"O problema da sanidade pública galega non é de funcionamento senón de desmantelamento"

Mobilización de SOS Sanidade Pública © SOS Sanidade Pública

O proxecto de nova Lei de Saúde impulsado polo PP volveu sacar milleiros ás rúas, nomeadamente nas áreas sanitarias que a iniciativa quere suprimir. Sindicatos, asociacións de veciños, concellos e diferentes colectivos manifestáronse contra unha modificación lexislativa que enmarcan nun novo "ataque" á sanidade pública e nun proceso de "privatización" do sistema sanitario galego. A Plataforma SOS Sanidade Pública convocou para o vindeiro mércores 24 concentracións en diferentes localidades, todas elas previas á gran manifestación que se celebrará en Santiago de Compostela o domingo 4 de febreiro. Falamos cun dos seus portavoces, Xosé María Dios, médico de Atención Primaria en Outes. 

Convócanse concentracións en todas as áreas sanitarias e manifestación o día 4 de febreiro en Compostela. Cal é o motivo principal destas mobilizacións?

Hai dous  motivos fundamentais. O primeiro é que o PP, en pleno mes de agosto, presenta o proxecto de modificación da Lei de Saúde de 2008, que era unha boa lei aínda que sen desenvolver. Con esta iniciativa, o que fai é eliminar as áreas sanitarias, con todo o que iso conleva. Como exemplo, o Hospital da Costa de Burela vai pasar a depender de Lugo e xa non do seu xerente e dos seus directivos... Veremos como se enteran no Hospital de Lugo o que está a ocorrer cos urólogos na Mariña. O argumento da Xunta é que con esta reforma achégase a sanidade aos cidadáns, pero é ilóxico dicir isto cando se retiran xerentes e o equipo directivo destas zonas, a onde, por pór outro exemplo, iría un día un urólogo de referencia e ao día seguinte, outro. Pasan a ser meros distritos, tanto na Mariña como no Salnés, en Monforte ou O Barco. 

"Se o Sergas reduce persoal e recursos, os prazos de espera que se poñen non se van cumprir nunca e os pacientes derivaranse á privada"

Pero hai máis?

Aproveitando todo este rebumbio, o día 10 de xaneiro entra en vigor tamén a modificación da Lei de Garantías que, basicamente, implica que se pides cita, pasan 45 días e no Sergas non cha dan para unha consulta ou proba diagnóstica, ou 60 días no caso dunha intervención cirúrxica, derívante á privada. Obviamente, se o persoal e os recursos se reducen, os prazos non se van cumprir nunca. Onte mesmo eu mandei unha doente a traumatoloxía e déronlle vez para dentro de dez meses!

"En Madrid construíronse hospitais que se privatizaron; en Galicia mándanse directamente os paacientes da pública á privada"

É así a realidade común na sanidade pública galega?

Esa é a realidade. É a propia Administración a que incumpre os seus prazos porque non pon os medios para que se cumpran. Calquera que estea metido no sistema sanitario sabe que é inviable porque o propio Sergas o fai inviable. Aquí non se fai como en Madrid, onde se fixeron hospitais que logo se privatizaron; aquí, directamente, pásanse os pacientes da pública á privada. É algo moi lesivo para os intereses da sanidade pública de Galicia. Como pode dicir a Xunta que este novo modelo achega a sanidade aos cidadáns ou mellora o sistema? Deben pensar que falan para xente parva ou que non entende. Como vai mellorar o sistema se estamos vendo cada pouco como con cada pico de gripe se saturan os hospitais ou os servizos de Urxencias?

O presidente da Xunta réstalle importancia a esas saturacións...

Feijóo tamén dixo que en vez de amorear xente nos corredores de Urxencias, mellor que e amoreasen nos cuartos... Home, tamén podía poñer liteiras, pero calquera que entenda como funciona o sistema sanitario sabe que iso implica persoal de limpeza, de cociña, enfermeiros, médicos, etc. Non é só ter o paciente, senón ter os recursos e o persoal para atendelo. É unha verdadeira irresponsabilidade dicir estas cousas. 

"A política do PP está definida e consiste en desmantelar a sanidade pública para que siga medrando a privada"

As críticas de sindicatos, pacientes e plataformas insisten na falta de recursos e persoal. A que cre que é debido?

É unha política definida que consiste en desmantelar o sistema sanitario publico para que sigan medrando os grandes hospitais privados. É a política do goberno do PP e todo o que fai encamíñase a isto, ao igual que privatizan a docencia ou a investigación. Creánse organismos ad hoc para privatizar, como a Axencia Galega de Colocación. Calquera que olle isto desde fóra pensará como é posible gobernar sendo tan forte cos débiles e tan débil cos fortes, pero é así. 

