarios forestais que incumpran a lei deberán pagar pola extinción dos incendios

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"Sen prexuízo das responsabilidades que, de ser o caso, correspondan ás persoas autoras dos incendios forestais, a consellaría competente en materia forestal repercutirá os gastos de extinción" ás persoas propietarias das faixas de xestión de biomasa "cando incumprisen as obrigas de xestión da biomasa vexetal ou retirada de especies arbóreas que lles impón esta lei" e "cando incumprisen as distancias mínimas"; e, igualmente, "ás persoas titulares do aproveitamento de predios concentrados ou reestruturados que estean en estado de abandono".

O Goberno galego modificou a Lei 3/2007 de Prevención de Incendios Forestais a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos, unha modificación que foi publicada no DOG nun dos últimos días de decembro. Con este cambio, aos e ás propietarias de terreos forestais afectados por un incendio poderáselles imputar perte do custo que a súa extinción tivo para as arcas públicas, sempre que se demostre -a través dunha investigación- que a súa parcela non estaba limpa (como adoita denominarse a eliminación da vexetación), que non cumprira coa súa obriga de eliminar especies prohibidas en zonas próximas a núcleos habitados ou vías de comunicación ou que mantiña en estado de "abandono" terreos resultado de concentracións parcelarias. 

O cálculo do total a pagar pola persoa propietaria será proporcional "á contribución dos incumprimentos que lles sexan imputables ou do estado de abandono dos predios"

O texto lexislativo explica que "o procedemento para a repercusión dos gastos de extinción iniciarase de oficio (...) sempre que da investigación á que se refire o número anterior se desprenda que os devanditos incumprimentos das persoas responsables ou o estado de abandono dos predios concentrados ou reestruturados influíron na produción, na propagación ou na agravación da intensidade e nos danos provocados polo incendio forestal". E o cálculo do total a pagar pola persoa propietaria será proporcional "á contribución dos incumprimentos que lles sexan imputables ou do estado de abandono dos predios concentrados ou reestruturados á produción, á propagación ou á agravación da intensidade e aos danos provocados polo incendio forestal".

A iniciativa forma parte dos cambios anunciados por Núñez Feijoo o pasado mes de novembro, poucas semanas despois dos terribles incendios de mediados de outubro. O presidente da Xunta sintetizou a súa proposta en trinta medidas, moitas das cales xa existían ou eran reformulacións doutras vixentes pero incumpridas. A Xunta prometeu incorporar "cautelarmente" parcelas abandonadas ao Banco de Terras e tamén realizar mudanzas estruturais no vindeiro Plan Forestal de Galicia. De igual xeito, baralla reverter a redución das franxas de protección en torno a áreas habitadas nas que está prohibido plantar especies, unha redución que levou a cabo en 2012 e que foi moi criticada.

 

"Levará ao abandono de máis parcelas"

"Para isto xa existe unha lexislación, que é máis que suficiente, e que pon a responsabilidade última da protección das vivendas na administración", di Jacobo Feijoo (Asefoga)

A medida xa recibiu as críticas de asociacións de propietarios forestais, coma a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga). O seu presidente, Jacobo Feijoo, cualifica a modificación lexislativa de "precipitada e inoportuna" e critica que se fíxese "sen ningún tipo de consulta nin consenso". Feijoo sinala que "por suposto, agora hai unha prioridade, que é protexer as casas e os núcleos de poboación, sobre todo despois do que sucedeu en Portugal e do que pasou aquí este verán", pero subliña que "para isto xa existe unha lexislación, que é máis que suficiente, e que pon a responsabilidade última da protección das vivendas na administración, que ten a obriga de execución subsidiaria en relación aos propietarios que non a executen". Uns traballos que, engade, non sempre están a levar a cabo a tempo as distintas administracións.

O presidente de Asefoga di que a medida podería ser "un globo sonda de cara ao futuro, para ir acostumando a todos os propietarios a pagar de forma xeneralizada o servizo de extinción"

O presidente de Asefoga alerta, ademais, de que a medida podería ser "un globo sonda de cara ao futuro, para ir acostumando a todos os propietarios a pagar de forma xeneralizada o servizo de extinción, que pode que sexa o que se quere conseguir: estender o cobro por sistema a todos". "Antes de tomar este tipo de medidas, a administración debe comezar por outras: dar facilidades e ferramentas para conseguir a mobilidade de terras agrarias que hoxe están cheas de mato e improdutivas. E outras medidas para favorecer o investimento no monte e no sector forestal", suxire.

