Case 800.000 coches entran todos os días nas sete cidades galegas

A Avenida da Vedra (Alfonso Molina) é a principal vía de acceso á Coruña CC-BY José Alejandro Carrilo Neira

Case 800 mil vehículos entran cada día nas sete cidades galegas, segundo os datos medios para 2016 publicados polo Ministerio de Fomento, e tendo en conta unicamente as vías de acceso principais. A Coruña é con gran diferenza a urbe con máis tráfico de entrada e saída, superando amplamente os 200 mil coches diarios, moi por riba de Compostela e Vigo, por riba de 100 mil, e dos outros catro concellos, próximos a esa cifra.

O dato contén nesgos nalgúns casos (coches que dende os concellos da contorna entran nas estradas que atravesan cidades como Ourense ou Pontevedra para dirixirse a algún outro concello) e non ten en conta duplicidades (algún vehículos que poidan facer a mesma viaxe de acceso á urbe dúas ou máis veces no mesmo día) nin vías doutra titularidade. Ao ser unha media, en todo caso, tampouco reflicte a relaxación do tráfico nas fins de semana.

A Coruña é con gran diferenza a urbe con máis tráfico de entrada e saída, superando amplamente os 200 mil coches diarios, moi por riba de Compostela e Vigo, por riba de 100 mil

Nos últimos anos son cada vez máis as voces que veñen reclamando solucións á elevada densidade de tráfico en determinados accesos da distintas cidades galegas. Na Coruña está sobre a mesa a reforma da Avenida da Vedra (Alfonso Molina) e en Compostela repítense as queixas pola conxestión da N-550 no Milladoiro. Galicia non sofre aínda os problemas de contaminación de Madrid ou Barcelona. Con todo, o Informe sobre a calidade do aire no Estado español elaborado por Ecoloxistas en Acción alertaba dos elevados niveis de dióxido de nitróxeno (NO2), ligado ao tráfico rodado (sobre todo aos vehículos diésel) rexistrados nas estacións de medición de Riazor (A Coruña) e Coia (Vigo). De igual xeito, vense poñendo sobre a mesa a demanda de melloras nos servizos ferroviarios, de cara a contar cun tren de proximidade do que Galicia carece. E tamén se reivindica a habilitación de máis e mellores vías ciclables nas urbes galegas e na súa contorna.

Chaman especialmente a atención os datos da Coruña, que supera amplamente os 200 mil accesos sumando as cifras rexistradas na Avenida da Vedra (121.825 vehículos diarios), AC-12 (40.268), Terceira Ronda (12.913), AC-552 (20.254) e AC-415 (17.675). A apertura da Terceira Ronda contribuíu a diluír un pouco a concentración de tráfico nas restantes vías, de xeito que Alfonso Molina descendeu a súa media de vehículos entre 2012 e 2016 (de 125.017 a 121.825) e a AC-12 de 46.893 a 40.268. Con todo, a cifra total segue a aumentar.

Vigo presenta cifras menores, pero co tráfico concentrado en dous accesos principais: a conexión coa AP-9 (54.512) e a Avenida de Madrid (39.193), que suman case 100 mil vehículos diarios. Compostela rolda os 100 mil vehículos diarios tan só sumando as entradas de coches polo norte (N-550, A-54 e AP9) e polo sur (N-550 e AP9), sen ter en conta as vías de conexión con Bertamiráns e Noia ou as que se dirixen á Estrada, Lalín e Ourense. 

O 67% das persoas que traballan fóra da casa en Galicia empregan o coche para ir alí, unha porcentaxe que nas sete cidades vai dende o 70% de Ferrol e o 66% Lugo ata o 56% de Ourense e o 53% da Coruña

En Ferrol, malia o descenso poboacional, o número de vehículos apenas variou nos últimos catro anos, aínda que a diferenza de outras cidades, neste caso o tráfico está moi repartido entre o treito final da AP-9, a Ponte das Pías, a Estrada de Catabois e a FE-12. Lugo é a que menos circulación rexistra e só na circunvalación que conforma a antiga N-6 o número de vehículos diarios supera os 25 mil.

Pontevedra e Ourense sofren o peso engadido de ser zonas de paso entre varias comarcas. Na cidade das Burgas destaca a elevada densidade do tráfico dende o sur pola N-525 (28.619 coches diarios) e dende a A-52 (17.430). En Pontevedra a N-550 move máis de 40 mil vehículos diarios sumando os accesos norte e sur, dende o Morrazo chegan outros 26.499 e dende o Salnés 13.734, aos que hai que sumar os máis de 30 mil coches diarios que pasan pola AP-9.

Esta estatística está moi relacionada co uso que os galegos realizan do vehículo privado, tamén nas grandes cidades e áreas metropolitanas, ben por hábito ou pola carencia ou deficiencias no transporte colectivo. O 67% das persoas que traballan fóra da casa en Galicia empregan o coche para ir alí, unha porcentaxe que nas sete cidades vai dende o 70% de Ferrol e o 66% Lugo ata o 56% de Ourense e o 53% da Coruña. E iso a pesar de que a proporción de ocupados e ocupadas cuxa vivenda está no mesmo concello que o seu lugar de traballo supera o 74% en seis das sete urbes e só é algo menor en Pontevedra (64%).

Os dous principais accesos a Vigo suman case 100 mil vehículos cada día CC-BY paradasolicitada

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.