"O problema de saturación nos hospitais nace na Primaria; se non pos substitutos nin cobres prazas, a xente busca alternativas e vai aos PAC ou a Urxencias"

Hai un problema de xestión nos hospitais?

Se debullamos o problema, decatarémonos de que non nace nos hospitais senón  na Atención Primaria. Cando se crearon as EOXI (xerencias de xestión integrada), desmantelaron a Primaria, quitaron a xerencia e pasamos a depender dos hospitais. É o que nós denominamos hospitalcentrismo, porque toda a sanidade pública pasa a depender destes centro. Se desmantelas os servizos de Primaria, non pos substitutos e non cobres prazas, é evidente que a xente busca a vida. Se unha persoa enferma pide cita e non lla dan ata tres ou catro días despois o que fai é buscar alternativas e)  acode aos PAC (Punto de Atención Continuada) ou a Urxencias. O problema non nace no hospital porque non haxa camas, que tamén, senón na Primaria. Se non es capaz de absorber toda a demanda, a xente acode aos hospitais, que recollen todo aquilo que non é atendido na Primaria. É de sentido común. 

É unha cadea, logo? 

É unha cadea pero nace onde nade. Non vale ese diagnóstico, que emprega Feijóo, de que o problema nace por un mal funcionamento nos hospitais. Pois non, iso é un erro porque o problema nace noutro lugar. Pero con todo, a quen lle corresponde que os hospitais funcionen ben é a el e ao Sergas e non aos traballadores. O bo funcionamento do sistema depende deles e se non son capaces de logralo, que os actuais xestores o deixen e o pase a quen saiba resolvelo. O problema non é de funcionamento senón de desmantelamento do sistema sanitario. 

"O problema do sistema sanitario público galego non é de funcionamento senón de desmantelamento"

Á hora de analizar o problema, o Sergas tamén sinala a cidadanía que fai un mal uso das Urxencias. 

Se nas autoestradas a culpa é dos condutores por querer pasar 18 horas no medio da neve, aquí dinche que a culpa é da xente que non acode ao primeiro nivel asistencial. Iso é mentira e botar balóns fóra, acusando a parte máis feble da cadea, que é o enfermo. A xente claro que vai á Atención Primaria, como non vai ir se eu mesmo tiven 53 pacientes no pico da gripe... Pero se a min me chegaron dez persoas sen cita, outras dez irían ao hospital para seren atendidos. Non hai recursos. 

Describe unha realidade moi complicada, cre que é consciente a maioría da sociedade dela? 

Se non se sabe maís é porque grandes medios de comunicación non reflicten esta realidade, senón os informes que día tras día saca a Consellería de Sanidade e que falan dunha Galicia no país das marabillas. Calquera que viva o sistema sanitario en primeira persoa sabe de sobra que non funciona como din. E sábeo tamén calquera que vaia pedir vez porque comproba que iso dos 45 días de espera é unha falacia. Con todo, hai medios que apoian a versión do Goberno e non fan caso das denuncias que se fan, pero hanse enterar do que pasa coa gran manifestación do 4 de febreiro. 

"Calquera que viva o sistema sanitario en primeira persoa sabe de sobrea que non funciona como di a Xunta"

Fala de falta de recursos e medios, de privatización, pero que medida urxente tería que tomar a Xunta para solucionar os problemas da sanidade pública?

É moi doado. Hai unha Lei de Saúde do ano 2008 que está sen desenvolver e que, sen ser a mellor, é moito mellor que a que se quere aplicar agora; hai que desenvolvela con consenso. Tanto o ensino como a sanidade ou a dependencia son cuestións que hai que resolvelas por consenso. Non pode vir un partido, por moito que teña maioría absoluta por catro anos, facer o que lle pete ou desfacer o que lle dea a gana. Teñen que sentarse os partidos cos sindicatos, as asociacións de pacientes, as plataformas sociais e sanitarias, os concellos e as asociacións de veciños e desenvolver a lei de 2008. E o que non se pode facer, sobre todo, é facer as cousas en contra de todos. 

"Os problemas na sanidade non se poden resolver sen consenso e en contra de todos"

De todos?

Na plataforma estamos a elaborar un vídeo no que xuntamos persoas que explican a situación da sanidade pública. Nel aparecen partidos, sindicatos, plataformas, veciños... Pero ningún membro do PP! Pero claro, que imos esperar dun partido que presentou o proxecto para modificar a Lei de Saúde en pleno mes de agosto e que o levou ao Parlamento o 7 de decembro, no medio dunha ponte festiva? Quéreno ocultar porque saben do rexeitamento que hai, pero deron en óso. Imos impedir que o PP desmantele o sistema sanitario público galego. 

Xosé María Dios, na súa consulta en Outes CC-BY-SA Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.