Feijoo, que lembra que apagar un incendio ten un custo medio de 5.000 euros por hectárea, pídelle ao Goberno galego "non xerar inseguridade xurídica nin criminalizar os propietarios". E reclama "ser conscientes da realidade que temos no noso rural: un espazo envellecido, con persoas que xa non son quen de levar a cabo as tarefas de limpeza que antes facían, de desbroce e de aproveitamento desa biomasa". "Hai xa unha chea de propiedades rústicas en herdanza que non se están a aceptan por parte dos herdeiros. Se esta medida vai adiante, será unha mensaxe moi mala, que levará ao abandono de máis parcelas", conclúe.

 

Favorecer o control do monte por parte de grandes empresas

"As directivas das comunidades de montes xa están a recibir unha presión continua para ceder a estas empresas a xestión dos montes. E esta medida vai incrementar a presión", di Vázquez Pumariño

Pola contra, nos últimos anos vense reclamando dende diversos ámbitos que os propietarios forestais, sobre todo aqueles que obteñen beneficios económicos a través de cultivos madeireiros se responsabilicen do elevado custo xerado polo servizo de extinción de incendios, que agora debe ser asumido por toda a poboación a través dos orzamentos públicos. "Este sistema de cultivos forestais é rendible porque están os custes externalizados (...) porque os seus custes de mantemento páganse con cartos públicos", afirmaba en entrevista con Praza o biólogo ambiental Xabier Vázquez Pumariño hai uns meses. "Se os custos de desbrozar e de apagar os lumes tivesen que pagalos os propietarios, non habería negocio do eucalipto en Galicia. É un negocio que se mantén porque estamos entre todos pagando impostos para mantelo", engadía.

O biólogo propón un pagamento xeneralizado a todos os propietarios, pero modulándoo en función de se o espazo é un piñeiral ou un eucaliptal, que arden máis rapidamente, ou outro tipo de vexetación

Vázquez Pumariño, no entanto, non ve tampouco con bos ollos a medida aprobada pola Xunta, da que sospeita que pode favorecer aínda máis o control do monte galego por parte de grandes empresas como ENCE e Norfor, nun contexto de acaparamento de terras que se está a dar en todo o planeta. "É posible que impoñan unha normas tan difíciles de cumprir que ninguén poida facelo, agás as grandes empresas, que se van facer cargo de todo", comenta. "As directivas das comunidades de montes xa están a recibir unha presión continua para ceder a estas empresas o uso dos montes. E esta medida vai incrementar a presión, co que todo o espazo forestal galego pode acabar xestionado por grandes corporacións", engade.

O biólogo ambiental propón, en vez de utilizar este recurso da infracción, impoñer un pagamento xeneralizado a todos os propietarios, pero modulándoo en función de se o espazo é un piñeiral ou un eucaliptal, que arden máis rapidamente, ou outro tipo de vexetación, que arde con máis dificultade. E que os ingresos xerados por esta fiscalidade se utilicen para mellorar a protección do medio ambiente e da biodiversidade existente.

"No mato e na vexetación natural é onde se agocha a biodiversidade, axudan tamén á regulación de auga e a reducir o CO2, pois son sumideiros naturais de carbono"

Ademais, critica unha vez máis a "obsesión" polo que se deu en chamar "limpeza do monte", que destrúe espazos de mato que constitúen valiosas reservas de biodiversidade. "No mato e na vexetación natural é onde se agocha a biodiversidade, axudan tamén á regulación de auga e a reducir o CO2, pois son sumideiros naturais de carbono. E en cambio os cultivos forestais non conteñen biodiversidade, consomen máis auga e poden ser mesmo puntos de emisión de carbono", comenta. "Non hai lugar en Europa con natureza tan degradada como Galicia e o norte de Portugal. Esa obsesión polo monte produtivo é propio de países e de persoas acomplexadas. Queren ter todo limpiño, como se fose un campo de golf, pero iso non é natureza", engade. E alerta de que fiar a protección dos montes á extensión dos cultivos forestais, aínda que a biomasa estea xestionada "só vai agravar o problema". "Se ti enches todo de piñeiros e eucaliptos, cando veñan situacións excepcionais -que cada vez van ser máis habituais- os incendios van ser imposibles de apagar. E iso si que o imos ter que pagar entre todos", conclúe.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.